"Volveredes escoitar os de sempre dicir que non, que Galiza non pode ter un grupo forte en Madrid". Ana Pontón coida que o BNG está en condicións de lle dar a volta ao lugar común que situaba a formación soberanista como "os do non". Porque o Bloque "do si", defende a portavoz nacional, vén demostrando que é quen de inverter ese discurso e facer realidade as súas aspiracións e tamén, cre, pode facelo nas vindeiras eleccións xerais.
"Dicíannos que non iamos facer historia en Santiago e aí temos á alcaldesa Goretti Sanmartín; dicíannos que non iamos ser alternativa ao PP e estamos máis cerca ca nunca da Presidencia", afirma Pontón
No primeiro gran acto político que celebra en Santiago dende que ostenta a alcaldía, o BNG xuntou en torno a un milleiro de persoas no Auditorio de Galicia este sábado nunha convención nacional cara ao 23X na que Pontón sinalou ese logro na capital galega como mostra do que poden acadar. "Cando nos dicían que non iamos facer historia en Compostela, demostramos que si e aí temos Goretti Sanmartín, a primeira alcaldesa nacionalista" -que abriu o acto-, igual que "cando nos dicían que non iamos ser a alternativa ao PP, demostramos que si e hoxe estamos máis cerca ca nunca da Presidencia".
Tras estes antecedentes, defende, o 23X volverán "demostrar" que "nada é imposíbel" e que "Galiza terá un grupo galego forte". "Por moito que Sánchez e Feijóo queiran reducir a campaña a unha xira televisiva para facer terapia bipartidista", di, este "non é o momento de votar polo mal menor, nin por medo". "Ao contrario", advirte, o que toca é "votar con ilusión e con esperanza" para lograr "ese grupo galego forte" que, promete, fará "respectar Galiza en Madrid". Porque "o BNG non vai fallar".
"Cando o noso voto é decisivo sabemos moi ben a prol de quen utilizalo, a favor de mellorar a vida da xente deste país", que sabe "como e para quen goberna" o PP, advirte Pontón na convención nacional do Bloque, cuxos candidatos amosan a convicción de obteren representación en todas as provincias
As "forzas estatais", mantén a líder nacionalista, "votan unha cousa aquí e a contraria no Congreso" e por iso "non serán as que defendan un tren do século XXI, unha tarifa eléctrica galega" ou "investimentos xustos" que redunden en infraestruturas ou en servizos como "máis xulgados de violencia de xénero". Na lexislatura que agora remata, mantén, "un só deputado do BNG foi máis útil que os 22 restantes" das circunscricións galegas e "sábeno ben", asegura, os "miles de persoas" que se benefician da "rebaixa histórica nas peaxes da AP-9".
Todo isto, advirte Pontón, nun contexto no que "cando o noso voto é decisivo sabemos moi ben a prol de quen utilizalo, a favor de mellorar a vida da xente deste país" nun contexto no que "o PP deixou moi claro en Galiza", con Feijóo e agora con Rueda, "para quen goberna". Xa sexa "co abrazo ao presidente de Iberdrola" cando o agora cabeza de cartel do PP era presidente ou agora, "branqueando sen pudor" o "ideario ultra machista, racista e antigalego". Porque esa, defende, é a verdadeira faciana dun "moderado" Feijóo cuxa "falta de escrúpulos non nos colle por sorpresa".
Neste sentido incidiu tamén antes o actual deputado e candidato á reelección pola Coruña, Néstor Rego, tras unha lexislatura na que "non houbo cuestión que ocupase ou preocupase o noso país" que o BNG "non trasladase ao Congreso". Un Congreso no que tamén "confrontamos coa dereita ultra e coa ultradereita" e sinalaron, di, "unha dita esquerda española proclive a pregarse ás esixencias dos poderes fácticos e a incumprir os seus compromiso". Porque o 23X, di, non vai de escoller "entre o bloque de Sánchez ou o bloque de Feijóo", senón "o bloque de Galiza" e ese é o BNG.
Xunto a Rego interviron tamén as cabezas de lista por Ourense e Pontevedra, Noa Presas e Carme da Silva, e mais o candidato por Lugo, Daniel Castro. Os catro concordan, en verbas de Presas, en que é "posíbel facer historia", por exemplo, logrando por primeira vez que as circunscricións ourensá e lucense teñan representación do BNG e así tamén facer fronte "ao rearme" do "machismo e da dereita máis reaccionaria". Todo, di Da Silva, con "fe no noso pobo" e "confianza nas nosas posibilidades" e "máis BNG" no Congreso.
"E se si?", ironizou Castro. "Imos pasar da pregunta de se conseguimos deputado por Lugo ao claro que si", sinalou o cabeza de cartel por Lugo. "Para conseguilo, temos que dicir a todo o mundo na praia, na piscina, na terraza, onde sexa" para realizar o "win-win" que, asegura dirixíndose especialmente á xente moza, é apoiar o BNG nas xerais. Porque implica "apoiar o país" e "parar os pés á dereita e á ultradereita", á "peor mestura das posíbeis, que é a de Feijóo e Abascal".