A Unión do Povo Galego (UPG) ratificou este domingo a decisión de que o voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, continúe sendo o seu secretario xeral. Doce anos despois de acceder ao cargo en substitución de Francisco Rodríguez, a principal das formacións integradas no Bloque explica que opta pola continuidade de Rego dada a "valoración moi positiva" do seu traballo e por ser a "persoa adecuada" para seguir no liderado.
Rego, que encabeza a Unión do Povo Galego dende 2012, sinala o "exercicio da soberanía nacional" como "única saída real" aos problemas do país
O décimo sexto congreso da UPG serviu, alén dos debates internos e da reelección de Rego e dos integrantes do Comité Central e Secretariado Político, para celebrar o sexaxésimo aniversario desta formación comunista. Faceren "60 anos de traballo ininterrompido a prol da transformación social da Galiza e da súa independencia nacional non só é motivo de orgullo para o conxunto da súa militancia; tamén pensamos que, modestamente, é un fito histórico para a nosa nación", subliña o partido.
En presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén militante da UPG, Rego puxo o foco na clausura do congreso nalgúns dos eixes centrais das teses políticas aprobadas durante o conclave, celebrado no edificio Fontán da Cidade da Cultura. Especialmente no que atinxe ao "exercicio da soberanía nacional" galega como "única saída real" aos problemas do país. Que, subliñou, non serán solventados polo Goberno de España, aínda que sexa "progresista" ou mesmo aínda que "trate mellor" os intereses galegos.
Pontón enxalza a "capacidade de permanencia" do partido xunto á do propio BNG, no que ve compatible o mantemento da autodeterminación como horizonte co "ensanchamento" da base militante
Nesta liña, a UPG cre preciso "robustecer ideoloxicamente o nacionalismo, reforzando o perfil propio e a súa referencialidade no combate ao espolio do país, ás políticas antisociais impostas e ás consecuencias da dependencia política". Neste sentido, coidan que o propio partido e o Bloque deben subliñar o seu "cuestionar o cuestionamento claro do modelo constitucional e autonómico" mentres melloran a súa "capacidade de intervención social". Todo nun "escenario de grandes desafíos tanto político-institucionais como sociais".
"Fortalecer o partido dende o punto de vista ideolóxico e organizativo" e mais a súa "coherencia interna" mentres impulsan o "crecemento militante", tamén na súa organización xuvenil (a UMG) son outros dos horizontes marcados nun congreso no que Pontón considerou relevante a propia continuidade da organización nestas seis décadas. Esa "capacidade de permanencia", resaltou, só é equiparable á do propio BNG, actualmente no seu mellor momento en canto a representación parlamentaria galega.
Neste sentido, a líder do Bloque coida que é compatible o mantemento da defensa da autodeterminación como horizonte estratéxico co "ensanchamento" da base militante e o afrontamento dos retos electorais. A seguinte cita coas urnas que a formación ten marcada en vermello na súa axenda son as municipais de 2027, evidenciou, agás un adianto das xerais.