"Non votamos por Sánchez nin Feijóo, escollemos deputados que representen a Galiza e os do BNG van frear á dereita"

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso e candidato da formación pola Coruña, durante a entrevista con Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

Néstor Rego foi o deputado no Congreso na lexislatura que agora remata, a do regreso do BNG á Cámara Baixa cun único escano. Atende a Praza.gal nunha intensa mañá de campaña, xusto despois de participar no debate da CRTVG e antes de acudir, xunto a Ana Pontón e Goretti Sanmartín, a un piso de estudantes en Santiago para expoñeren as súas propostas en materia de vivenda. Rego amósase convencido de que na nova lexislatura non estará só representando o Bloque no Congreso tras catro anos nos que, admite, non todo o pactado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez está cumprido. "Para sermos máis esixentes necesitamos máis forza", argumenta, nun contexto no que reitera que a representación do BNG non vai facilitar "nunca" un goberno das dereitas.

Remata a lexislatura estatal do regreso do BNG ao Congreso. Comezou con moitas expectativas, especialmente tras o pacto de investidura. Pagou a pena o logrado?

"A única maneira de facer cumprir ao PSOE é ter capacidade para condicionar as maiorías parlamentarias, por iso queremos ter máis forza"

Pagou a pena, para empezar, porque nos comprometeramos a tres cousas: sermos a voz de Galiza, impulsar políticas sociais avanzadas e frear a dereita. As propias eleccións serviron para evitar que entrase a ultradereita en Galiza e na investidura demostrouse a utilidade do voto do BNG para evitar que a dereita e a ultradereita tivesen oportunidade de gobernar aínda que fose mediante unha repetición electoral. Pero non demos un cheque en branco, foi un acordo de investidura moi importante, que desbloqueou medidas da axenda galega que levaban moito tempo esperando. Unha parte delas están executadas ou en execución e temos que recoñecer que outra parte, non. O PSOE incumpriu parte dese acordo, pero é evidente que a responsabilidade dos incumprimentos é de quen incumpre. Pero non incumpriron co BNG, incumpriron con Galiza. E iso dános lexitimidade para pedir ao pobo galego que nos dea máis forza; se cun deputado fomos capaces de arrincar un acordo moi favorábel a Galiza, con tres, catro ou cinco imos ter a capacidade de obrigar a cumprir e condicionar permanentemente as maiorías e, polo tanto, as políticas do goberno.

Supoñamos que o xogo de maiorías fai determinante a representación do BNG no novo Congreso. Que mudarían nesa eventual negociación, alén de incluír as cuestións pendentes, para que houbese máis garantías?

A experiencia destes catro anos, tanto do BNG como doutras forzas que facilitaron a investidura, é que a única maneira de facer cumprir ao PSOE é ter capacidade para condicionar as maiorías parlamentarias, por iso queremos ter máis forza. Non serve de moito poñer mecanismos de control se despois os votos da túa formación nuns casos son necesarios e noutros, non. Durante tres anos e medio a aritmética parlamentaria foi mudando, en ocasións o noso voto volveu ser decisivo e noutras, non. O único mecanismo realmente eficaz é que a maioría parlamentaria dependa das deputadas e deputados do BNG. Así van cumprir.

Nestor Rego, na entrevista con Praza.gal, ante unha representación artística da serea de Castelao CC-BY-NC-SA Praza.gal

O PP asegura que non conseguiron “nada” e Rueda instou recentemente a Ana Pontón a que apoien unha investidura de Feijóo. Como se concilia garantir un “non” á dereita con ser esixentes coa esquerda?

"O PP di que o BNG non foi útil: aí está a gratuidade de viaxes na AP-9, o saneamento da ría do Burgo, as obras na liña Ourense-Lugo... Onde está a utilidade dos 10 deputados do PP? E a do senador Feijóo?"

O PP insiste en que o BNG non foi útil porque ten que contrarrestar a percepción social de que foi moi útil en Madrid. Se din que o BNG non foi útil cando aí están a gratuidade nas viaxes de volta e do tramo Vigo-Redondela na AP-9, a execución da dragaxe e saneamento da ría do Burgo, licitada e adxudicada a conexión ferroviaria co porto exterior, en obras a liña ferroviaria Ourense-Lugo, a intervención para salvar Barreras durante a crise con Ritz-Carlton... Se o BNG non foi útil, onde está a utilidade de dez deputadas e deputados do PP que non conseguiron nada, do mesmo PP que tivo simultaneamente durante seis anos os gobernos da Xunta e de Madrid simultaneamente e non conseguiu baixar un céntimo a AP-9? Ao contrario, todo o que paguemos dende 2023 na AP-9 temos que agradecerllo ao PP porque prorrogou a concesión ata 2048. Ou cal foi a utilidade para Galiza dun senador designado polo Parlamento, como Feijóo, que nun ano ten o balance de cero iniciativas a favor de Galiza? A propaganda do PP explícase ben porque teñen que contrarrestar esa percepción social e nós somos realistas, sabemos que cun deputado non se pode facer todo. O que fixemos foi importante, pero para ser esixentes tamén con quen goberne necesitamos máis forza. E é evidente que nós nunca imos apoiar o PP, se de nós depende Feijóo e Abascal non van gobernar nunca e ademais creo que vai ser así.

E entre os sinalamentos por parte do PP contra o BNG en xeral e contra vostede en concreto vén sendo recorrente que os acusen de seren partidarios da invasión rusa en Ucraína. Como o valora?

A posición do BNG non só é seria e sensata, tamén estamos vendo que gaña terreo no escenario internacional. Outros defenden a guerra e nós, a paz pola vía do diálogo e a negociación. É a posición que está mantendo o presidente Lula do Brasil, pero tamén o presidente Macron de Francia, que é un señor liberal de dereitas. Quen defende a guerra acusa o BNG... Fai parte da propaganda do PP, que inclúe tamén que nós sempre votamos a favor de Sánchez. Mentres, sorprendentemente, o que din o PSOE e Sumar é que sempre votamos en contra de Sánchez; a cuestión é que ningunha das dúas cousas é verdade. Pero, se cadra, as forzas estatais non son capaces de concibir que o BNG estea en Madrid coas mans libres para votar en función daquilo que entendemos que beneficia os galegos e galegas.

O PSOE e Sumar poñen moito o foco nese sentido na reforma laboral...

"É igual de barato despedir que co PP. Se a reforma laboral lle vale a Feijóo, moito avance non supuxo"

Eu hoxe [no debate da CRTVG] dáballes un dato: de 57 leis, votamos a favor de 24, abstivémonos en 21 e votamos en contra de 12. Votamos en contra das leis que entendemos que non permitían avanzar. Por exemplo, unha reforma das pensións que consolidou a xubilación aos 67 anos eu aumentou o período de cómputo aos 29 anos. Ou da reforma laboral, que é fraudulenta porque non derrogou a do PP, de feito só derrogou un punto da do PP, o relativo á ultraactividade dos convenios, e o resto non. E hoxe é igual de barato despedir que co PP. E o feito de que agora Feijóo diga que non lle tocaría a esa norma porque en esencia é unha boa norma... Se lle vale a Feijóo, moito avance non supuxo.

Rego, con Ana Pontón e os cabezas de cartel do BNG por Lugo, Daniel Castro; Pontevedra, Carme da Silva; e Ourense, Noa Presas CC-BY-NC-SA BNG

Nos últimos meses virou viral unha afirmación súa a respecto da política sobre as renovables, na que dicía que Madrid instale aeroxeradores na Castellana. Alén da figura retórica, como se concreta a reivindicación de que “eólica si, pero non así”?

"Somos favorábeis ás enerxías renovábeis establecendo condicións para minimizar os impactos e que revertan no territorio, como fixemos cando impulsamos un plan eólico galego dende o Goberno da Xunta"

Estamos vendo que hai un modelo de produción eléctrica insustentábel, nas mans de grandes empresas que buscan maximizar os seus lucros xa escandalosos, o ano pasado 8.500 millóns só as tres grandes, e concentrar a produción de enerxía en determinados territorios con grande impacto non só ambiental, senón tamén social e produtivo. Son zonas que moitos expertos chaman como “de sacrificio” e que nós chamamos colonialismo puro e duro. Pero é que ademais esa concentración fai que teña que haber grandes liñas de evacuación cun impacto brutal e nas que se perde enerxía. Nós apostamos por un modelo de xeración distribuída, a menor escala, que minimice impactos e estea máis próxima aos centros de consumo. E por poñer a produción de enerxía baixo control público. Nós somos favorábeis ás enerxías renovábeis establecendo condicións para minimizar os impactos e que revertan no territorio, como fixemos cando impulsamos un plan eólico galego dende o Goberno da Xunta. E cunha tarifa eléctrica galega: se pagamos os custos sociais, é normal que poidamos beneficiarnos. É outro modelo e esa figura retórica estaba poñendo en evidencia o deseño colonial da produción de enerxía: aquí hai 300 parques en tramitación e en Madrid, cero megavatios instalados e cero parques en tramitación. Non parece moi xusto.

Manteñen que o BNG ten en xogo escanos coas dereitas nas catro circunscricións. Temen que nun contexto coma esta poidan ser prexudicados polo que se dá en chamar “voto útil” ou por ver estas eleccións como unhas presidenciais?

"Sendo xenerosos, os deputados do BNG van valer coma os do PSOE para evitar que goberne a dereita e a ultradereita, pero os do PSOE non valen coma os do BNG para defender os intereses de Galiza"

Está claro que quixeron convertelas nunhas presidenciais. Pero mesmo o cara a cara do outro día evidenciou algo que vén dicindo o BNG e do que cada vez máis xente é consciente: os problemas de Galiza non está nin no bloque de Feijóo nin no de Pedro Sánchez e ten que haber unha forza política que os coloque na mesa. No debate da TVG volveu acontecer o mesmo; as primeiras intervencións dos candidatos do PP e do PSOE non falaron de Galiza. Ten que haber unha forza galega coas mans libres para levar alí a axenda galega e con capacidade para cumprila. Aquí non imos votar nin por Sánchez nin por Feijóo, imos escoller os deputados e deputadas que representen a Galiza. E os que teña o BNG van servir para frear á dereita. Eu digo isto moitas veces algo que o ilustra: sendo moi xenerosos, os deputados do BNG no Congreso van valer coma os do PSOE para evitar que gobernen a dereita e a ultradereita, pero os do PSOE non valen coma os do BNG para defender os intereses de Galiza. E esa é unha grande forza que temos. E, efectivamente, cada deputado que saquemos, ímosllo sacar ao PP.

Nestor Rego, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-NC-SA Praza.gal

Iso serviría para iso que ás veces se comenta, a respecto de que “os galegos” negocien “coma os vascos e os cataláns”?

Si, porque non se trata de emular a ninguén, pero hai unha constatación que xa fai moitísima xente. Din: “que ben negocian os vascos e os cataláns, canto benefician aos seus países”. Esa realidade non é porque sexan mellores nin peores negociando ca nós, a diferenza é que teñen grupos propios coa forza suficiente para obrigar a cumprir. Iso tamén nos dá lexitimidade para reclamar ese grupo galego forte en Madrid. Se os vascos cun grupo de 5 ou 6 teñen esa capacidade, o BNG cun grupo así tamén terá esa capacidade e iso redundará en beneficio do pobo galego, de que os galegos e galegas vivan mellor.

En que medida inflúe o resultado do 23X nas posibilidades dun cambio de goberno en Galicia nas vindeiras eleccións?

"O cambio de goberno en Galiza vaise producir si ou si. Evidentemente, se Feijóo e Abascal non gobernan en Madrid pode ser máis doado"

Creo que ese cambio de goberno se vai producir si ou si. Evidentemente, se Feijóo e Abascal non gobernan en Madrid pode ser máis doado. Pero ver un Feijóo absolutamente radicalizado, como xa coñeciamos aquí, desenvolvendo políticas contra a lingua, contra os dereitos das mulleres como xa fixo aquí... Probabelmente tamén levaría a que moita máis xente optase por un cambio. Evidentemente, creo que non se vai producir ese goberno da dereita e da ultradereita, sería unha malísima noticia e o BNG vai traballar para que non se produza. Pero eu estou convencido de que, en calquera dos escenarios, o cambio político na Galiza se vai producir. Todas as enquisas apuntan a que o PP baixa en Galiza e o BNG sobe, e iso indica ansias de cambio, a xente quere quitar o PP da Xunta e que por primeira vez haxa un goberno encabezado polo BNG, por Ana Pontón, que marque un punto de inflexión no rumbo político deste país. Convoquen cando convoquen, imos estar preparados para que se cambio sexa posíbel.

Sorpréndeo que unha parte da esquerda se amose sorprendida con determinadas posicións de Feijóo que lembran, por exemplo, á campaña galega de 2009?

"Certa progresía mediática e política madrileña colaborou a construír unha imaxe de Feijóo como moderado e bo xestor. E non será porque o BNG non avisou de que non é ningunha das dúas cousas"

O problema é que houbo certa esquerda ou certa progresía mediática e política madrileña que durante anos estiveron colaborando a construír unha imaxe de Feijóo como moderado e bo xestor. Non sei se entendían que con iso debilitaban a Casado. E mira que nós repetimos que ningunha das dúas cousas, nin moderado nin bo xestor. É un señor moi reaccionario e moi españolista, de feito participou na manifestación de Colón. Pero a súa actitude é tan camaleónica que, cando chegaban as eleccións galegas: “Galicia, Galicia, Galicia”. Pero o resto do ano, a traballar contra a lingua galega, contra a nosa cultura, a dicir que ningún español entendería a tarifa eléctrica galega... E bo xestor... Agás que se entenda que xestionou ben para as empresas amigas que se lucran cos servizos públicos, daquela si. Pero, con carácter xeral, contribuíu a empeorar os servizos públicos: nin unha soa residencia construída en catorce anos, sanidade precarizada, máis recursos para o ensino privado, unha crise industrial. Ese pode ser un balance e se algunha esquerda madrileña se sorprende, non será porque o BNG non avisou de que Feijóo era isto e nós, claro, xa o sabiamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.