A portavoz nacional do BNG atende a Praza.gal no seu despacho do Parlamento, xusto antes de comezar unha intensa axenda de campaña electoral municipal, a primeira que afronta como líder da primeira forza da oposición en Galicia. Ana Pontón e o seu equipo manteñen que o factor local é clave nos comicios do 28M, pero tampouco ocultan o seu optimismo porque, din, o ambiente en torno á formación soberanista é notablemente máis favorable que en anteriores convocatorias electorais. O país, mantén, está inmerso nunha "fin de ciclo" acrecentada polo "insípido" Goberno do PP de Rueda e, sen dar "nada por feito", responde ás preguntas sobre políticas a medio prazo manexando como hipótese viable a posibilidade de ter que abordalas dende a Xunta.
Conversamos cando faltan poucas horas para o inicio da campaña das eleccións municipais. Vén sinalando que a súa expectativa é que o BNG sexa a forza que máis medre. Agardan que isto se traduza tamén en máis poder institucional?
Estamos ante unhas eleccións municipais moi ilusionantes para o BNG. Imos ser a forza política que máis suba e isto vaise traducir en máis concelleiros e concelleiras e tamén en máis alcaldes e alcaldesas. Créoo porque o BNG ten un modelo municipal de éxito, transformador, que funciona e é referente da boa política municipal a nivel galego e internacional. E porque hai unha gran corrente de simpatía cara ao BNG: vennos como a forza política que pode dar un futuro mellor aos concellos e que representa o cambio real en Galiza.
A Galicia urbana é un dos ámbitos aos que máis se ollará na noite electoral. Agardan ter esa noite expectativas de máis gobernos? Pontevedra é o emblema, pero tamén están poñendo moito o foco en Lugo, onde cogobernan, e vostede comezou a campaña en Santiago...
"O Bloque ten un modelo municipal de éxito, queremos expandilo e imos a por todas"
Nós saímos co obxectivo de que o BNG non só goberne en máis cidades, senón que teña máis alcaldías, porque permitiría darlles un cambio transformador. Eu vexo as cidades do país e a única forza política cun modelo claro que permite enfrontar os retos máis urxentes é o BNG. De feito, Pontevedra adiantouse vinte anos coa súa transformación urbana, que a puxo na cabeza das cidades que máis reduciron a contaminación e o uso de vehículos e máis melloraron as súas condicións. Queremos expandir ese modelo, que é un modelo BNG, ao resto da cidades. Tamén vimos neste mandato en Lugo como o BNG foi motor de transformación, cun antes e un despois da chegada ao goberno municipal con ese mesmo modelo de gañar espazo para as persoas, facer cidades máis dinámicas, apostar por solucións vangardistas. Imos por todas, sen poñernos límites.
Tamén veñen cogobernando co PSdeG en tres das catro deputacións. Na contorna do Partido Popular aseguran estar en condicións de disputar o goberno de, cando menos, as dúas do norte. Valoran isto como unha posibilidade?
"Aspiramos a que o PP poida perder tamén a deputación de Ourense"
Era o mesmo que dicían hai catro anos e quedaron na oposición tanto na en Lugo como na Coruña, igual que en Pontevedra. Nós ao que aspiramos é a que o PP poida perder tamén a Deputación de Ourense; co que está pasando é evidente a fin de ciclo que representa ese tipo de política. É unha vergoña o que está pasando nesa Deputación; xa mo parecía antes, pero máis agora cando o PP non toma medidas mentres un presidente colle un coche oficial un domingo non sabemos moi ben para que, é cachado a 215 por hora, que é un delito contra a seguridade viaria, e parece que aquí non pasa nada. Unha chega á conclusión de que no PPdeG non manda Rueda, manda máis Baltar.
En Ourense estamos asistindo a ese posible delito contra a seguridade viaria por parte de Baltar, tamén a todo o que se está a publicar sobre o alcalde Jácome... Pensa que a esquerda en xeral e o BNG en particular pode traducir en votos o que está sucedendo e o que aconteceu durante o mandato tanto no Concello como na Deputación?
"O que está pasando en Ourense é unha dexeneración da democracia que ten un responsable moi claro, o PP e Rueda, que non deixa de ser un mandado sen capacidade para tomar decisións no seu partido"
O que está pasando en Ourense é unha dexeneración da democracia que ten un responsable moi claro, o PP. Jácome é alcalde non porque o votase maioritariamente a veciñanza, senón porque o puxo aí o PP para manterlle a cadeira a Baltar na Deputación sen importarlle que fose letal para a cidade. O que está pasando en Ourense dana moito a imaxe de Ourense e de Galiza; avergóñame como galega, pero moito máis ver a conivencia do PP, porque vemos que Rueda non deixa de ser un mandado sen capacidade nin para tomar decisións no seu partido. Dificilmente pode ser un bo presidente para Galiza cando nin sequera é quen de exercer autoridade dentro do PP. Agora mesmo, alén das derivadas xudiciais, quen ten a responsabilidade é a cidadanía e se quere facer unha aposta pola rexeneración democrática de Ourense, a alternativa real é o BNG. Demostramos en concellos onde gobernamos en Ourense, caso de Allariz, que hai outra forma de facer política e potencial para avanzar. Pero a dereita fai que Ourense retroceda non só en termos demográficos, senón tamén de dignidade. Quen se indigne con todo o que está pasando en Ourense, a súa papeleta é a do BNG.
Veñen sinalando que os gobernos do BNG son exemplo de xestión municipal, con localidades como Pontevedra, Allariz ou Carballo, por exemplo, como emblemas. Os seus críticos dinlles que se centran na mobilidade ou na cultura pero deixan de lado aspectos como a economía, que lles respondería?
O que lles diría é que vaian a eses concellos e vexan como medran en poboación e dinamismo económico. Por exemplo, en Carballo levan anos reclamando unha ampliación do parque empresarial porque xa o teñen todo ocupado ou unha mellora das infraestruturas para a súa competitividade. O que vemos é que o que depende da Xunta do PP neses concellos non funciona, pero o resto funciona ben. Que se poñan a traballar, porque se imos ver o balance económico que nos deixa o PP en Galiza, vemos que vai a menos: menos emprego industrial, maior subida de prezos, peores previsións.
Estas eleccións celébranse tras a crise da COVID, nun contexto de inflación, de crise climática, de transición enerxética... No noso país este contexto vai parello á implantación das enerxías renovables, nomeadamente da eólica, con protestas que repiten ese lema de “eólica si, pero non así”. Que tería que cambiar? Cal sería o “así” axeitado?
"Hai que mudar o modelo eólico e poñer orde con varias medidas. A primeira, cunha compañía 100% pública"
É evidente que temos unha emerxencia climática e que temos que facer unha transición enerxética. O BNG está 100% a prol dunha transición enerxética, pero ten que ser xusta e democrático. Agora, por unha banda, quérese poñer etiqueta verde ao espolio de toda a vida das eléctricas. E por outra, quérese consolidar un papel no que Galiza sacrifica unha parte do seu medio natural e economía para subministrar enerxía barata a Madrid. Nós o que dicimos é que hai que mudar o modelo: hai que paralizar este boom eólico, hai que poñer orde porque as eléctricas non poden decidir onde se instalan parques eólicos e democratizar o acceso á enerxía e para iso hai varias medidas importantes. A primeira, maior participación pública e por iso apostamos por unha compañía 100% pública. Segundo, compensar a Galiza como produtora e por iso reivindicamos unha tarifa eléctrica galega máis baixa para familias e empresas. E terceiro, quitar poder ás eléctricas, e iso pasa por fomentar, por exemplo, as comunidades enerxéticas apoderando a cidadanía. Temos que avanzar nesa dirección e con racionalidade, porque en Galiza xa estamos cumprindo a maioría de obxectivos marcados pola UE para 2030, polo tanto temos tempo para, querendo contribuír a esa transición enerxética, facer ben as cousas.
E co que estamos absolutamente en desacordo é coa planificación da eólica mariña. Porque non podemos poñer en perigo 62.000 postos de traballo que dependen do sector do mar para que gañen máis as eléctricas. A todos nos preocupa a soberanía enerxética, pero tamén a alimentaria. Porque, cal é o modelo: que o que nós non pescamos veña en contedores dende China?
A sanidade non é unha competencia municipal, pero si está no debate local. Poñámonos no caso de que en 2024 hai un cambio de Goberno na Xunta...
E será [sorrí]
... ese goberno terá que abordar cuestións estruturais como a carencia de persoal que transcenderían unha lexislatura, que precisarían mesmo máis dunha década. Como abordalo sen conducir á frustración nun contexto de mobilización como o actual?
Estamos pagando as consecuencias dos recortes do PP na sanidade. O mellor dato está nos Orzamentos: 2.339 millóns menos investidos na Atención Primaria nestes catorce anos. Con eses millóns acabaríase con moita precariedade e non teriamos a sanidade así. O PP, gobernando, sabe canto persoal se xubila cada ano en cada especialidade, por que non se preocuparon de formar os profesionais que se necesitaban? Pero tamén hai moitos profesionais que non queren traballar en Primaria polas condicións que lles impoñen. Hai unha saída, e non digo que sexa inmediata nin doada, pero si hai unha alternativa que pasa por investir máis, acabar coa precariedade e desmontar medidas do PP que son un desastre de xestión e claramente querían debilitar o público e beneficiar o privado. Por exemplo, hai que recuperar as xerencias de Atención Primaria con orzamento propio e capacidade de xestión. A sanidade do século XXI non pode funcionar igual que hai corenta anos, pero pódese sacala da situación crítica á que a conduciu o PP.
Outra das cuestións nas que se debate moito antes deste 28M é a política de vivenda. Por onde propón o BNG comezar nun contexto no que vimos dunha parálise relevante, con anos sen apenas vivenda pública e agora, cunha nova lei de vivenda estatal ou anuncios en torno aos pisos da Sareb, entre outros?
"A vivenda precisa menos propaganda e máis feitos: temos o 1% de vivenda pública en alugueiro e a media europea é o 9%, cara a aí é onde queremos camiñar e hai que premer o acelerador"
A vivenda necesita menos propaganda e electoralismo e máis feitos. Nestas últimas semanas vemos o presidente da Xunta prometendo que vai facer en dous anos o que non fixo en catorce; quen queira crelo, que o crea, pero é bastante difícil. E no Goberno central vemos a Pedro Sánchez facendo electoralismo, porque as vivendas da Sareb non se van transferir, queren vendelas ás comunidades autónomas aínda que xa as pagásemos co rescate á banca. É un deseño que lle vale ao PP, porque as está mercando, pero a nós parécenos un despropósito e por iso reclamamos que todas as vivendas da Sareb en disposición de seren vivenda protexida se transfiran ás comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias. E sabemos tamén que o problema fundamental é que os alugueiros están disparados e as medidas de contención de prezos van ser moi limitadas; a medida máis potente é poñer á disposición vivenda pública en alugueiro para rendas medias e baixas. Aí é onde temos que facer unha aposta moi forte: temos o 1% de vivenda pública en alugueiro cando a media dos países europeos é do 9%, cara a aí é cara a onde queremos camiñar e hai que premer o acelerador. Promesas en política de vivenda houbo moitas, pero cada vez máis xente ten problemas para pagar a súa vivenda.
Aínda que son ámbitos obviamente distintos, a ninguén lle escapa que estas municipais abren un ciclo electoral que continúa nas xerais e nas galegas, se todo é cando toca. Na súa última asemblea nacional formularon abertamente o obxectivo de aspiraren a presidir o Goberno galego en 2024. Están agora máis preto ou máis lonxe dese obxectivo?
Falta menos tempo para poder conseguilo. Estamos con moita ilusión porque hai unha maioría social en Galiza que sabe que a alternativa real ao PP é o BNG e ademais sente moita ilusión por que en canto se convoquen as galegas poidamos poñer en marcha o cambio político. Pero non hai nada feito; traballamos dende a humildade, dende a amplitude de onda para poder convencer cada vez máis galegos e galegas. Galiza necesita un cambio, estamos nunha fin de ciclo e nós temos un proxecto sólido para ofrecer.
Entendo que inclúe nesa análise unha avaliación do primeiro ano de Goberno de Alfonso Rueda, que se cumpre estes días...
Eu o que vexo é un goberno insípido. Non ten propostas nin alternativas e ademais cun presidente sen autoridade no seu partido.
"Hai unha maioría social en Galiza que sabe que o BNG é a alternativa real ao PP, a un Goberno insípido sen alternativas e cun presidente sen autoridade no seu partido"
Unha eventual candidatura de José Ramón Gómez Besteiro polo PSdeG poría máis cerca o cambio en Galicia?
Teño por norma non entrometerme en decisións que teñan que tomar outras forzas políticas e nesa liña me vou manter.
Antes diso, moi posiblemente tocaralles volver negociar co Partido Socialista precisamente no ámbito local. Que balance fan da relación co PSdeG do mandato que finalizan alí onde cogobernan?
En Galiza levamos moitos anos de experiencia de coalicións de goberno e iso é unha boa base para dar estabilidade aos gobernos municipais cando a veciñanza non dá maioría. De feito, mesmo máis estabilidade que nalgúns gobernos monocolor, sempre penso en Santiago cando gobernou o PP, co disparate máximo vivido na cidade. Temos madurez e solidez dabondo para ter asentada unha cultura de coalición na que, evidentemente, sempre haberá puntos de vista distintos pero con capacidade para atender o mandato cidadán.
E no Estado? Chegaron a un pacto de investidura con moitos puntos concretos, algún cumprido e varios deles aínda pendentes...
É evidente que nós asinamos un acordo de investidura ambicioso para Galiza e que o Partido Socialista demostrou non estar á altura. Conseguimos cousas importantes, si; os descontos na AP-9 teñen moita relevancia, pero non é suficiente. Hai moitos ámbitos onde o Goberno de Sánchez incumpre o acordo e non co BNG, senón con Galiza. Os galegos e galegas témonos que facer valer en Madrid; sempre hai moitos comentarios sobre o ben que negocian os vascos ou os cataláns... É que teñen capacidade para negociar porque teñen grupos no Congreso con forza para defender eses intereses. Se Galiza quere deixar de ser espectadora, a alternativa é que o BNG teña un grupo forte que condicione a política estatal a favor das galegas e galegos non para pedir privilexios, senón para pedir o que é xusto.
Vese acudindo á campaña das seguintes eleccións municipais, as de 2027, como membro do Goberno galego ou mesmo como presidenta?
Iso é xogar a moi longo prazo. Eu vou traballar para que en 2024 os galegos e galegas nos dean a súa confianza para facer historia e termos por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os seus intereses e, a partir de aí poder ollar o futuro con máis ilusión.