A Cidade da Cultura recibiu en 2018 tantos asistentes a eventos privados como visitantes das exposicións públicas

Imaxe da flota dunha empresa comercial galega tirada nunha sesión de fotografías celebrada na Cidade da Cultura como evento privado © www.comercialregueiro.es

O pasado ano o custo de mantemento ordinario do complexo estabilizouse en 7 millóns de euros pero a Xunta aínda prevé outros 27 millóns en obras pendentes tras gastar máis de 300 na súa construción desde que o ideou Fraga hai agora 20 anos

A Cidade da Cultura recibiu en 2018 case tantos asistentes a eventos celebrados nela por institucións e entidades privadas, máis de 71.000, como visitantes recibiron as súas exposicións públicas, preto de 73.000. Así se reflicte na memoria de actividades sobre o ano pasado que a Fundación Cidade da Cultura, dependente da Xunta, vén de facer pública tras aprobar tamén hai uns días o seu padroado as contas do pasado exercicio. En 2018 o gasto de mantemento ordinario do complexo estabilizouse en 7 millóns de euros ao ano, sen ter en conta as actividades culturais ou as obra aínda pendentes, cuantificadas en 27 millóns ata 2021 a sumar aos 300 millóns xa investidos ata a actualidade desde que o ideou Fraga hai agora 20 anos.

Segundo a memoria anual da Cidade da Cultura, o pasado ano o recinto do monte Gaiás recibiu uns 830.000 visitantes, cifra na que se inclúen os desprazamentos diarios do persoal que alí traballa en diversos departamentos da Xunta ou espazos alugados a empresas privadas. Desa cifra, 171.653 persoas foron asistentes a algunha das 156 actividades culturais organizadas pola Fundación Cidade da Cultura, das que a maioría acudiron a exposicións, 72.969 visitantes, repartíndose o resto noutros eventos como concertos, visitas guiadas ou actividades para nenos. Un ano antes, en 2017, co mesmo número de actividades, 156, os asistentes quedaran en 120.418 persoas. 

Principais cifras da memoria de actividades da Cidade da Cultura en 2018 © Fundación Cidade da Cultura

Boa parte do aumento de visitantes a actividades culturais do Gaiás atribúese ao éxito da exposición Castelao Maxistral

Boa parte do aumento en 2018 atribúese ao éxito da exposición Castelao Maxistral, que estivo aberta do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo deste ano e que só nos tres meses correspondentes ao ano pasado rexistrou máis de 22.000 visitantes. Pola súa banda, a mostra Galicia universal, a arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación, aberta sete meses de marzo a outubro, obtivo 34.000 visitas.

Fronte a eses 156 eventos impulsados pola Fundación Cidade da Cultura, o recinto acolleu en 2018 un total de 416 eventos de institucións e entidades privadas con 71.282 asistentes. A esas cifras hai que engadir outro 14.113 asistentes a 71 actividades de “emprendemento”, como denomina a Cidade da Cultura aos actos ligados co centro de emprendemento e o coworking que acolle parte do complexo tras a súa redefinición de usos e o intento da Xunta de buscarlle rendibilidade máis alá do ámbito cultural. En 2017 a memoria anual non identificaba os asistentes a eventos privados e cuantificaba nuns 13.000 os de actividades de emprendemento. Neses dous eidos hai actividades de todo tipo, desde sesións fotográficas de empresas privadas a roldas de prensa, preto dunha trintena que a Cidade da Cultura tamén identifica como eventos individualizados

Dos 27 millóns que a Xunta prevé investir en novas obras no Gaiás ata 2021, 17 irán ao edificio Fontán, executado en parte con fondos anteriormente destinados a I+D

Xunto coa memoria anual de actividades, a Fundación Cidade da Cultura vén de facer pública tamén a auditoría das súas contas do pasado ano. Nela reflíctese a estabilización dos gastos ordinarios do complexo nuns 7 millóns de euros ao ano, repartidos en 6 millóns para o mantemento, fundamentalmente a través de contratos externos con empresas de servizos, e un millón en soldos do persoal propio da fundación, que supón unha moi pequena parte das persoas que acolle a diario un complexo no que traballan varios centos de persoas de diversos departamentos da Xunta e de empresas privadas con espazos alí alugados. 

Ademais dos gastos ordinarios e do custe das actividades culturais que desenvolve nel, e tras investir no complexo uns 300 millóns de euros desde que foi ideado hai agora 20 anos por Manuel Fraga, a Xunta aínda prevé gastar en obras na Cidade da Cultura outros 27 millóns de euros ata 2021. A maioría, 17 millóns, obtidos en parte de fondos que ían anteriormente destinados a I+D, irán agora á construción xa en marcha do denominado edificio Fontán, que adapta parte da estrutura sen concluír do que ía ser o Teatro para que sexa empregada como oficinas das universidades galegas.

Investimentos previstos no Gaiás ata 2021 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.