Na primavera de 2017, a Xunta aprobou as normas que ían rexer os concertos educativos en Galicia para os seguintes seis anos, ata 2023, porque os vixentes nese momento estaban a piques de caducar. Ao abeiro da LOMCE, a reforma educativa aprobada en solitario polo Goberno de España nos tempos da maioría absoluta do PP de Mariano Rajoy, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo eliminou a educación en igualdade entre alumnas e alumnos como criterio de preferencia para outorgar estes concertos.
A reforma educativa que avanza no Congreso sinala que os centros que reciban fondos públicos deberán "desenvolver o principio de coeducación en todas as etapas educativas" e "non separarán o alumnado polo seu xénero"
Con esta medida, permitida pola LOMCE, o Goberno galego eliminaba o único atranco que podían ter para acceder ao financiamento público os colexios privados que segregan o estudantado en función do seu sexo, media decena de centros (catro deles dunha empresa do Opus Dei) aos que o propio Executivo de Feijóo librara en 2013 de quedar sen fondos en aplicación dunha orde da Xunta de PSdeG e BNG. Esa salvación, como sentenciaron o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014, fora contraria á lei educativa do Goberno do PSOE de Zapatero. Despois, a LOMCE blindounos.
Pero o escenario, agora si, está a piques de mudar. O Congreso dos Deputados está nas últimas semanas a avanzar na reforma educativa que impulsa o actual Executivo español de PSOE e Unidas Podemos, a coñecida como LOMLOE. O vindeiro venres, 13 de novembro, a Comisión de Educación vota o que será texto definitivo da nova norma como paso previo a elevalo ao pleno e nel queda clara a fin das subvencións para os centros segregacionistas.
A redacción final deste aspecto, incluído no pacto de Goberno do PSOE e UP, foi pactada con Esquerra Republicana de Catalunya no trámite de emendas. O texto acordado regresa, en esencia, ao xa vixente na lei da etapa de Zapatero. Así, "os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos" terán que volver "desenvolver o principio de coeducación en todas as etapas educativas", polo que o criterio da educación en igualdade volverá estar vixente. Ademais, indica explicitamente, "non separarán o alumnado polo seu xénero". Se o fan, non serán financiados con fondos públicos.
O PP galego, de quen dependerá a orde de concertos da Xunta en 2023, ve a nova normativa como un ataque á "liberdade das familias" mediante unha lei "imposta politicamente"
Deste xeito e malia á prolongada tramitación da lei, todo semella indicar que a reforma estará en vigor antes de 2023, cando a Xunta terá que promulgar a súa nova orde de concertos. Deste xeito, os colexios que segregan (Montespiño e Peñarredonda na Coruña, e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo) non poderán optar á subvención co seu actual modelo. Esa mudanza chegará mentres o Goberno galego continúa a evitar concretar cantos fondos públicos reciben. En 2013, aínda baixo a anterior orde de concertos, sindicatos e partidos da oposición estimaran o seu custo nuns 3 millóns de euros anuais.
Fronte á satisfacción amosada polos socios do Goberno central cara a esta mudanza -que, no caso de Galicia, é apoiada polos dous grupos da oposición, PSdeG e BNG-, o PP vén sinalando a reforma como un ataque á "liberdade" das familias e ao seu "dereito a decidir", en verbas do secretario xeral dos conservadores en Galicia, Miguel Tellado, que alerta dun "ataque ao ensino concertado" e dunha "imposición á distribución do alumnado".
Segundo o número dous de Alberto Núñez Feijóo no partido, resulta criticable que esta lei sexa "imposta politicamente". Ao seu xuízo, a ministra de Educación, Isabel Celaá, debera "fixarse no modelo educativo galego", en referencia á política educativa da Xunta. Ese modelo, mantén, si "respecta a liberdade das familias".