0 Gardados para despois

A Xunta oculta contratos por 800 millóns nun ano tras facelos públicos só unha semana

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 2015, en plena vaga de casos de presunta corrupción ligados ao PP en diferentes puntos do Estado e en vésperas dunhas eleccións municipais que se prevían especialmente complexas para os populares, o presidente da Xunta deu en anunciar un "plan de impulso democrático" contra as prácticas corruptas que incluíu a aprobación dunha nova lei de transparencia para substituír á do ano 2006, aprobada en tempos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. A nova normativa trouxo consigo novidades como a publicación dos salarios dos altos directivos da Administración e tamén a difusión en internet dos contratos menores, as contratacións de materiais ou servizos que, por teren un importe reducido, a Xunta pode adxudicar directamente, sen organizar un concurso nin pedir máis dunha oferta. No entanto, este avance na transparencia contractual traía consigo un engado, dura só unha semana por contrato, e unha consecuencia: é imposible recuperar o destino de máis de 800 millóns de euros públicos nun ano.

Como informou Praza.gal, o Goberno galego dá acceso aos seus contratos menores a través do seu portal de transparencia, que redirixe á súa web de contratacións públicas. Esta plataforma permite realizar buscas detalladas e recuperar contratos da Administración galega ao longo dos anos cunha única excepción, eses contratos menores, que son borrados unha semana despois da súa publicación. Pérdese así o rastro dos contratos celebrados por un procedemento que, segundo datos fornecidos polo propio Goberno galego, é o que maior volume de fondos públicos sumou no primeiro ano en que esta información foi pública, o 2016.

Os contratos menores supuxeron no primeiro ano en que foron públicos, o 2016, o 47% dos máis de 1.845 millóns que sumaron todas as contratacións da Administración galega

Foi nese ano 2016 cando os preceptos da nova lei de transparencia galega tiveron que combinarse cos do texto estatal, que obriga as Administracións a publicar anualmente datos estatísticos sobre o volume orzamentario que absorbe cada tipo de contratos. Nese primeiro exercicio a Xunta asinou 123.903 contratos menores aos que destinou 868,96 millóns de euros. Ou, o que é o mesmo, resulta imposible repasar que empresas subministraron materiais e servizos á Administración en operacións que supuxeron o 47% dos 1.845,9 millóns de euros que sumaron todos os contratos da Xunta nese exercicio económico.

Os contratos superaron en importe os procedementos abertos -os concursos públicos máis ordinarios, aos que pode concorrer calquera empresa-, que nese ano roldaron os 808 millóns e estiveron moi por diante dos contratos pola vía do procedemento negociado -aos que se convida a unhas empresas determinadas-, con algo menos de 150 millóns. O resto de procedementos sumaron importes moito menores.

A Xunta alega razóns técnicas para borrar os contratos menores unha semana despois de difundilos, pero outras Administracións, como algúns concellos, mantéñenos publicados

A explicación que ofrece a Xunta para non manter accesibles ao público os seus contratos menores é técnica. Como informou este diario, dende o Goberno galego arguméntase que o número de contratos menores é moi elevado e, daquela, xera un volume de información moi amplo que non é posible manter no sitio web de contratos da Xunta, onde os datos básicos de cada contrato son amosados durante unha semana para despois ser borrados. O Executivo transita así pola ambigua liña da propia lei de transparencia, que indica que a información dos contratos menores debe ser publicada "polo menos trimestralmente, no portal web de transparencia".

Así e todo, outras Administracións públicas sobre as que pesa a mesma obriga de informar a cidadanía sobre os seus contratos menores optan por outras fórmulas de presentación da información dos contratos menores que lles permiten mantela accesible ao longo do tempo. É o caso dalgúns concellos, que con periodicidade dispar publican nos seus sitios web listados de contratos menores coa información básica de cada procedemento e, unha vez publicados, quedan dispoñibles para a súa consulta xeral. Así o fan, por exemplo, o Concello de Santiago -con información dende 2014-, o Concello de Lugo -con contratos menores publicados dende 2012- ou o Concello de Pontevedra -con información dende 2015-.

Información dispar para todo tipo de produtos e servizos

Exemplos de tres contratos menores de diferentes departamentos, borrados unha semana despois de seren publicados

Unha ollada aos contratos menores da Administración galega antes de seren borrados permite comprobar a multitude de áreas nas que actúa a Xunta na súa actividade cotiá. Pero tamén son mostra da recorrente presenza dalgunhas empresas nestas contratacións, da elección de compañías de áreas xeográficas dalgúns altos cargos para subministrar produtos aos departamentos que dirixen ou do deficiente nivel da información que é publicada durante esa semana en que os contratos son accesibles.

Algúns dos contratos inclúen unha referencia concreta do gasto, pero outros inclúen conceptos difusos ou números que fan imposible saber por que produto ou servizo pagou a Administración

Entre estes contratos menores abondan os subministros habituais a todo tipo de centros administrativos -material sanitario ou consumibles para fotocopiadoras, por exemplo-, reposicións de mobiliario de toda caste de importes ou pagamentos por reparacións, aínda que tamén outros contratos máis rechamantes. Algúns exemplos dos segundos nestes últimos meses poden ser os 2.000 euros destinados pola Axencia Turismo de Galicia a sufragar a viaxe dunha banda de gaitas á canonización no Vaticano de Faustino Míguez, un sacerdote orixinario de Ourense, os 7.000 euros que pagou o Instituto Galego de Promoción Económica á publicación Galicia en el mundo para a "cobertura informativa" da visita dunha "delegación da Xunta a México" ou os 5.900 euros que pagou a Consellería de Política Social por unha conferencia de Josef Ajram, mediático broker de bolsa.

Na banda oposta a estes contratos están outros dos que, durante a súa fugaz aparición na plataforma pública, é imposible coñecer en que consisten exactamente. Non en van, entre os centos de contratos menores que a Xunta publica cada semana para despois borralos abondan os que teñen como referencia conceptos difusos como "outro material", "outros" ou "produtos alimenticios", os que indican como obxecto do contratos un simple número sen máis indicación ou os que sinalan como obxecto da contratratación o nome do centro da Administración ao que vai destinado o produto ou servizo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.