O Goberno galego vén facendo públicos só durante uns días os seus contratos menores, os que polo seu importe pode entregar a dedo sen pedir máis ofertas pero que suman máis de 800 millóns de euros ao ano, e despois impide calquera posibilidade de acceder a eles. Ante esta situación, o PSdeG presentou no Parlamento de Galicia unha proposta para que a Xunta informe mensualmente á Cámara de todos os seus contratos, iniciativa que o PP rexeitou este mércores empregando argumentos que supuxeron criticar tanto por excesivas como por escasas as normas de transparencia impostas polo Goberno central de Mariano Rajoy.
A Xunta vén borrando os seus contratos aos poucos días, pero a popular Paula Prado critica o Concello de Santiago por non publicar aínda ningún de 2018 malia que a lei só obriga a facelo trimestralmente
Foi a deputada popular Paula Prado a encargada de rexeitar a iniciativa socialista, defendida polo deputado Juan Díaz Villoslada, cargando contra o que considera menor transparencia dos gobernos locais da esquerda. Na súa intervención, que os populares salientan incluso por escrito na súa propia nota de prensa, Prado asegurou que “calquera cidadán de Galicia ten acceso ao rexistro de contratos do sector público autonómico”, considerando así suficiente que os contratos menores, aos que se refería de xeito expreso a iniciativa socialista, só veñan podendo ser consultados uns días antes de que a Xunta os borre.
Porén, a lei de transparencia estatal, así como a recentemente reformada lei de contratos públicos, establece a publicación deses contratos “trimestralmente” e obriga a ordenalos “pola identidade do adxudicatario”, algo que non cumpre a Xunta.
Ao tempo que ao avalar o proceder da Xunta Prado considera excesivas esas obrigas, a deputada tamén as considera insuficientes cando as aplica a gobernos de distinta cor política. Así, malia que a lei obriga a unha publicidade trimestral dos contratos menores, Prado criticou que no Concello de Santiago “non hai colgado un só contrato menor de 2018 na web municipal”. Crítica que fixo a data de 20 de marzo, cando aínda non rematou o primeiro trimestre do ano.