O Goberno galego só divulgou un único convenio dos varios centos que asinou no que vai de 2019
Máis de tres anos despois da aprobación da Lei de Transparencia galega, obrigada pola lei estatal previa impulsada polo PP que agora critica, a Xunta segue a evidenciar o seu reiterado incumprimento. O Goberno galego vén de notificar cun ano de atraso unha resposta a unha petición expresa de transparencia sobre un convenio que no seu momento non fixera público. Faino indicando que o convenio xa si está publicado na base de datos de convenios, que acumula meses sen incorporar ningún novo acordo.
Segundo a Lei de Transparencia, as distintas consellerías non só teñen a obriga de publicar trimestralmente no Diario Oficial de Galicia o listado de convenios que asinan con outras institucións ou empresas privadas, algo que si están a cumprir, senón tamén de facer público de xeito íntegro o seu texto en internet. Para regular ese rexistro de convenios o Goberno galego leva anos tramitando un novo decreto e mentres a obriga de facelos públicos en internet acumula notables atrasos. No que vai de 2019 só hai un publicado dos varios centos que xa asinou todo o Goberno galego. De 2018 o cumprimento desa publicidade é moi dispar dunha consellería a outra e en 2017 chegou a acumular nove meses de parálise.
Ante o atraso na publicación dos convenios en internet, este diario formulou o 4 de xullo do ano pasado unha petición expresa de transparencia, outra das modalidades de acceso a información pública contemplada na Lei de Transparencia, para acceder ao acordo asinado un mes antes co que a Xunta cedeu espazos da Cidade da Cultura é empresa Indra. Un ano despois, este mércores a Xunta notificou a resolución coa que dá acceso a ese convenio, documento no que expresamente se admite que o prazo para decidir sobre a petición era dun mes. A resolución coa que a Dirección Xeral de Relacións Institucionais dá acceso ao convenio ten data do 23 de xullo do pasado ano, pero a notificación da mesma chega un ano máis tarde.
Na resolución a Xunta non facilita directamente o convenio solicitado senón que remite á base de datos de convenios en internet, onde se pode comprobar que o convenio en cuestión só foi divulgado alí despois da petición expresa deste diario e mentres outros convenios máis antigos seguían acumulando máis atraso sen ter a obrigada publicidade. O texto en cuestión sobre o acordo da Xunta con Indra limítase a indicar que a empresa pagará un alugueiro polo espazo da Cidade da Cultura que ocupe o seu Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS), pero non se especifica o importe, que se remite a unha tramitación posterior.
Esta mesma semana a Fundación Cidade da Cultura fixo pública a súa memoria anual correspondente ao ano pasado na que reflicte que o complexo recibiu en 2018 tantos asistentes a eventos privados como visitantes ás exposicións públicas.