0 Gardados para despois

A Xustiza condena a Xunta por ocultar información sobre as concesións mineiras en Corcoesto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Hai dous anos, a Xunta acordou declarar de vez a caducidade das concesións mineiras das explotacións Emilita, nº1221, Cidade de Landró nº 1454 e Cidade de Masma, nº 1455, presuntamente da titularidade de Mineira de Corcoesto, filial da multinacional canadense Edgewater, e groso do megaproxecto mineiro aurífero en Bergantiños. Fora o paso lóxico dun proceso que a presión social paralizara xa en marzo de 2014 e ao que unha sentenza do Constitucional pechou a porta definitivamente a comezos de 2016

A Xunta negou a un veciño da zona afectada a documentación sobre os dereitos das concesións mineiras para o proxecto de Corcoesto

Antes, a loita de colectivos sociais, ecoloxistas e da propia veciñanza contra a pretendida megamina a ceo aberto no concello de Cabana foi peneirando a través de mobilizacións, concienciación e batallas legais. Nun daqueles episodios, un veciño da zona reaccionou ante un dost temas que máis preocupaba: a probable caducidade das concesións mineiras e a posibilidade de que este feito dese un golpe definitivo ao proxecto. En novembro de 2012 solicitou acceso á documentación para comprobar se os dereitos sobre as parcelas mineiras Emilita, nº1221, Cidade de Landró nº 1454 e Cidade de Masma, nº 1455 seguían vixentes e pertencían en realidade a Edgewater. O departamento de Enerxía e Minas da Consellería de Economía contestou cinco meses despois negándolle a información requirida, polo que o afectado interpuxo un recurso á desestimación por silencio administrativo durante dous anos e á posterior negativa dunha resolución ditada en xaneiro de 2015, 26 meses máis tarde da primeira solicitude. 

A Administración argumentou que non se podían achegar documentos sobre procesos anteriores ao proxecto nin desvelar datos privados

Agora, cinco anos despois daquela primeira reclamación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de darlle a razón a este veciño de Bergantiños, estima o seu recurso contecioso-administrativo e condena a Xunta a "expedir e entregar" a documentación requirida sobre as concesións mineiras en Corcoesto. Faino varios anos máis tarde da fin do proxecto megamineiro, sen coñecerse aínda a realidade legal daquelas polémicas concesións, advertindo de que as razóns esgrimidas polo Goberno galego para negarse a achegar os documentos "son totalmente insuficientes e inaceptables" e acusando a Consellería de empregar "subterfuxios" para evitar responder ás demandas do afectado. 

O TSXG dá a razón ao demandante cinco anos despois da súa solicitude e dous e medio máis tarde da paralización do proxecto megamineiro

O caso é que a información requirida de nada serve agora para este proxecto, pero si puido ser clave a dilación e falta de contestación levada a cabo pola Xunta ante as demandas veciñais. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños considera "lamentable" que a sentenza "chegue con tantos anos de retardo" e cre que esa "tardanza" na aplicación da xustiza fai que se vexan, "de feito e paradoxalmente, privados dese mesmo dereito que se recoñece na sentenza".

"De que nos serve o dereito de acceder a documentos relacionados cun proxecto se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes, tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en marcha?", pregúntanse. 

Pancarta contra a mina en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) / CC-BY-SA Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños

Tal e como relata a sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, o xefe do servizo de Enerxía e Minas da Delegación Territorial da Coruña rexeitou a solicitude de información alegando que non se podía permitir o acceso a procedementos anteriores no tempo ao tema abordado e que facilitar a información podería desvelar datos de persoas ou empresas que deberían ser privados. Na resolución de 2015, asinada por un secretario técnico da Consellería de Economía, reitérase a negativa e alúdese de novo ao segredo industrial e empresarial e á intimidade das persoas.

A xuíza advirte do dereito constitucional de acceso á información, así como do amparo que a lexislación (estatal e comunitaria) dá á cidadanía para exercer ese dereito e reclamar os documentos. "Non se pode discutir en modo ningún a lexitimación [do afectado] para solicitalos", di a sentenza, na que se insiste en que o demandante "estaba plenamente lexitimado para facer o que fixo". Ademais, lembra que certificou ser veciño da zona afectada pola megamina.

 

"Razóns insuficientes e inaceptables"

 A maxistrada asegura no ditame do pasado 23 de novembro que as razóns dadas pola Xunta para denegar a documentación "son totalmente insuficientes e inaceptables" e engade que é "un mero subterfuxio" dicir que "a posible condición de interesado neste expediente non se podía estender aos expedientes anteriores". 

Alén disto, cualifica de "desacertados" os argumentos da Consellería e asegura que non hai "razón concreta e fundada ningunha demostrativa da existencia de posible vulneración da intimidade das persoas". De feito, lémbralle á Xunta que o único que reclamou o demandante foi a resolución pola que se tiña outorgado autorización de transmisión dos dereitos mineiros á concesionaria, o expediente de autorización da transmisión, a resolución de consolidación destes dereitos mineiros e as escrituras públicas que demostrasen que se exerceu a opción de compra por parte da empresa. Como lembra a xuíza, ningún deses informes é "documento nominativo ningún, nin contén ningún dato referente á intimidade das persoas nin versa sobre ningunha materia protexida". E advírtelle á Administración que ela mesma podería ter borrado calquera dato persoal ou protexido polo segredo industrial. 

A xuíza cre que as razóns dadas pola Xunta para denegar a documentación "son totalmente insuficientes e inaceptables"

Así, a maxistrada -nunha sentenza que aínda é recorrible- estima o recurso contencioso-administrativo deste veciño contra as desestimacións por parte da Xunta da información requirida e anúlaas "por ser contrarias a dereito". E condena a Administración a "expedir e entregar" as copias solicitadas ao demandante, algo que a Consellería de Economía aínda non fixo. 

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños pregúntanse agora "que levou á Administración a ocultar o estado das concesións durante tanto tempo" e "cal foi o motivo polo que a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas da Coruña puxo tanto empeño en obstaculizar o acceso a esta información concreta". "Acaso as concesións, tal como nós pensábamos, non estaban vixentes, e era consciente das consecuencias que tería o feito de que esta información transcendese á información pública?", insisten. 

Por último, din "agardar" que a sentenza "se cumpra" para poder "coñecer a resposta a estes interrogantes e que sirva para que a Xunta "non volva reter información que debe ser pública". "No caso de facelo, que a Fiscalía Anticorrupción tome as oportunas medidas para depurar as responsabilidades que puidese haber", remata, antes de que un dos membros da plataforma confíe en que este precedente legal axude a que a veciñanza afectada por outros megaproxectos mineiros polémicos, como é o caso do de Toure e O Pino, poidan acceder sen atrancos a toda a información. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.