A UPG celebra o seu 50 aniversario chamando a fortalecer o "movemento nacionalista"

Cartaz do acto de conmemoración do 50 aniversario da formación © UPG

O 25 de xullo de 1964 fundouse a Unión do Povo Galego (UPG), que este ano celebra o seu 50 aniversario. Para conmemorar o seu medio século, a formación celebra este sábado un acto político no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, coas intervencións de Xacobe García Souto, Alba Sánchez Castanedo, Pura Ferreño Saia, Suso Seixo, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Bautista Álvarez e Néstor Rego, secretario xeral do partido. Previamente, o propio Néstor Rego ofreceu unha rolda de prensa para presentar os actos de celebración da efeméride, que ademais do acto de hoxe, inclúen a publicación dun libro, un documentario e unha exposición.

Para conmemorar o seu medio século, a formación celebra este sábado un acto político no Pazo de Congresos de Santiago

Rego destacou que o nacionalismo é unha "realidade social sólida" e situou como obxectivos da UPG "buscar fórmulas para conquerir os máximos apoios e avanzar cara a soberanía" e tamén o de "fortalecer o BNG". Rego sinalou que "o fundamental non cambiou" dende a constitución da UPG, xa que Galicia "continúa vivindo unha situación de opresión política" e en consecuencia debe ser analizada como unha "nación oprimida". 

O secretario xeral da UPG salientou o traballo realizado polo seu partido nos últimos 50 anos a prol da "soberanía" de Galicia, e contrapúxoo ao "sometemento" e "integración" en "dinámicas políticas estatais" doutras forzas, "como infelizmente outros fixeron nos últimos tempos", engadiu. Rego destacou que a UPG é a organización política galega de "máis longa traxectoria" e que "no todos os días unha organización política fai 50 anos". Ademais, subliñou que as celebracións contan coa "solidariedade internacional" de máis de trinta organizacións.

 

Un ano de actividades de conmemoración

O secretario xeral da UPG salientou o traballo realizado polo seu partido nos últimos 50 anos a prol da "soberanía" de Galicia, e contrapúxoo ao "sometemento" e "integración" en "dinámicas políticas estatais" doutras forzas

As actividades de conmemoración do 50 aniversario da UPG teñen como obxectivo "valorizar unha organización ao servizo exclusivo dos intereses das clases traballadoras de Galiza, para o cal a autoorganización do povo galego foi unha peza insubstituíbel, o que leva a defender a unidade do movemento nacionalista galego que se concretiza nunha frente patriótica".

Ademais do acto político deste sábado e da publicación dun documento político titulado "50 anos de loita e un proxecto de futuro para a Galiza", ao longo deste ano, en setembro, publicarase un libro sobre a historia da UPG, con abundante material gráfico e documental, coordinado por Xoán Carlos Garrido. Ese mesmo mes de setembro presentarase un documentario, dirixido por Alberte Mera, que explique a función e os obxectivos a que respondeu o nacemento e desenvolvemento da UPG ao longo de cinco décadas. Así mesmo, o 25 de xullo presentarase un especial monográfico de Terra e Tempo titulado “50 preguntas 50 argumentos para a soberanía de Galiza”, coordinado por Rubén Cela. Finalmente, o 1 de decembro inaugurarase no Pazo de Fonseca de Compostela unha exposición sobre a historia da UPG, comisariada por María Antonia Pérez Rodríguez, profesora da UDC.

Néstor Rego diríxese aos asistentes no último Congreso da UPG CC-BY @daniel_abade
Cartaz do acto de conmemoración do 50 aniversario da formación © UPG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.