A Consellería de Educación di descoñecer canto suman as diversas partidas que entrega cada ano aos cinco centros galegos que separan nenos e nenas e remítese á contía global duns 250 millóns destinada a todos os concertados
A Xunta non sabe canto suman as diversas partidas económicas que entrega cada ano a cada un dos cinco colexios galegos concertados que seguen a discriminar o alumnado por sexo. Así o admite o Goberno galego en resposta a unha petición de información expresa formulada ao amparo da Lei de Transparencia, que elude contestar alegando unha excepción da norma que así o permite no caso de que as administracións teñan que pasar o traballo de reelaborar os datos dos que xa dispoñan para poder ofrecer unha resposta.
Iso é o que argumenta a Consellería de Educación neste caso, no que di que tería que extraer a información “de múltiples expedientes e soportes” xa que non ten detallado “individualizadamente o importe de cada centro”. Educación limítase a remitirse aos orzamentos xerais da Xunta, que suman unha contía global de máis de 250 millóns de euros ao ano para os arredor de 300 centros concertados de Galicia.
En toda España os máis de 70 colexios que segregan por sexo e que aínda contan cun concerto coas administracións autonómicas reciben ao ano uns 130 millóns de euros. Porén, a Xunta é a única que non detalla a contía que destina a eses centros, que en Galicia son cinco: Montespiño e Peñarredonda na Coruña, e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo. Hai uns anos sindicatos e partidos da oposición coincidiron en estimar nuns 3 millóns de euros o importe total que recibían eses centros, pero a Xunta elude confirmar ou matizar esa cifra.
A lei de transparencia establece que as administracións poden inadmitir a trámite as peticións de transparencia “relativas a información para cuxa divulgación sexa necesaria unha acción previa de reelaboración”
O pasado 10 de setembro este diario formulou unha petición expresa de información á Xunta ao amparo da Lei de Transparencia solicitando coñecer “o detalle dos fondos da Consellería de Educación destinados en total e por cada unidade concertada no curso 2018-19” cos anteditos cinco colexios. Fronte ás demoras ou silencios administrativos con que a Xunta adoita tratar ese tipo de peticións de transparencia, neste caso a Consellería de Educación respondeu en pouco máis dunha semana inadmitindo a petición argumentando a excepción contemplada na Lei de Transparencia.
Efectivamente a lei establece que as administracións poden inadmitir a trámite as peticións de transparencia “relativas a información para cuxa divulgación sexa necesaria unha acción previa de reelaboración”. E a Consellería de Educación argumenta que iso sería o que tería que facer para responder á solicitude de transparencia formulada xa que os centros reciben diversas partidas por conceptos distintos, como o número de profesores, persoal complementario, “outros gastos” ou axudas a programas educativos específicos, polo que “habería que extraer información de diversos soportes: de expedientes físicos, situados en diferentes dependencias, e sistemas informáticos (sistema contable); ademais, parte desta información a xestiona o CIXTEC (Centro Informático de Xestión Tributaria, Económica e Contable), polo tanto non está no ámbito funcional de actuación deste organismo”.
En 2017 o Goberno galego estendeu a vixencia dos concertos de catro a seis anos, ata agosto de 2023
Ao tempo que coa súa resposta a consellería admite que carece de datos sistematizados tanto do detalle dos fondos que recibe cada colexio concertado que segrega por sexo como do total dos mesmos, Educación remite na súa resposta ao buscador xenérico de resolucións da web do Diario Oficial de Galicia sinalando que alí se pode atopar tanto a orde na que se indica cantas unidades ten concertadas cada un dos cinco centros en cuestión así como a lei de orzamentos xerais da Xunta na que se establecen os módulos económicos en que se reparten as contías que o Goberno galego destina a todos os centros concertados, a antedita cifra global duns 250 millóns de euros.
A negativa da Xunta a concretar cantos cartos públicos reciben os cinco colexios galegos que seguen a segregar nenos e nenas prodúcese despois de que o Goberno galego establecese que os concertos xa concedidos poidan prolongarse ata o 31 de agosto de 2023, ampliando de catro a seis anos o anterior prazo de vixencia dos mesmos. Igualmente, a Xunta eliminou a preferencia da educación en igualdade para financiar os colexios concertados en xeral.