A transparencia ségueselle a atragoar á Xunta, desta volta á Consellería de Economía, cuxa Dirección Xeral de Enerxía e Minas, dirixida polo veterano popular Ángel Bernardo Tahoces, que como deputado na oposición era un dos máis duros contra o bipartito, incumpre prazos legais e pon todo tipo de obstáculos para facilitar información en materia de impacto ambiental dos parques eólicos ou as canteiras. As queixas contra Enerxía e Minas son reiteradas por parte de diversas organizacións ecoloxistas e mesmo conta cunha sentenza condenatoria pola súa falta de transparencia.
O departamento dirixido polo veterano popular Ángel Bernardo Tahoces incumpre prazos legais e pon todo tipo de obstáculos para facilitar información en materia de impacto ambiental dos parques eólicos ou as canteiras
Praza.gal formulou o pasado 27 de marzo unha petición de transparencia á Xunta para ter acceso aos resultados das comprobacións periódicas do impacto que ten sobre a mortandade de aves o parque eólico de Cordal de Montouto, entre Guitiriz e Aranga. Unha vixilancia que a Consellería de Medio Ambiente obrigou a realizar na declaración de impacto ambiental coa que autorizou en 2010 ese parque eólico inaugurado en 2015. Porén, ese seguimento periódico imposto por Medio Ambiente e que realiza unha empresa externa é agora supervisado por Enerxía e Minas, a onde se desviou a petición de transparencia o 12 de abril, 16 días despois de formularse.
Enerxía e Minas deixou pasar o tempo e non deu ningunha resposta a esa petición de transparencia dentro do prazo máximo dun mes que contempla a lei. Superado ese tempo, o que a lei considera como silencio administrativo negativo, este diario formulou unha reclamación ante a Comisión da Transparencia de Galicia, responsabilidade da Valedora do Pobo, o 11 de maio. Tres semanas despois dese recurso, máis de dous meses despois de formulada a petición orixinal, Enerxía e Minas emitiu o 1 de xuño un requirimento solicitando a este diario que acreditase o pagamento de taxas que ao seu ver eran obrigadas para poder obter os informes ambientais solicitados e, ao tempo, pedía que se concretase “o formato da documentación solicitada”.
A lei de transparencia de Galicia sinala na súa disposición adicional cuarta que “o acceso á informacións será gratuíto” e que só “poderán estar suxeitas ao pagamento de taxas” a “obtención de copias e a transposición a formatos diferentes do orixinal”. En ningún momento das súas varias comunicacións Enerxía e Minas indicou a este diario que taxa concreta era a que supostamente tiña que pagar para acceder á información nin ofreceu ningunha vía para preguntalo senón que advertiu de que a non contestación en tempo suporía o arquivo do procedemento. Este diario respondeu ao requirimento tres días despois sinalando que desexaba ter acceso aos informes en formato dixital e polo tanto sen que fosen esixibles taxas.
Enerxía e Minas acabou facilitando a información dous meses por riba do prazo legal, tras un silencio administrativo e dúas reclamacións á Comisión de Transparencia, nun portátil da propia Xunta na mesa dunha funcionaria en vez de remitila de xeito telemático
Ese novo movemento foi tamén comunicado á Comisión de Transparencia para que fose supervisado no marco do recurso formulado previamente. E ao tempo que se respondeu a ese requirimento como se fose un cidadán calquera o que formulase a petición, este diario púxose en contacto co departamento de comunicación da consellería facéndolle ver os obstáculos atopados para acceder á información solicitada. Dúas semanas máis tarde, dous meses e medio despois de formulada a petición orixinal, o departamento de comunicación respondeu avanzando que Enerxía e Minas facilitaría nos días seguintes a información a través da canle administrativa de transparencia.
Esa resposta non foi tal. O 20 de xuño o recibido a última hora da mañá foi unha notificación electrónica asinada polo propio director xeral de Enerxía e Minas na que se indicaba que a información solicitada “se atopa en custodia” nos servizos centrais dese departamento en San Caetano e ofrecía a posibilidade de consultala alí ao día seguinte de 10 a 12 horas e un día máis tarde no mesmo horario.
Malia o axustado do tempo, con menos de 24 horas para poder acceder aos documentos, ao día seguinte este diario desprazouse ás oficinas de Enerxía e Minas dentro do horario ofrecido. Alí atopouse con que os informes solicitados non estaban en formato papel, malia os impedimentos amosados ata ese momento por Enerxía e Minas para acceder a eles de xeito dixital argumentando a necesidade de pagar taxas por copia ou obrigar a consultalos presencialmente.
Tras todos os atrancos, os informes revelaron que en tres anos no parque eólico de Cordal de Montouto atopouse un cadáver dunha curruca rabilonga e dous de morcegos, o que supón un "impacto reducido" dos muíños sobre a avifauna
En vez de remitir os informes solicitados por correo electrónico ou outro tipo de transferencia telemática, Enerxía e Minas acabou facilitando o acceso aos mesmos tres meses despois da petición de transparencia (dous meses por riba do prazo legal), tras un silencio administrativo e dúas reclamacións á Comisión de Transparencia. Fíxoo facilitando a súa consulta en formato dixital nun ordenador portátil da propia Xunta na mesa dunha funcionaria á que iso lle supuxo deixar de facer outros traballos.
Tras todos eses atrancos, os informes revelaron que o parque eólico de Cordal de Montouto está a ter un "impacto reducido" sobre as aves xa que durante os tres anos avaliados non foron atopados nas súas inmediacións máis que un cadáver dunha curruca rabilonga e dous de morcegos.
Sancións a minas
Ante os atrancos na transparencia sobre o parque eólico, formulouse unha segunda petición para coñecer o detalle das sancións impostas a minas, pero a resposta foi a suma xeral e non o listado de multas, como si fan outras administracións
Ante os atrancos que foi atopando en todo ese procedemento, ao tempo que presentou a primeira reclamación ante a Comisión de Transparencia Praza.gal formulou unha segunda petición de transparencia á propia Dirección Xeral de Enerxía e Minas o 11 de maio, desta volta solicitando “información ao detalle (descrición, importe, etc.) das sancións impostas pola Xunta a actividades mineiras que obre no seu poder”. Matiz ese último que se non se realiza nas peticións de transparencia está a servir ao Goberno galego para desestimalas argumentando por sistema que non toda a información solicitada está no seu poder, ou que o volume dela obrigaría a reelaborala para facilitala e que a lei permite non ter que facelo.
Novamente esa segunda petición de transparencia quedou sen resposta no prazo máximo dun mes que contempla a lei, polo que unha semana despois de superado ese tempo este diario formulou unha nova reclamación ante a Comisión de Transparencia contra ese novo silencio administrativo. Malia que a petición de información formulada indicaba que se desexaba unha resposta electrónica, e despois de que Enerxía e Minas xogase cos formatos da súa resposta para demorar o procedemento sobre o parque eólico, este diario acabou recibindo resposta dese departamento a través dun correo postal certificado.
“Dende o ano 2009 impuxéronse sancións consistentes en imposición de multas económicas no marco de 93 procedementos que acadaron un importe total que ascende a 2.488.519,39”, é toda a resposta de Minas
Nesa contestación, asinada polo propio Tahoces e en cuxa relación de datas se admite que é formulada fora de prazo, non se achega o detalle solicitado das sancións senón só o dato global de que “dende o ano 2009 impuxéronse sancións consistentes en imposición de multas económicas no marco de 93 procedementos que acadaron un importe total que ascende a 2.488.519,39”. A resposta argumenta que a lei non permite comunicar “datos de carácter persoal relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas”. Porén, multas similares da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a empresas construtoras do AVE por verteduras a ríos si veñen de ser divulgadas tras unha petición de transparencia co detalle dos nomes das firmas sancionadas.
Estes feitos súmanse ás numerosas críticas lanzadas nos últimos anos por diversas organizacións ecoloxistas contra a falta de transparencia do departamento de Minas da Xunta. O Goberno galego xa foi condenado por ocultar información sobre as concesións mineiras en Corcoesto, e a comisión de seguimento do Convenio de Aarhus da ONU sobre información á cidadanía en materia ambiental está a investigar unha denuncia por obstáculos similares.