A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou o modelo da súa formación nas pequenas vilas do rural por ser quen de "crear dinamismo económico, social e cultural" nestas localidades.
A líder do Bloque visitou a Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que chega este ano o seu 30ª aniversario. Destacou que o sector vitivinícola é clave no medio rural, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego, pero tamén pola súa capacidade para preservar o territorio, fixar poboación e dinamizar outros sectores económicos como o turismo de calidade. Así, lembrou que "é un sector que contribúe decididamente a manter vivo e activo o rural”.
Ana Pontón aclarou que o BNG aposta por unha "discriminación positiva" co medio rural, en particular en materia de servizos públicos
“Nunha Galiza na que o 90% do territorio é rural non se entende o futuro se deixamos atrás a maior parte do noso territorio”, indicou. Neste sentido, aclarou que o BNG aposta por unha "discriminación positiva" co medio rural, en particular en materia de servizos públicos, por un rural ben conectado en mobilidade e tamén en novas tecnoloxías, "que fixe poboación e que sexa atractivo para a mocidade".
“No Bloque somos capaces de darlles calidade de vida aos concellos, de transformalos en positivo, con servizos, con actividades de ocio e lecer para a veciñanza e con dinamismo económico, social e cultural tamén nos pequenos municipios”, declarou a líder nacionalista.
Así, Pontón puxo como exemplo a experiencia do BNG á fronte de varios concellos, como Allariz, pero tamén San Sadurniño, Moeche, Barro, Mazaricos ou A Pobra do Brollón. "Ese modelo municipal de éxito é o que queremos estender por todo o rural e por toda Galiza a partir do 28M”, rematou.