A CIG-Ensino anunciou unha folga xeral no ensino galego contra o acordo de ratios nas aulas e redución de horario docente que si asinarán CCOO, ANPE e UGT.
CIG-Ensino, sindicato maioritario, rexeita a proposta da Xunta que si asinarán CCOO, ANPE e UGT
Ante a última proposta presentada pola Consellería de Cultura e Educación o pasado luns, a CIG-Ensino —sindicato maioritario na educación en Galicia e con 8 dos 15 postos na mesa sectorial— respondeu anunciando a convocatoria deste paro xeral o vindeiro martes 24 de outubro co obxectivo de amosar así o rexeitamento a unhas medidas da Xunta que consideran "insuficientes" e unha "chantaxe".
O sindicato nacionalista fixo un chamamento ao resto de organizacións sindicais a non aceptar o documento definitivo, sumarse ás mobilizacións e mesmo acordar unha data alternativa á proposta entre todas. Pero os outros sindicatos con representación na mesa sectorial non universitaria si deron o visto e prace á proposta da Xunta, que asinarán o mércores.
Educación propón a redución progresiva das 'ratios' en Primaria e Infantil, empezando o vindeiro ano por 4º e rematando dentro de nove en 6º de Primaria
O documento final, logo de catro reunións, recolle unha redución progresiva das ratios nos centros públicos e concertados que se iniciaría no vindeiro curso en 4º de Infantil, aulas que pasarían dos 25 alumnos como máximo aos 20. Cada ano iríanse incorporando o resto de cursos ata que en 2032 a redución abranga ata 6º de Primaria. No Bacharelato e na ESO, o compromiso é negociar a redución de 25 a 30 estudantes así que o calendario estea implantado en Infantil, dentro de tres cursos.
No que ten que ver co horario lectivo dos docentes, CCOO, UGT e ANPE ratificarán a redución de 25 a 23 horas semanais en Infantil e Primaria, cando antes de 2011 o límite eran as 21. Pero a Xunta ábrese a máis avances vinculándoo á próxima negociación para a aplicación da xornada de 35 horas a todo o funcionariado da Administración autonómica.
O acordo inclúe incrementos retributivos nos complementos por formación permanente (+15%) e por exercer labores directivos (60 euros máis ao mes), unhas melloras que se aplicarán por completo en 2026. O documento prevé tamén crear xa un grupo de traballo para rebaixar os traballos burocráticos do profesorado.
Para CIG-Ensino, a última proposta de Educación supón "unha oportunidade perdida" para o ensino público por "non reverter os recortes dos últimos 14 anos" e por "non dar resposta ás necesidades reais do profesorado galego". A central nacionalista advirte que o texto final "non recolle ningunha mellora ao respecto do horario lectivo" e pecha "definitivamente" a posibilidade de "recuperar as 21 horas semanais que tiña o corpo de mestras até o ano 2010".
"Adecuación á realidade demográfica"
En canto ao número máximo de alumnado por clase, a CIG cre que tampouco houbo "ningún avance" e que o feito de que en Infantil e Primaria o calendario da redución completa sexa a nove anos vista é "inaceptábel". Porque a diminución da cifra a 20 estudantes por aula só será de aplicación para o vindeiro curso en 4º de Infantil, instaurándose progresivamente en todos os cursos ata 6º de Primaria, que alcanzaría ese número no curso 32-33.
"Na práctica vai supoñer unha adecuación á realidade demográfica que xa estamos a vivir en practicamente a maior parte do territorio galego, con excepción das grandes cidades e áreas periurbanas”, asegura Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, que lembra que a proposta da Xunta supón que da redución de ratios en Secundaria e Bacharelato non se comezaría a falar ata dentro de tres anos.
Bermello criticou duramente que “se deixe fóra ao resto de etapas que nestes intres teñen unhas ratios absolutamente inasumíbeis con 30 estudantes en secundaria, 35 en bacharelato ou até 30 na FP básica”. E considera tamén que os incrementos retributivos que se presentan no documento, foron "deseñados tamén para dividir o profesorado" e "son unha estratexia para intentar acalar o profundo malestar e fartura que hai entre o persoal docente e unha forma de desviar a atención do que son as súas demandas reais”.
CCOO, ANPE e UGT asinarán o acordo por supoñer "melloras" e ser "un camiño" cara a unha meta maior malia recoñecer "non ser suficiente"
Desde CCOO-Ensino, José Manuel Fuentes defende que a proposta supón "melloras para todo o sistema educativo" e que o feito de que a redución das ratios non afecte a todos os niveis "non é unha renuncia, senón unha dilatación" dos tempos.
Desde ANPE-Galicia, o seu presidente, Julio Díaz, celebra ter introducido melloras desde unha primeira proposta "raquítica" aínda que o documento final non sexa "ideal". Pola UGT, Sandra Montero xustifica a sinatura do acordo porque é "un camiño" cara á "meta", aínda que recoñece que "non é suficiente".
Todos estes sindicatos dixeron non compartir a "estratexia" de CIG-Ensino, á que acusan de "negarse a facer propostas" na propia mesa sectorial e propor agora unha folga contra o acordo e non contra a Xunta. ANPE critica que o sindicato "que se di maioritario" leve anos sen alcanzar acordo ningún ao "dicir sempre que non". UGT di que xa esperaba esta reacción do sindicato nacionalista pero volveu defender que a proposta da Xunta era "un avance que non se podía rexeitar".