0 Gardados para despois

A Xunta confirma a perda dos dereitos mineiros en Corcoesto, o golpe final para a mina

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Punto final ao polémico megaproxecto mineiro de Corcoesto. A Xunta vén de confirmar a caducidade das concesións mineiras da empresa Edgewater na comarca de Bergantiños a través dunha resposta parlamentaria ao grupo parlamentario de AGE. A nova, agardada desde hai meses, supón o golpe definitivo a unha iniciativa que provocara unha forte contestación social e mesmo política en toda Galicia. Supón a perda dos dereitos mineiros da compañía e a fin, desta si que semella que de vez, desta proposta de xigantesca mina.

A Xunta confírmalle a AGE a perda dos dereitos mineiros de Edgewater en Corcoesto

"Remata así unha loita popular cunha nova vitoria na loita de resistencia contra a megaminería destrutiva", recoñece a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a quen AGE comunicou unha noticia que levaba meses esperando. Así, a Xunta acordou declarar a caducidade das concesións mineiras das explotacións Emilita, nº1221, Cidade de Landró nº 1454 e Cidade de Masma, nº 1455, de titularidade de Mineira de Corcoesto, filial da multinacional canadense Edgewater. Un proceso iniciado en xaneiro de 2015, cando o Goberno galego resolveu desestimar o recurso imposto pola compañía contra a anterior denegación do proxecto de explotación. En maio, a Consellería de Economía acordou iniciar o expediente de caducidade das concesións, que se confirmou no mes de agosto pasado tras ser revisadas as alegacións presentadas pola multinacional. 

É un golpe ao "núcleo fulcral da pretendida mina a ceo aberto de Corcoesto" que "inviabiliza na práctica o proxecto mineiro"

A caducidade das concesións mineiras das explotacións supón, como lembra a plataforma, un golpe ao "núcleo fulcral da pretendida mina a ceo aberto de Corcoesto", polo que ao decaer os dereitos mineiros -concedidos irregularmente e que foran denunciados pola veciñanza e por organizacións sociais- "inviabilizan na práctica totalmente o proxecto mineiro de Corcoesto". 

Paco García, voceiro da plataforma, lembra que a denegación do proxecto por parte da Xunta foi "fundamental" pero aclara que sen a perda destes dereitos mineiros, Edgewater podería telo intentado cantas veces quixera. "Agora non teñen ningún dereito sobre a zona; era o último trámite que faltaba para acabar de vez coa actividade e coas intencións da compañía", insiste.

A plataforma amosa a súa "satisfacción" polos éxitos acadados nesta "loita popular na defensa da nosa terra e do noso xeito de vida fronte aos intentos do novo colonialismo por destruír os nosos recursos". Ademais, agradecen o esforzo de "todas as persoas, colectivos sociais, concellos, partidos políticos, sindicatos ou grupos ecoloxistas que, dende un primeiro momento, puxéronse do lado da nosa loita, conseguindo entre todos e todas parar esta barbarie. 

"Está ben claro que foi a loita social a que logrou deter este megaproxecto e non a vontade propia da Xunta; toda Galicia se mobilizou, non só a comarca, e houbo moito implicación desde as universidades ata a veciñanza, pasando por moitos colectivos e organizacións", destaca García, que advirte que "todo o mundo conta" nunha pelexa como a que levou a cabo Corcoesto contra a minería contaminante. 

Esta nova vitoria para o colectivo contra a minería destrutiva chega logo de que Edgewater reclamase 20 millóns ao Goberno galego ante os tribunais pola denegación do proxecto. Agora, a cancelación destes dereitos para a firma supón tamén un novo risco para a zona: Sacyr e o seu desembarco no negocio da minería. Esta construtora, símbolo da etapa máis esaxerada a burbulla inmobiliaria e fortemente vencellada á obra pública, xa anunciou a principios de ano o acordo coa canadense Macquarie Capital para reactivar proxectos mineiros en España. Foi a través da súa filial Valoriza Minería e mediante unha alianza coa maior financeira mundial do negocio, que conta con máis de cen acordos en distintas industrias e lugares desde hai anos cun investimento que case alcanza os 2.000 millóns de euros.

A posibilidade de novos intentos empresariais son menores: "a sociedade xa está organizada e ten capacidade de resposta"

Desde a plataforma, Paco García recoñece que a comarca non está a salvo de futuros intentos, pero tamén que as posibilidades de que unha multinacional aposte agora por un megaproxecto como o pretendido é moito máis difícil. "Tería que solicitar os dereitos mineiros, ir a un concurso público... Pero agora a sociedade aquí xa está organizada, temos capacidade de resposta, presentariamos alegacións, difundiriamos informacións e activariamos de novo a defensa da nosa terra, do rural e da nosa forma de vida, que é o importante", asegura. 

"Seguiremos con atención todos os posíbeis movementos que se poidan producir nun futuro porque somos conscientes que onde exista un recurso será obxecto da avaricia do capital máis destrutor que, disfrazado de falsas promesas de prosperidade, pode volver a intentar esta actividade coa complicidade da política subordinada a estes poderes económicos", advirten, no entanto, desde a plataforma nun comunicado. 

O proxecto de Corcoesto prevía unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que puido terse estendido a moitas máis á vista dos permisos solicitados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.