Cando resta un mes para a celebración das eleccións xerais, un manifesto de persoas de diferentes ámbitos territoriais e profesionais vén de apelar a opinión pública a apoiar o BNG o vindeiro 23X como vía para facer fronte ao risco de "involución" tras eses comicios. O texto, promovido inicialmente por, entre outros, o historiador Dionisio Pereira, o escritor Henrique del Bosque Zapata e o editor Antón Mascato, foi lanzado este 23 de xuño con algo máis de medio cento de asinantes iniciais.
"Fronte á involución, queremos construír un futuro de posibilidades", di o manifesto, que encadra a cita coas urnas nun contexto global "caracterizado pola continuidade e incerteza da crise económica" e apunta a unha "alarmante regresión tanto no ámbito dos dereito económicos, sociais e culturais como no das liberdades civís e políticas". Este, din, é o pano de fondo ante o que se "materializa o ascenso da extrema dereita neofranquista".
Isto sucede, din, mentres o Estado "continúa enquistado no réxime monárquico do 78" e "aferrado a un texto constitucional cuxa elaboración foi tutelada e vixiada por poderes fácticos aínda ben presentes". Con eses antecedentes, consideran, "prospera un discurso neofascista, centralista e lexitimador de xerarquías sociais, dirixido directamente a limitar as condicións para o exercicio dos dereitos da cidadanía" e "crean un clima favorábel ao autoritarismo, machismo, discriminación, racismo, xenofobia e clasismo".
O historiador Dionisio Pereira, o escritor Henrique del Bosque Zapata e o editor Antón Mascato, entre os promotores do manifesto que sinala a "utilidade de concentrar o voto no BNG" tamén como "antídoto contra o avance da extrema dereita"
As persoas asinantes do texto decláranse "nas antípodas das formacións políticas que se reclaman do franquismo" e cren "comprobado" que "o compromiso e defensa das nacións do Estado español a prol dos dereitos democráticos, individuais e colectivos, está a ser un eficaz antídoto contra o avance da extrema dereita e unha garantía para resistir a involución democrática no resto do Estado". "O momento é difícil e o perigo certo, pero confiamos na nosa xente", resaltan.
É así como "dende o respecto ao resto de formacións democráticas", os promotores do manifesto din acreditar "na necesidade de votar e na utilidade de concentrar o voto na alternativa representada, na nosa terra, polo BNG", con independencia de non "formar parte" da formación soberanista. O voto ao Bloque, cren, "pode ser alicerce dun proxecto de nación que nos faga recuperar a confianza en que outro mundo máis plural, xusto, igualitario e feliz é posíbel".
Xunto aos promotores iniciais do manifesto, a lista de asinantes -aberta a novas incorporacións a través do seu sitio web- inclúe nomes coma os do actor César Cambeiro, o escritor David Otero ou a profesora e activista Elvira Souto. Encarna Otero, Gustavo Luca de Tena, Luz Darriba, Marisol Palomo, Montse Fajardo, Paula Iriondo ou Pepe Carreiro figuran tamén entre as persoas asinantes.