É coñecido que o modelo do ensino concertado foi concibido para cubrir as necesidades educativas que os colexios públicos non daban cuberto. O Estado, primeiro, e as comunidades autónomas, despois, ían pagar a empresas e institucións privadas que tiñan colexios da súa propiedade para que os mantivesen como apoio á rede pública ata que a rede pública fose dabondo.
No novo episodio do podcast informativo de Praza.gal sabemos máis dos pagamentos esixidos ás familias en colexios concertados malia estar vetados pola lei
Isto, en teoría. O certo é que xa pasaron décadas e a concertada segue sendo estrutural no sistema educativo ou, cando menos, segue sendo tratada como estrutural. Tanto que nalgúns lugares, especialmente en ámbitos urbanos, optar por un centro público e non polo concertado que toque, por proximidade, continúa supoñendo unha gran dificultade para moitas familias
Este é o contexto do tema do que falamos esta semana no Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao. Hai uns días, as confederacións de asociacións de nais e pais de centros públicos e mais dos privados publicaron un novo informe no que acreditan que o cobro de cotas segue sendo algo habitual nos colexios concertados malia estar prohibido pola lei educativa. Ás veces son doazóns, ás veces son voluntarias, en todo caso, son.
Ao fío dese Estudo de Cotas e Prezos de Colexios Concertados, en Praza quixemos tirar do fío, ir un pouco máis alá, e poñer o foco nos datos galegos e tamén en testemuños concretos a través dunha reportaxe asinada por Miguel Pardo. Con el coñecemos como as cifras apuntan a que aproximadamente o oitenta por cento dos centros concertados en Galicia realizan algún tipo de cobro ás familias, sabemos do método utilizado para realizar o estudo, o do cliente misterioso, e tamén repasamos o peso do ensino concertado no conxunto do sistema educativo galego.
Neste episodio, ademais, coñecemos como valoran a situación dende as asociacións de nais e pais. Facemos escoitando voces como a de Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas. Ao seu xuízo, actualmente non ten sentido a pervivencia do ensino concertado, máis aínda coa situación demográfica actual. Tamén destaca que, dende o seu punto de vista, ademais o ensino concertado é menos eficiente que o público, aínda que o público tamén sufra eivas.
Tamén conversamos con Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de ANPAS de Centros Públicos (Confapa Galicia). En declaracións ao Fálase de Praza.gal incide no risco de agravio comparativo, de afondar nunha educación financiada con fondos públicos de dúas velocidades, toda vez que mentres hai eses cobros adicionais na concertada, na pública en sentido estrito non existen. Carballo coincide tamén na necesidade dunha reflexión máis xeral. Volvendo, tamén no seu caso, ás propias orixes do ensino concertado, pregúntase se ten sentido manter esa rede privada financiada con fondos públicos cando o alumnado vai a menos e mesmo se pechan unidades e centros públicos por esa razón.
Recortes e caneos en VINTE con Isabel Garrido
Neste novo episodio do Fálase abrimos tamén o espazo de VINTE coa súa directora, María Yáñez. Comezamos con música para saber das novas músicas de Berto como músico e tamén como produtor. E continuamos sabendo máis da actriz Isabel Garrido e a pulsión interior que a leva cara a adiante. Unha forza que a subiu aos escenarios desde moi pequena para facer teatro e que a levou a participar no seu primeiro proxecto audiovisual profesional con 21 anos. Agora, que acaba de estrear a obra Recortes, caneos e outras formas de driblar e mais a película La manzana de oro, fálou da súa paixón para VINTE.
No espazo de VINTE no Fálase coñecemos mellor á actriz Isabel Garrido e achegámonos a novas historias da mocidade lucense, desta volta no eido dos movementos sociais
Ademais, estes días VINTE volve estar por Lugo. Outubro é un mes moi lucense e, aínda que xa rematou o San Froilán, o que non remataron son as historias da mocidade lucense en VINTE, desta volta centradas nos movementos sociais. Na cidade da Muralla móvense moitas cousas en torno ao deporte, o activismo, a participación xuvenil, o asociacionismo… e é a xente nova quen está impulsando moitos destes movementos, ou que chega de fóra con ganas de contribuír e mellorar a cidade. Algunha das súas protagonistas comparten as súas experiencias.
Un novo VINTE na Rede con contidos compartidos dende o rural, da tradición oral ás redes sociais ou o último do Café Derby 21 están tamén presentes nun espazo que pechamos con máis música, a do Leo de Matamá nas Miudiño Sessións d'A Regueifa 2.0. Todo, coma sempre, en VINTE.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.