O 21 de agosto de 2017 a Xunta facía oficial a asignación dos concertos educativos ata o curso 22-23. Nese reparto incluíase o financiamento público de 58 unidades docentes en cinco colexios privados que segregaban o alumnado en función do sexo.
Os centros educativos privados segregacionistas ábrense á matrícula mixta para seguiren recibindo financiamento público
Seis anos despois, o Goberno galego vén de publicar este 18 de agosto no Diario Oficial de Galicia o reparto da súa nova orde de concertos, os que financia con 1.900 millóns de euros ata o curso 28-29. Nela volven figurar estes centros con ata 74 concertos, pero tamén coa obriga de convertérense en mixtos, asumida para poderen seguir recibindo fondos públicos sen quebrantar a vixente lei educativa estatal, tal e como avanzou Praza.gal a pasada primavera.
Tras asumir a Xunta que a vixente lei estatal (a LOMLOE) a deixaba sen marxe legal para seguir financiando estes colexios, os centros educativos Montespiño (Culleredo), Peñarredonda (A Coruña) e os vigueses, Las Acacias, Montecastelo e Aloya teñen que deixar de segregar para seguir sendo financiados -o Aloya, especializado en Formación Profesional, xa o fixera nos últimos anos-. Non obstante, como puido comprobar este xornal, cara ao curso 23-24 estes colexios privados con concerto público só ofertaron matrícula mixta en primeiro de Primaria, alegando que no resto de niveis as prazas xa estaban cubertas polo alumnado de cursos anteriores, polo que a realidade segregacionista tardará aínda uns anos en desaparecer de facto.
Estes centros pasan dos 58 concertos logrados no reparto inicial da anterior orde aos 74 actuais, ao sumar novas unidades concertadas en Infantil e FP. En total, a nova orde asigna financiamento público a 3.990 unidades en colexios privados
Mentres isto sucede, estas empresas gañan concertos a respecto da anterior orde. Así, Montespiño e Peñarredonda (ata agora, colexios feminino e masculino, respectivamente) manteñen concertos para seis unidades de Primaria e catro da ESO, pero no caso de Montespiño gaña tamén seis unidades para segundo ciclo de Infantil. É o mesmo que sucede cos vigueses Las Acacias e Montecastelo: continúan con cadanseus seis concertos en Primaria e catro na ESO, pero ademais o ata agora colexio feminino suma 6 concertos en segundo ciclo de Infantil.
Alén dos niveis de ensino obrigatorio, Montecastelo consegue ademais seis concertos para Formación Profesional (foran catro na anterior orde). O Aloya, pola súa banda, ten agora 16 unidades de FP (eran unha ducia na anterior orde), se ben no seu caso a oferta mixta xa vén de anos anteriores.
Estes son algúns dos destaques dunha orde de concertos que, en total, asigna financiamento público a 3.990 unidades escolares. A Consellería de Educación destaca que son "exactamente as mesmas ca no curso anterior", e ben tamén é certo que son máis que ao inicio da anterior orde de concertos, cando ficaran en 3.913. Educación destaca que darán "servizo educativo a arredor de 82.250 estudantes".
Case dúas mil matrículas menos no ensino público no curso 23-24
A publicación da nova orde de concertos coincide coa ratificación, na mesma xornada, dos datos de matrícula no ensino público para o vindeiro curso 23-24. No novo período académico haberá case dúas mil matrículas menos entre Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato.
Son, concretamente, 225.013 as matrículas de estudantes en centros públicos, un descenso de 1.798 no que a forte caída en Infantil e Primaria (-2.643) e o leve descenso en Bacharelato (-115) só é compensado parcialmente polo aumento na ESO (+960). Todo, nun contexto no que "preto do 58% das prazas de novo ingreso", as do alumnado de 4º de Infantil, "quedan libres", indica Educación.
A Xunta pecha tres colexios en Laxe, Padrón e Vimianzo por escaseza de matrícula e a CIG-Ensino alerta da "supresión de 89 prazas e 60 unidades de Infantil e Primaria, un dos maiores recortes dos últimos anos"
Canda estas cifras chega tamén a habitual "modificación do catálogo de unidades" dos centros públicos segundo as cifras de matrícula, tamén publicada este venres no DOG. Entre as súas consecuencias está o peche de tres centros: Torrexallóns en Laxe, Pousada Carcacía en Padrón e a Escola Infantil de Carnés en Vimianzo, por teren unha, dúas e catro matrículas, respectivamente.
Esta reorganización tamén afecta ao número de unidades e, advirte a CIG-Ensino (principal sindicato entre o persoal docente), supón que a Consellería "suprime 89 prazas e 60 unidades de Infantil e Primaria", o cal o sindicato valora como "un dos recortes máis grandes dos últimos anos". "Un ano máis", lamentan, a Xunta "perde unha grande oportunidade para comezar cunha baixada de ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino", ao "antepoñer criterios economicistas á calidade da educación".