0 Gardados para despois

A Xunta anuncia un "novo" Rexistro de Convenios igual ao que xa existe

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O plan de "impulso democrático" anunciado polo presidente da Xunta para fomentar que "todas" as forzas políticas fagan "exame de conciencia" inclúe a redacción e aprobación dunha nova lei de transparencia que substituirá a vixente dende 2006 e que, segundo Alberto Núñez Feijóo, será unha das "máis avanzadas de Europa". Como a aprobada hai case unha década esta nova normativa regulará o funcionamento do rexistro de convenios, isto é, do xeito en que se fan públicos os datos sobre os acordos aos que a Xunta chega con outras persoas ou entidades baixo esta forma xurídica. Á espera de coñecer os datos concretos do novo rexistro, para cuxa posta en marcha o Goberno se dá un prazo dun ano, o xa avanzado dende o Executivo indica que este mecanismo será practicamente idéntico ao que xa existe.

Ademais da comparecencia do presidente do pasado xaneiro a información dispoñible a respecto deste programa é a contida nun documento de 80 páxinas difundido pola Vicepresidencia hai unha semana. Na páxina 46 o departamento autonómico describe o 'Eixo 4' do plan, a "aprobación dun novo Rexistro de Convenios", no que comeza remitíndose á lei de transparencia estatal, en vigor dende finais de 2014, na que se "establece que se publicará a relación dos convenios subscritos, con mención das partes asinantes, o seu obxectivo, prazo de duración, modificacións realizadas, obrigados á relación das prestacións e, se é o caso, as obrigas económicas convidas". Isto, é, basicamente, o que en Galicia xa era obrigatorio.

A concreción do anuncio reproduce case literalmente un artigo da lei de transparencia vixente de 2006

Neste contexto, a Xunta indiaca que a "futura lei galega de transparencia e bo goberno", ademais de "dar cumprimento aos preceptos normativos básicos", desenvolverá e incrementará estas esixencias, co compromiso de manter un rexistro de convenios público, accesible dentro do portal de transparencia e goberno aberto" que o Executivo galego vai crear. "Unha vez que entre en vigor esta lei -continúa- cómpre elaborar un novo decreto" que "supere e mellore a regulación contida" no vixente, tamén de 2005. Trátase, di, de "aumentar a súa funcionalidade tecnolóxica e a súa transparencia, ao tempo que se garanta unh amaior accesibilidade por parte da cidadanía".

É neste punto onde o programa baixa un chisco ao concreto. "Ademais de estar accesibles os convenios no portal web de transparencia e goberno aberto", indica, "dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro" de cada ano "publicaranse no DOG unha relación dos subscritos referida ao cuadrimestre anterior". "Cando os devanditos convenios impliquen obrigas económicas para a Facenda autonómica -especifica-, sinalaranse con claridade o importe destas, o obxecto do convenio e a persoa ou entidade destinataria da prestación", indica.

Recortes do programa difundido en xaneiro deste ano (esquerda) e da Lei de Transparencia vixente dende 2006

Como é posible comprobar na imaxe que acompaña estas liñas eses preceptos reproducen case literalmente a redacción do artigo 11 da lei de transparencia de 2006. Así as cousas, coa información ofrecida ata o momento cabe deducir que a única novidade reseñable da nova regulamentación a efectos de publicidade e de acceso da cidadanía á información será a inclusión do rexistro de convenios no futuro portal da transparencia, un sitio web obrigado pola normativa estatal . En principio, esta nova ferramenta será máis accesible que o actual emprazamento do Rexistro de Convenios, no interior da web da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia onde, por outra banda, non sempre están dispoñibles en tempo e forma todos os convenios asinados

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.