Marcha Edgewater... Chega Sacyr a Corcoesto?

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

Unha batalla gañada, pero unha guerra que segue. A Xunta iniciou xa os trámites para cancelar os dereitos mineiros que Mineira de Corcoesto, filial da multinacional Edgewater, posuía na zona na que pretendía abrir unha xigantesca e polémica mina a ceo aberto na comarca de Bergantiños. O paso, que chega logo de que a empresa reclamase 20 millóns ao Goberno galego ante os tribunais, supón a vitoria da loita cidadá e dos veciños contra as intencións desta firma, que -agora si- parece condenada a esquecerse da iniciativa.

A perda dos dereitos mineiros por parte de Edgewater ábrelle a porta a Sacyr en Corcoesto

Non obstante, a cancelación destes dereitos para Edgewater supón tamén un novo risco para Corcoesto e toda a comarca: Sacyr e o seu desembarco no negocio da minería. Esta construtora, símbolo da etapa máis esaxerada a burbulla inmobiliaria e fortemente vencellada á obra pública, xa anunciou hai menos dun mes o acordo coa canadense Macquarie Capital para reactivar proxectos mineiros en España. Foi a través da súa filial Valoriza Minería e mediante unha alianza coa maior financeira mundial do negocio, que conta con máis de cen acordos en distintas industrias e lugares desde hai anos cun investimento que case alcanza os 2.000 millóns de euros.

Sacyr deixou claras as súas intencións a través do director xeral de Valoriza, Gonzalo García, que advertiu que o acordo coa financeira "supón unha extraordinaria oportunidade para colaborar con aqueles promotores que por motivos económicos ou técnicos non puidesen desenvolver os seus permisos de investigacións ou as súas concesións mineiras".

A alianza da construtora cunha importante financeira do negocio permitiríalle cumprir cos requisitos económicos

A frase parece feita a medida para Corcoesto, cuxo proxecto por parte de Edgewater fora rexeitada pola Xunta por non cumprir coas garantías "técnicas e financeiras" exixidas. E Valoriza xa advertiu que entre a súa extensa carteira de proxectos de cobre, ouro ou wolframio había terreos en Estremadura, Andalucía, Castela A Mancha e Galicia.

Desde a plataforma Salvemos Cabana advirten das excelentes relacións que Sacyr mantivo sempre cos gobernos da dereita e do poderío económico que agora lle achega a súa alianza. Conseguir o aval económico requirido non sería problema. E obter as concesións mineiras, unha vez que estas xa non pertenzan a Edgewater, tampouco o sería. Mesmo Cora Peña, directora do documental sobre o conflito en Corcoesto que se presenta este vindeiro sábado, advirte da posibilidade de que se retome o proxecto, coñecedora como é de todo o que arrodea á iniciativa logo de dous anos de investigación.

O Goberno galego argumentara que Mineira de Corcoesto non cumpría cos requirimentos técnicos e sobre todo financieros, que exixían uns fondos propios de máis de 100 millóns de euros. Salvemos Cabana cre que a multinacional canadense puido ter liderado o proxecto para realizar o traballo sucio ou simplemente para especular cuns terreos e dereitos que poden acabar en mans de empresas como Sacyr, que agora tería máis doada a súa chegada a Galicia.

O proxecto de Corcoesto prevía unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que puido terse estendido a moitas máis á vista dos permisos solicitados.

Sede social de Sacyr © Sacyr

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.