Desde que o pasado 11 de outubro tres dos catro sindicatos con representación na mesa sectorial de educación asinaron un acordo sobre a redución das ratios nas aulas e dos horarios lectivos —entre outros aspectos—, máis dunha vintena de correos electrónicos chegaron aos docentes do ensino non universitario galego. Comunicacións de seis sindicatos diferentes, mais unha da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación nas que explicaba as vantaxes dun pacto que foi apoiado por tres centrais pero que é rexeitado pola CIG —maioritaria no órgano de negociación e na representación do profesorado— ademais de polo CSIF, o STEG e a CUT.
"Uns intentan explicar as súas razóns para asinar, outros argumentan por que non o fixeron e ambos cúlpanse mutuamente", resume unha docente sobre un lote de correos e respostas varias que, cre, demostran que a negociación e a sinatura do acordo provocou "unha guerra entre sindicatos" e a "división do profesorado". Entre os mails, tamén os que chaman á folga que para este martes 24 convocou CIG-Ensino no ensino público non universitario, á que se sumaron STEG e CSIF e que tamén apoia a CUT, e que inclúe tamén unha manifestación nacional en Compostela ao mediodía, desde a praza Cervantes á sede da Consellería.
CIG-Ensino convoca a folga de profesorado á que se uniron CSIF e STEG e tamén apoia a CUT; todos suman case o 60% da representación docente
Un paro no ensino contra o que consideran un "pésimo acordo" e unha "claudicación diante da Consellería" por parte de CCOO, ANPE e UGT que, pola contra, defenden que o documento pactado supón unha mellora evidente e "un comezo" para futuros avances no "camiño" de recuperar os dereitos laborais perdidos polo profesorado tras os recortes sufridos hai anos.
Un acordo asinado entre a Xunta e tres organizacións que os sindicatos contrarios ven "froito dunha negociación condicionada polos intereses electorais de Alfonso Rueda". E que no fondo reflicte tamén o conflito que se deriva que nel non estea o sindicato maioritario na mesa sectorial e no propio sector —con máis do 44% dos votos nas últimas eleccións sindicais e o 46% dos delegados— e ao que se opoñen as centrais (CIG, STEG, CSIF e CUT) que suman o 59% da representación do profesorado e case o 62% dos votos nos últimos comicios.
Onde CCOO, ANPE e UGT ven unha "mellora", CIG, STEG, CSIF e CUT ven "un pésimo acordo" e unha "claudicación" á Xunta e aos intereses de Rueda
CIG, STEG e CSIF chaman á folga para "non tragar" cun acordo que cren que "renuncia a defender" a recuperación de dereitos e a asumir "melloras reais" e advirten de catro "compromisos irrenunciábeis" que non se recollen.
Refírense á recuperación dos horarios lectivos do profesorado de 18 e 21 horas en Primaria e Infantil e Secundaria respectivamente, a redución dos ratios en todas as ensinanzas comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa, a aplicación de medidas inmediatas para a redución da burocracia e a repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellería entre todo o profesorado.
A CIG e o resto de sindicatos que apoian a folga consideran inasumible un acordo que non asegure reducir a 18 e 21 as horas lectivas en Secundaria e Primaria
A CIG, así como o resto de sindicatos que rexeitan o acordo, advirten que supón unicamente a redución a 20 horas semanais lectivas en Secundaria e 23 en Primaria e que o propósito de deixalo en 18 e 21, como antes dos recortes, queda a expensas dunha redución a 35 horas totais para todo o persoal da Administración autonómica que "a propia Xunta negou esta semana".
Respecto das ratios, resumen o acadado nos 20 alumnos por aula en Infantil a aplicar en tres cursos, 20 en Primaria en nove anos, así como a intención de chegar aos 25 na ESO e aos 30 no Bacharelato pero "sen negociar o calendario de aplicación até dentro de varios anos e sen fixar datas para ese descenso". Tamén critican que non se recolla ningunha medida efectiva e de aplicación próxima para a redución da burocracia.
Mentres agroma a división sindical, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presume dun acordo "histórico" que supón "unha transformación" e critica a CIG por "partir dunha postura de máximos" e negarse "practicamente a negociar".
Queda por ver a resposta do profesorado ante unha folga na que os equipos directivos dos centros educativos serán os encargados de fixar o persoal que conformará os servizos mínimos. A Consellería publicou este luns a orde que incide na necesidade de que as dotacións mínimas garantan o "servizo esencial da educación", entendido tanto pola "actividade docente" como pola "vixilancia e coidado" dos menores.
Crítica da CIG aos servizos mínimos
Así, ordena que os centros deben permanecer abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza do director ou, no seu caso, outro membro da dirección que o substitúa. Naqueles colexios de menos de seis unidades, o director pode ser substituído por outra persoa que forme parte do equipo docente. En calquera caso, será a dirección de cada colexio ou instituto a que designe os distintos servizos mínimos e publicaraos no taboleiro de anuncios.
CIG-Ensino criticou os servizos mínimos por abusivos ao entender que o profesorado das unitarias verá "dificultado o seu dereito a secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros".