Os convenios son a forma xurídica dos acordos das Administracións con empresas e entidades públicas ou privadas para realizaren accións conxuntas, con ou sen achega económica por unha ou ambas partes. Ata o ano 2006 Galicia non contaba con norma ningunha que obrigase a Xunta a publicar de xeito sistemático e ordenado os seus convenios; foi daquela cando o Goberno de PSdeG e BNG dispuxo, tras algunhas tensións internas e ao abeiro da primeira lei de transparencia da historia do país, que o contido do Rexistro de Convenios creado polo Goberno de Manuel Fraga en 2002 para centralizar estes acordos pasase a ser público mediante a publicación no sitio web do Goberno das persoas ou entes asinantes, o seu obxectivo, a súa dotación económica e mais a súa vixencia. O actual Executivo ampliou a información pública dese rexistro que, non obstante, en apenas dous anos acumula dous amplos períodos de parálise na súa actualización. O último, de nove meses.
A actualización do rexistro de convenios estivo conxelada dende o pasado novembro
A nova lei de transparencia, lanzada por Feijóo en xaneiro de 2015 cando os casos de presunta corrupción ameazaban a precampaña municipal do PP -foi aprobada polo Parlamento a finais dese ano e tras unha inusual demora entrou en vigor en marzo de 2016-, introduciu novidades como a esixencia de publicación no rexistro público da memoria xustificativa de cada convenio. Tras esta ampliación de información o rexistro funcionou con normalidade durante uns 8 meses. Pero despois do período electoral, o pasado outono, a súa actualización conxelouse e o último convenio dispoñible para a súa consulta foi un asinado a comezos de novembro para a celebración dun evento na Cidade da Cultura.
Así, paralizada en novembro, permaneceu a parte pública do rexistro ata este mes de xullo, cando o Goberno retomou a incorporación de convenios, a maioría correspondentes ao ano 2016. Figuran tamén, polo momento, 24 convenios asinados neste ano 2017 pola Consellería de Sanidade, o Sergas, a Fundación Cidade da Cultura ou a Consellería de Medio Rural, que dá conta dos seus convenios con empresas editoras de 11 xornais impresos para publicar e difundir informacións "relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia" cun importe global de 317.000 euros.
Vicepresidencia atribúe a demora á escaseza de persoal e asegura que vén de "reforzalo" para "poder actualizar o rexistro"
Este freo na actualización normal do rexistro de convenios foi o segundo en apenas un ano, cando a parálise tamén fora duns nove meses. Como daquela, ao ser consultada ao respecto a Vicepresidencia da Xunta indica a Praza.gal que a falta de actualización débese a "un problema derivado da escaseza de persoal", que xa se "reforzou" para "poder actualizar o rexistro", o cal "se está a facer" neste mes de xullo. O departamento de Alfonso Rueda apunta, non obstante, que a relación destes convenios "tamén se publica no DOG de xeito cuadrimestral" e que "os cidadáns poden solicitar un certificado de datos dos convenios" e "mesmo copia íntegra deles" a través da web da Xunta.
O reinicio da actividade do rexistro prodúcese no ano no que, segundo as previsións do propio Goberno, verá a luz o decreto que regulará o "novo" rexistro de convenios, tamén anunciado por Feijóo en 2015 como parte do seu Plan de Impulso Democrático. Á espera de coñecer ese novo decreto, o avanzado pola Xunta ao respecto indica que o novo rexistro terá maior "funcionalidade tecnolóxica" e "transparencia", así como "maior accesibilidade por parte da cidadanía". Así e todo, no que atinxe ás normas de publicación dos convenios o bosquexo de Vicepresidencia non permite augurar grandes avances, alén da devandita publicación das memorias xustificativas. Non en van, o devandito plan describiu o futuro rexistro reproducindo literalmente treitos da lei de transparencia de 2006.