0 Gardados para despois

As principais obrigas da lei de transparencia de Feijóo entrarán en vigor co próximo goberno da Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O 27 de xaneiro de 2015, en plena vaga de esixencia de explicacións por presuntos casos de corrupción e despois de rexeitar máis de 40 solicitudes de comparecencia ao respecto, Alberto Núñez Feijóo presentaba no Parlamento o seu "plan de impulso democrático" contra as prácticas corruptas. O presidente da Xunta asegurou daquela que "en cincuenta días" estarían en marcha "cincuenta medidas": "o vamos a acadar, con ou sen vostedes", advertiu ao resto de grupos, mentres anunciaba plans como unha nova lei de transparencia. Alén de que o axustadísimo prazo de 50 días non foi cumprido, máis dun ano despois moitas das medidas anunciadas están aprobadas ou en proceso de estalo, se ben unha das principais, a devandita lei de transparencia, suporá maiores obrigas para o próximo goberno da Xunta que para o actual.

A nova lei iniciou o trámite parlamentario en outubro do ano pasado e ficou definivamente aprobada o pasado 23 de decembro. O Boletín Oficial do Parlamento publicouna cinco días despois, pero permaneceu nunha caste de limbo durante máis dun mes, non sendo publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) -trámite imprescindible para a súa entrada en vigor-, ata este luns, 15 de febreiro. Tendo en conta a disposición derradeira da norma, que fixa a súa entrada en vigor para vinte días despois da publicación, non será ata a segunda semana de marzo cando o novo texto substitúa a lei de transparencia do bipartito, aprobada en 2006 con normas pioneiras que na actualidade xa foron superadas en moitos ámbitos.

Feijóo anunciara o seu plan anticorrupción como "cincuenta medidas en cincuenta días"

Tal e como avanzou a Xunta no inicio do proceso, a nova lei inclúe avances como a obriga de publicar de xeito transparente datos que ata agora non son públicos ou son de difícil acceso, caso por exemplo do número de vehículos oficiais do parque móbil ou as declaracións patrimoniais dos altos cargos -ata agora só eran publicadas as dos membros do Consello da Xunta e non era legalmente obrigatorio-. Asemade, endurece o réxime de incompatibilidades e clarifica as decisións que poden ou non adoptar os gobernos en funcións, se ben tamén neste ámbito os prazos non comprometen en exceso ao actual gabinete.

O Goberno ten seis meses a conta dende marzo para poñer en marcha os "instrumentos tecnolóxicos" da norma

Alén de que, como calquera outra lei, non pode ser aplicada de xeito retroactivo -a respecto de, por exemplo, as obrigas dos altos cargos á hora de tomaren posesión-, os preceptos a respecto da difusión da información están suxeitos a prazos que, dada a proximidade da fin da lexislatura, resulta difícil que afecten ao actual Executivo. Así na disposición transitoria terceira da norma a Xunta dáse ata seis meses para que os "instrumentos tecnolóxicos" -novas webs, por exemplo- estean "implementados para que as disposicións contidas nesta lei sexan plenamente efectivas". Isto supón que os novos procedementos poderían non estar operativos ata setembro, a pouco máis dun mes das eleccións -agás adianto electoral-.

A Xunta dáse ata un ano para o desenvolvemento regulamentario da nova lei

Aínda máis amplo é o prazo que o Goberno se outorga para aplicar en Galicia "os mecanismos de planificación e avaliación normativa" incluídos nas recomendacións da Comisión Europea no paquete de transparencia coñecido como better regulation. Neste caso o prazo é de oito meses co que, de calquera xeito, será o próximo Goberno galego o que teña que asumir o desenvolvemento da norma. Igualmente, o vindeiro Goberno será o que desenvolva "a estrutura e contidos do Portal de Transparencia e Goberno Aberto" e mesmo as novas normas para os traspaso de poderes, xa que a lei indica que se realizará "nun prazo non superior a un ano" a contar dende o vindeiro mes de marzo.

A propia lei indica que, "mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei", permanecen en vigor normas como o rexistro de convenios, que data tamén da etapa do bipartito. Como informou este diario, este mecanismo de transparencia arrastra un notable atraso na súa actualización que a Xunta atribúe a un déficit de persoal para facelo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.