A Cidade da Cultura intégrase na paisaxe (política) 25 anos despois da elección do proxecto de Eisenman

A Cidade da Cultura vista ao fondo sobre Santiago e motivación da elección en agosto de 1999 do proxecto presentado por Peter Eisenman CC-BY-SA Imaxe: Concello de Santiago | Montaxe: Praza Pública

O 26 de agosto de 1999 o xurado designado pola Xunta de Fraga elixía a proposta do estadounidense pola súa "especial sintonía coa contorna", o que só agora comeza a concretarse, ao tempo que críticos coa súa xénese veñen facendo tamén seu o complexo

O 26 de agosto de 1999, hai agora 25 anos, o xurado designado pola Xunta elixía o proxecto do arquitecto estadounidense Peter Eisenman de entre a ducia de candidaturas que se presentaran ao concurso de ideas para a Cidade da Cultura que Manuel Fraga quería construír no monte Gaiás. A súa proposta foi a gañadora pola súa "especial sintonía espacial coa contorna". 

Esa integración paisaxística coa contorna comeza a completarse agora, dúas décadas despois, con obras aínda en marcha. Pero a integración da Cidade da Cultura tamén se percibe na paisaxe política, na que tras anos de críticas de PSdeG e BNG á xénese e xestión do proxecto por parte do PP, agora tamén a oposición comeza a facer seu o complexo, no que xa se celebraron importantes actos de partido.

Maqueta do proxecto de Eisenman para a Cidade da Cultura © Cidade da Cultura

A idea de construír a Cidade da Cultura en Santiago, no monte Gaiás, xurdiu á calor doutros grandes proxectos urbanístico-culturais noutros puntos do Estado, como o museo Guggenheim de Bilbao, inaugurado en outubro de 1997, ou a Cidade da Artes e as Ciencias de Valencia, inaugurada en xuño de 1998. 

En febreiro de 1999 Fraga lanzaba a súa propia iniciativa coa convocatoria do concurso de ideas que acabaría gañando Eisenman o 26 de agosto daquel mesmo ano. Facíao cun proxecto elixido "pola súa especial orixinalidade conceptual e plástica e a especial sintonía espacial coa contorna", segundo a breve xustificación do xurado, que non deixou por escrito ningunha avaliación comparativa co resto de propostas, segundo constataría anos despois a comisión de investigación política desenvolta no Parlamento de Galicia. 

O xurado elixiu o proxecto de Eisenman sen deixar por escrito ningunha avaliación comparativa co resto de propostas

Aínda hoxe a web da Cidade da Cultura describe o proxecto, en verbas do arquitecto Luis Fernández-Galiano, membro significativo daquel xurado, dicindo que cumpriu o requisito "de respectar un contorno milagrosamente intacto" no monte Gaiás de xeito que "constrúe sobre a cima sen dar a impresión de ocupala", cunha "escenografía expresionista e amable que se funde sen violencia co terreo".

Conclusións da comisión de investigación do Parlamento sobre a Cidade da Cultura nas que se recolle a motivación da elección do proxecto de Eisenman CC-BY-SA Praza Pública

Máis alá das valoracións estéticas, o certo é que a propia declaración de impacto ambiental do proxecto emitida pola propia Xunta en 2001 establecía "medidas compensatorias" para paliar o impacto paisaxístico da obra, cun importante movemento de terras no cumio dun monte que daquela era unha "zona libre de edificacións e separadora de núcleos habitados". Unhas actuacións compensatorias, como a repoboación do monte co denominado Bosque de Galicia -que non comezou ata 2015- ou a urbanización das zonas libres como espazos de esparcemento e recreo, que aínda agora están nas súas fases finais.

Esa integración na paisaxe física comeza a ser recoñecida no eido da arquitectura, no que diversos profesionais amosaran no seu momento discrepancias coa actuación impulsada pola Xunta. O Bosque de Galicia foi finalista no apartado de deseño urbano e paisaxe dos premios do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), que mesmo xa celebrou a entrega de premios dalgunha edición na Cidade da Cultura.

E xunto con esa integración física, a integración da Cidade da Cultura na paisaxe política galega tamén avanza. Durante anos a postura de PSdeG e BNG, mesmo no tempo en que estiveron no Goberno galego entre 2005 e 2009, centrouse en criticar a xénese e xestión por parte da Xunta de Fraga dun proxecto que acabou custando máis de 300 millóns de euros, tres veces máis do previsto inicialmente. Despois, xa con Feijóo no Goberno galego, as críticas mantivéronse pola indefinición e cambios de criterios no uso de distintos espazos e polo custe de mantemento.

Vista do Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura © Cidade da Cultura

Foron uns anos nos que Feijóo e o seu Goberno celebraron na Cidade da Cultura todo tipo de actos da Xunta aínda que non tivesen relación co eido cultural. Actos cuxos asistentes acabaron contando como persoas usuarias ou visitantes do complexo. Un tempo no que a oposición -PSdeG, BNG ou as sucesivas Alternativa Galega de Esquerda ou En Marea- evitaba calquera vinculación con ese espazo que consideraba moi patrimonializado polo PP. Era un lugar "de Fraga".

Imaxe publicada polo secretario xeral da UPG, Néstor Rego, do XVI Congreso do partido celebrado hai unhas semanas na Cidade da Cultura © @NestorRego

O PSdeG ou a UPG celebraron nos últimos meses importantes actos políticos nun complexo do que a oposición renegaba ao tempo que o PP tentaba patrimonializar

Pero iso xa mudou. O pasado decembro o PSdeG celebrou a súa convención política na Cidade da Cultura, acto anunciado polo propio Besteiro na mesma Cidade da Cultura e ao que acudiu Pedro Sánchez. E hai unhas semanas, o 7 de xullo, a Unión do Povo Galego (UPG), partido maioritario no BNG, escollía o mesmo recinto para celebrar o seu XVI Congreso. 

A "especial sintonía espacial coa contorna" que se atribuía hai 25 anos ao proxecto de Eisenman para declaralo gañador daquel concurso de ideas espallouse xa a outros eidos.

Convención política do PSdeG celebrada o pasado decembro na Cidade da Cultura CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.