Os sindicatos asinantes do pacto educativo levan a Xunta ao xulgado polo seu incumprimento

Representantes de ANPE, CCOO e UGT presentan o recurso nos xulgados CC-BY-SA CCOO-Galicia

Os sindicatos CCOO-Ensino, ANPE e UGT-SP presentaron na mañá deste mércores nos Xulgados de Santiago de Compostela un recurso contencioso-administrativo contra a Consellaría de Educación polos "reiterados incumprimentos" do Acordo sobre medidas de mellora no sistema educativo público galego, asinado no outono de 2023 co daquela conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto que contara coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

CCOO, ANPE e UGT presentan recurso contencioso-administrativo contra Educación polos "reiterados incumprimentos" do acordo de outono de 2023

A decisión, segundo anunciaron os representantes das tres centrais, chega logo de esgotaren "todos os trámites administrativos —incluída unha queixa á Valedora do Pobo— e constatar múltiples vulneracións": desde a paralización da redución de ratios, ata a limitación de desdobramentos ou a redución do profesorado de apoio, especialmente tras a aprobación da Lei 5/2024, a coñecida como Lei de acompañamento dos Orzamentos.

Segundo Comisións, ANPE e UGT, se se tivese aplicado o acordo asinado daquela na súa integridade, no presente curso escolar contaríase con 282 aulas e ata 396 docentes adicionais, que se sumarían aos 556 xa incorporados, chegando a un incremento total de 952 efectivos.

Representantes de ANPE, CCOO e UGT anuncian o recurso contencioso-administrativo contra a Consellería de Educación CC-BY-SA UGT-Galicia

Ademais, os sindicatos destacan que entre os incumprimentos máis graves destacan os relacionados coa ratio en aulas mixtas e co cómputo de alumnado con necesidades educativas especiais, con 110 e 67 centros afectados, respectivamente. 

Os tres sindicatos denuncian a paralización da redución de ratios, a limitación de desdobramentos ou a redución do profesorado de apoio

“Comprobamos que existe unha interpretación restritiva e obstrucionista por parte da Consellaría de Educación, especialmente a través do servizo de Inspección. Por acción ou omisión, estanse freando de forma sistemática os avances pactados no acordo", dixeron os representantes sindicais, que aseguran que "o último exemplo desta actitude" foi a Instrución 2/2025 difundida aos centros, que "permite vulnerar a foto fixa dos grupos situados entre 20 e 25 alumnos/as no momento de entrada en vigor do acordo".

As tres centrais insisten nesa "actitude obstrucionista" por parte da Xunta e lembran que, malia todo, non retiraron a súa sinatura do acordo, tal e como reclaman organizacións que non o rubricaron. Segundo din, non o fan porque iso "implicaría renunciar a avances xa consolidados e provocar importantes retrocesos"

CCOO, ANPE e UGT din que non retiran a súa sinatura do acordo porque "implicaría renunciar a avances xa consolidados e provocar importantes retrocesos"

Así, citan como consecuencia de rachar o acordo a redución de 556 docentes este curso; a supresión de ata 204 aulas e 300 postos; volta ás ratios de 25 en Infantil e Primaria e incremento en mixtas (de 14 a 25); supresión do cómputo dobre/triplo de alumnado con necesidades especiais; incremento de dúas horas lectivas semanais para o profesorado; recortes salariais por sexenios e equipos directivos; supresión de axudas á formación e licenzas para estudos universitarios; paralización da aplicación progresiva de ratios en Secundaria e Bacharelato; e o freo ao plan de racionalización burocrática e ás reunións telemáticas.

Rueda saúda os representantes de CCOO, ANPE e UGT na sinatura do pacto educativo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Os tres sindicatos aseguran nun comunicado que "no actual contexto de descenso demográfico —con case 3.000 alumnos menos cada curso"—, o acordo asinado coa Xunta "evitou a perda de máis de 800 aulas e 1.200 docentes nos vindeiros tres anos". "Só neste curso, rompeuse a tendencia: creáronse 10 aulas e 21 postos definitivos fronte á destrución acumulada de 239 aulas e 334 postos en cursos anteriores", din CCOO, ANPE e UGT, que din "reafirmar" a súa folla de ruta: denuncia pública, mobilización, acción institucional e vía xudicial. Porque cumprir os acordos non é unha opción, é unha obriga.

O acordo asinado en outubro de 2023 por estes sindicatos fora rexeitado pola CIG-Ensino, central maioritaria no ensino, e mais por STEG e CSIF. As tres formacións acadaran o 60% da representación nas eleccións sindicais dun ano antes e definían o pacto como "da infamia". 

Aquel rexeitamento provocara a convocatoria de folga e unha intensa mobilización por parte do profesorado en contra da sinatura do acordo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.