O ensino privado non universitario ingresou durante o curso 2020-21 en Galicia 463,4 millóns de euros. Case sete de cada dez euros destes ingresos foron subvencións públicas, dez puntos por riba da media estatal. É unha das conclusións máis significativas da Enquisa de Financiamento e Gasto do Ensino Privado, que o INE publica cada cinco anos.
Só en tres autonomías os ingresos privados superan aos públicos nestes centros, segundo o INE
No total estatal, as empresas e entidades propietarias de centros de ensino privado tiveron nese curso -marcado polas medidas para afrontar a COVID, advirte o propio INE- algo máis de 12.000 millóns de euros en ingresos. Só en tres comunidades autónomas (Madrid, Canarias e Catalunya) os ingresos privados superan aos públicos, que se sitúan na media estatal no 57% do total.
Dada a disparidade poboacional, á hora de realizar as comparativas entre territorios é posible recorrer a dúas vías: a porcentual e aos ingresos medios por estudante. A primeira sitúa a Galicia na banda media, co 67,2% dos ingresos do ensino privado procedentes das arcas públicas, unha porcentaxe que duplica amplamente o peso das cotas do alumnado (tanto por ensinanzas en sentido estrito como por actividades e servizos complementarios), que quedan nun 31% fronte á media do 40%. Galicia, non obstante, está lonxe de territorios como Extremadura, La Rioja, Cantabria ou Castilla y León, onde máis do 80% do que ingresa o ensino privado vén das subvencións públicas.
Os centros privados ingresaron no curso 20-21, marcado pola pandemia, unha media de 2.726 euros públicos por estudante en Galicia. Son uns 600 euros máis que na anterior edición do estudo, hai media década
Ao analizarmos o outro indicador, o da estrutura dos ingresos por estudante en valores absolutos, a media estatal e os valores galegos están máis próximos no referido á achega pública. Nese curso 2020-21, o ensino privado ingresou unha media de 2.726 euros públicos por estudante en Galicia e na media do Estado foron algo máis de 2.600.
Ao observarmos anteriores edicións da mesma enquisa é posible comprobar que a achega pública aumenta en máis de 600 euros por estudante (sempre en valores medios) a respecto da anterior edición do estudo, no curso 2014-15, cando estaba na contorna dos 2.100 euros, un valor semellante ao rexistrado no curso 2009-10. No período 2004-05, no entanto, a achega pública por estudante do ensino privado en Galicia non chegaba aos 1.800 euros. En termos porcentuais, as subvencións pasan de supoñer o 60% dos ingresos medios por estudante hai media década ao actual 67,2%.
Todos estes datos rexístranse nun contexto no que o groso das achegas públicas ao ensino privado se rexistra a través dos concertos educativos. Non obstante, o INE non desagrega esa información por comunidades autónomas. Si o fai para o conxunto do Estado, onde ata o 72% dos ingresos dos centros privados concertados son subvencións públicas, fronte a apenas o 2% nos privados non concertados.
Nos privados non concertados, segundos estes datos, as cotas do alumnado representan ata o 93% dos ingresos na media estatal. A estatística tamén reflicte que, malia á prohibición legal, os centros concertados tamén teñen nas súas contas unha achega relevante das familias: un 16,8% pola vía das cotas e un 8,5% por servizos complementarios, o que supón un total do 25% dos ingresos.
Cinco millóns e medio de beneficios
Regresando outra volta aos datos referidos especificamente a Galicia, as cifras divulgadas polo INE tamén permiten coñecer que, malia aos gastos extraordinarios pola pandemia, o curso 2020-21 rematou en beneficios para o conxunto do ensino privado en Galicia. Concretamente, o seu resultado de explotación foi de 5,5 millóns de euros.
Malia á COVID, o sector rematou o curso 2020-21 en beneficios
Por niveis educativos, o máis beneficioso para estas empresas e entidades é a Primaria, con case 4 millóns de ganancias. Só producen perdas o Bacharelato e o primeiro ciclo de Infantil -este último indicador mudará previsiblemente en vindeiras edicións do estudo pola introdución por parte da Xunta da gratuidade da matrícula tamén nos centros privados-.
Segundo os datos máis recentes da Consellería de Educación, correspondentes ao actual curso 22-23, en Galicia funcionan 286 centros privados de ensino non universitario. Neles estudan algo máis de 15.000 nenas e nenos en Ensino Infantil, máis de 38.000 en Primaria, 28.000 na ESO, 6.000 no Bacharelato e arredor de 8.000 na FP.