O "grupo galego forte", aposta do BNG para as xerais fronte á pugna Sánchez - Feijóo

Ana Pontón, visitando a Semana Verde de Silleda este venres CC-BY-NC-SA BNG

Nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio o BNG obtivo algo máis do 17% dos votos en Galicia, o que en cifras redondas supuxo un crecemento superior aos catro puntos e uns 54.000 sufraxios máis que catro anos antes. Son uns resultados inferiores aos das últimas eleccións galegas (case o 24% con máis de 300.000 votos) pero moi superiores aos das xerais de 2019, cando a formación logrou no conxunto de Galicia algo menos de 120.500 votos, o 8% do total.

Tras os resultados das municipais, Pontón amósase convencida de que o Bloque está en condicións de dar un "salto adiante" tamén no Congreso

Con estes números de fondo, ao Bloque vén analizando que as eleccións xerais do 23X poden encadrarse para a formación nun ciclo ascendente malia ao risco de que a carreira electoral poida acabar adquirindo matices presidenciais, de pugna personalista entre Pedro Sánchez polo PSOE e Alberto Núñez Feijóo polo PP. Fronte a este risco, o marco ao que apunta a formación soberanista é o do "grupo galego forte".

Ana Pontón e Néstor Rego, en rolda de prensa para facer balance da lexislatura estatal, este 8 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

Así o abordou a pasada semana o Consello Nacional da organización e así o vén verbalizando nos últimos días a súa portavoz nacional, Ana Pontón, en diversos actos públicos a medio camiño entre o balance das municipais e da lexislatura estatal e o inicio dunha nova precampaña. "Afrontamos estas eleccións con todo o optimismo", mantén Pontón, para expresar o seu convencemento de que chegou o momento do "salto adiante" do BNG tamén no Congreso e lograr "condicionar a política estatal a prol de Galiza, como fan galegos e cataláns", tendo ese "grupo galego forte".

Todo apunta a que Rego recuncará como cabeza de lista pola Coruña mentres quedan por despexar as tres restantes. "Non somos o PP ás ordes de Génova nin o PSdeG ás ordes de Ferraz; somos o BNG ás ordes da cidadanía galega", apunta a portavoz nacional 

"En Galiza non existe o bipartidismo porque existe o BNG", mantén Pontón, que presenta esa eventual representación ampliada como garantía de "avance en infraestruturas, orzamentos, liberades e dereitos". "Non somos o PP ás ordes de Génova nin somos o PSdeG ás ordes de Ferraz", di en referencia ás sedes centrais de populares e socialistas. "Somos o BNG ás ordes da cidadanía galega" e así o amosan, ao seu xuízo, logros "útiles" como o programa de descontos nas peaxes da AP-9 ou "o inicio do dragado na ría do Burgo", aspectos incluídos no pacto de investidura co PSOE.

En pleno proceso interno para a conformación de candidaturas, a propia Pontón sinala como máis probable que o actual deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, volva encabezar a lista pola Coruña, mentres quedan por despexar as outras tres incógnitas. Mentres, é a propia portavoz nacional quen asume boa parte das mensaxes de precampaña en actos como a súa visita deste venres á Semana Verde de Silleda, onde indicou que ese "grupo galego forte do BNG" é tamén "o mellor para a defensa dos intereses do sector agrogandeiro en Madrid".

O sector primario, di, "precisa ter en Madrid unha voz do país reforzada que pelexe polos intereses de Galiza á hora de desenvolver a política agraria común" da UE ou que "pelexe por prezos xustos". "Apoiar e potenciar o sector agrogandeiro é clave para darlle futuro ao medio rural e este sector tamén se xoga moito nas eleccións do 23X porque a política agraria non só se decide en Europa senón que tamén se decide en Madrid", mantén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.