Galicia afronta o inicio do curso escolar este vindeiro luns 11 de setembro con ameaza de paro entre o profesorado. O pasado xoves foi o sindicato maioritario na educación en Galicia, CIG-Ensino, quen advertiu que "só queda" a vía "das mobilizacións e da folga para recuperar os dereitos laborais arrebatados" no caso de que a Xunta "non avance alternativas".
CIG-Ensino, CCOO e ANPE coinciden en reclamar a redución do horario lectivo, do número de alumnado por aula e da burocracia docente
O sindicato nacionalista exixe que se empece a negociar xa este mes a recuperación do horario lectivo e a redución das ratios e da burocracia docente nos centros galegos. Son reivindicacións semellantes ás que lanzou o pasado martes ANPE, sindicato de profesores maioritario a nivel estatal, que pediu tamén á Consellería de Educación que "negocie xa" esa redución de carga horaria e do labor burocrático, así como do número de alumnado por aula. Se as conversas non se anuncian xa, tampouco descartan a folga. Só un día despois, foi a Federación de Ensino de CCOO a que lanzou a mesma advertencia. "Deberíamos aproveitar esta baixada de natalidade para baixar ratios, en lugar de suprimirunidades e postos de traballo", di Comisións.
Ambos sindicatos exixen á Consellería que faga unha proposta de negociación; se non é así, advirten de "mobilizacións contundentes, incluída unha folga"
A "exixencia clara e irrevogábel" da CIG-Ensino á Consellería é clara: "Ou hai unha proposta negociadora enriba da mesa antes de rematar o mes de setembro para recuperar o horario do profesorado previo aos recortes e para acometer a redución das ratios e a rebaixa das tarefas burocráticas ou o profesorado terá claro que ante o reiterado desprezo ao profesorado dos responsábeis políticos da Consellaría só caben mobilizacións contundentes, incluída unha folga".
Respecto deste posible paro, o sindicato nacionalista xa di que buscará o maior grao de unidade sindical e de resposta social, pero tamén a implicación de alumnado e familias por "seren as principais vítimas da privatización e dos recortes perpetrados pola Xunta no ensino público galego".
Segundo CIG-Ensino, o profesorado galego é o que "conta co maior horario lectivo de todo o Estado" e denuncia que as ratios avultadas "non se reducen malia o momento oportuno que permite unha leve caída na matrícula pola diminución de poboación escolar". ANPE, pola súa banda, sitúa Galicia "na cola" en canto ao número de alumnado permitido por clase e advirte que sgeue nos 25 en Infantil, mentres noutras comunidades está nos 20, ou nos 30 en Secundaria.
"O profesorado durante a pandemia fixo un sacrificio, anteriormente xa tivemos recortes e aumentounos a carga horaria e non imos permitir que vaiamos a unha negociación de cousas que tiñamos melloradas antes da pandemia", din desde ANPE.
Ademais, ambos sindicatos coinciden tamén en reclamar a redución da burocracia "que condiciona o traballo diario do persoal docente".
Así, CIG-Ensino, CCOO e ANPE demandan a recuperación do horario lectivo de 21 horas en Infantil e Primaria e 18 en Secundaria fronte ás 25 e 20 actuais, así como a redución das ratios máximas. Neste caso, a central nacionalista aposta por chegar a 15 alumnos/as máximo por aula en Infantil, 20 en Primaria e 25 na ESO e Bacharelato e ter en conta o alumnado repetidor ou con necesidades específicas para reducir o número de escolares.
"Trátase de reducir o horario lectivo para facer outras cousas, non é reducir o horario laboral", aclara Comisións, que denuncia que en Galicia, desde 2010, o ensino sofre "recortes sobre recortes".
"Débese limitar o número de alumnado ao que ten que atender cada docente, evitando situacións como as actuais nas que unha mesma persoa pode impartir clase a máis de douscentos diferentes", insiste o sindicato, que pide tamén "a ampliación da oferta educativa na rede pública, evitando o peche de unidades e a supresión de profesorado" e que alerta da "aposta polo ensino a distancia en detrimento do presencial" na FP.
Por último, CIG-Ensino denuncia unha cota de interinidade entre o profesorado do ensino galego do 8,5%, "cando o obxectivo declarado pola propia Consellaría é que esta porcentaxe non supere o 5%", así como o elevado número de medias xornadas entre estas interinidades. Tamén pide que se limite o número de alumnos que se poden agrupar en aulas con diferentes niveis educativos, que se revisen os concertos educativos e que se controle que os colexios que segregaban por sexo -e que agora din non facelo para poder recibir subvención pública- cumpran coa Lomloe.