Poucas horas despois da gravación deste episodio do Fálase, ás cero horas deste venres, 12 de maio, comeza oficialmente a campaña das eleccións municipais do 28M. As mensaxes preelectorais, as candidaturas, as promesas e propostas levan moitas semanas, mesmo meses no ambiente, pero é agora cando comeza a campaña e cando as formacións políticas poden pedirnos o voto.
En Galicia non votamos dende xullo de 2020, naquelas eleccións galegas da COVID que lle deron a cuarta maioría absoluta ao PP de Alberto Núñez Feijóo despois da campaña máis extraña, coas máscaras, as restricións de asistencia, as persoas contaxiadas con prohibición de votar… Por iso a do 28M vai ser, nese sentido, a primeira campaña normal dende a das eleccións xerais repetidas en novembro de 2019.
A poucas horas do inicio da campaña do 28M, no podcast informativo de Praza.gal repasamos o taboleiro electoral local de Galicia e poñemos o foco nalgúns dos puntos clave
Esta tamén a primeira campaña en máis dunha década que se desenvolve sen que Feijóo estea na presidencia da Xunta e do Pepé en Galicia. É, daquela, tamén o primeiro test electoral para Alfonso Rueda nun contexto, o local, que non vén sendo especialmente propicio para os populares galegos. Non o é, como mínimo, dende as municipais de 2011, as últimas nas que tiveron amplos motivos para celebrar.
O partido que máis poder municipal e provincial ten en xogo este vinte e oito eme é o PSdeG. E o que máis aspira a medrar é o BNG. Todo, sen perder de vista un contexto político que nos leva irremediablemente ás vindeiras convocatorias coas urnas que, se todo é cando toca, serán as xerais contra o mes de decembro e, agás adianto, as galegas a principios do ano que vén.
Con todo este contexto, neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, repasamos o taboleiro electoral galego para o 28M e tamén poñemos o foco nalgúns dos puntos clave aos que haberá que ollar con atención na noite electoral. Comezamos, con Marcos Pérez Pena, repasando as principais cifras dun proceso no que hai en xogo case 3.700 postos de edil para elixir o goberno de 313 concellos, no que o PP é o único partido que concorre en todos os concellos, pero no que tamén medran significativamente tanto o PSdeG como o BNG e o espazo das mareas volve recompoñerse.
Coa redacción de Praza.gal percorremos as cadeiras do poder municipal máis relevantes e non perdemos de vista a outra batalla fundamental, a das deputacións
A continuación, realizamos un percorrido por algunhas das batallas clave do 28M, a comezar polas cidades. Con David Reinero lembramos como dende 1995 o PP non é hexemónico na Galicia urbana e detémonos no fundamental que hai que ter en conta nestes comicios nesas urbes, comezando polas que levan máis tempo con gobernos da esquerda, Lugo e Pontevedra, e continuando por Santiago. A continuación, con Ana G. Liste, analizamos o panorama electoral de Vigo, onde a cuestión semella, sobre todo, como de ampla vai ser a maioría absoluta de Abel Caballero.
Con Miguel Pardo viaxamos cara á Coruña, onde a socialista Inés Rey semella encamiñada a recuncar na alcaldía, pero cunha correlación de forzas diferente a respecto da actual corporación, e con Marcos Pérez Pena detémonos en Ferrol, onde o PP ten máis esperanzas de poder volver gobernar. Ademais, tamén comentamos o que pode suceder no convulso escenario de Ourense, onde Concello e Deputación estiveron xunguido sen 2019 e onde agora ambas institucións están axitadas polos escándalos cruzados de José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome, que comezaran o mandato cos bipartitos PP-DO.
Porque a das deputacións, precisamente, a outra batalla clave do 28M. PSdeG e BNG gobernan nas da Coruña, Lugo e Ourense e a lucense preséntase como a pugna máis axustada para continuaren facendo. Todo, mediante un sistema de elección a través dos partidos xudiciais que tamén explicamos neste episodio do Fálase.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.