Nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio que veñen de quedar convocadas teñen dereito ao voto 2,2 millóns de persoas. Son case 23.000 residentes en Galicia menos que nos anteriores comicios, celebrados en 2019. A caída poboacional, compensada levemente nalgúns dos últimos anos por saldos migratorios levemente positivos non impide que o corpo electoral do país volva reflectir a crise demográfica e os seus dous principais trazos: redución e envellecemento.
O electorado galego menor de 35 anos queda nas eleccións municipais en algo menos de 367.000 persoas
Nas primeiras eleccións municipais celebradas neste século, no ano 2003, o grupo de electorado máis numeroso aínda era o menor de 35 anos, algo máis de 670.000 persoas que supuñan case un 30% do censo. Dúas décadas despois, ese electorado mozo non só é o menos numeroso -así vén sucedendo dende hai unha década en Galicia-, senón que continúa reducíndose ata acadar o vindeiro 28M un novo mínimo. Son xa algo menos de 367.000 persoas de 18 a 34 anos con dereito a voto en Galicia, apenas un 17% do total.
O electorado mozo marca un novo mínimo mentres o da poboación que xa cumpriu 65 ou máis anos segue aumentando o seu peso. Xa é case un terzo do total e por primeira vez supera as 700.000 persoas, segundo os datos da Oficina do Censo Electoral pechados para a cita electoral municipal.
Hai un 14% menos de menores de 50 anos con dereito a voto que nos comicios locais de hai catro anos mentres o censo de maiores desa idade aumenta un 8%
En comparación coas anteriores eleccións municipais, as de 2019, o electorado mozo caeu algo máis dun 5% e aínda o fixo con máis intensidade o da poboación de 35 a 49 anos, que diminuíu case un 9% e xa está por baixo das 545.000 persoas. Mentres, o grupo de 50 a 64 anos aumenta case un 4% e o de maiores de 65 faino nunha proporción moi semellante. En cifras redondas, as persoas menores de 50 con dereito a escolleren as novas corporacións municipais son agora un 14% menos que hai catro anos e as maiores desa idade, un 8% máis.
Os sucesivos estudos postelectorais acreditan que a idade do electorado non é o único factor determinante, nin de lonxe, pero si que existen diferentes comportamentos electorais en función da idade e que poden chegar a condicionar os gobernos. Así, por exemplo, no estudo realizado polo CIS tras as últimas eleccións galegas, as de 2020, a portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, figuraba como líder máis valorada en todas as franxas de idade agás na de maiores de 65 anos, na que predominaba a preferencia polo popular Alberto Núñez Feijóo.
Nos indicadores de recordo de voto, aquel estudo reflectía o Bloque como primeira forza no electorado de ata 44 anos e como segunda, pero a apenas 6 puntos do PP, na poboación de 45 a 64 anos. A fenda dos soberanistas cos populares ampliábase a case 25 puntos entre a poboación maior de 65.
Case 80 concellos con máis electorado que en 2019
A maioría dos municipios que gañan votantes a respecto das anteriores eleccións están no eixo atlántico, encabezados por Oleiros e Ames
A redución do electorado non é territorialmente homoxenea. Como acontece coa crise demográfica en xeral, a diminución é máis intensa a estendida cara ao interior, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, e moito máis liviá no eixo atlántico. É nese eixo no que se atopan a maioría dos 76 concellos que gañan electorado a respecto das anteriores eleccións municipais.
En termos absolutos, o concello de Oleiros é o que máis votantes gaña a respecto das anteriores municipais, segundo os datos do censo, con 1.132 máis. Ségueo o concello de Ames, que suma algo máis de 800, e os municipios de Sada e Arteixo, con crecementos de en torno a 600 persoas.
En termos porcentuais, o maior crecemento no censo electoral para as eleccións municipais é o do pequeno concello ourensán de Castrelo de Miño, que suma 360 persoas, o que supón un crecemento superior ao 40%. Castrelo é, precisamente, unha das localidades nas que a Oficina do Censo Electoral pediu explicacións por detectar incrementos anormais do censo e incluíno na lista de municipios con censos electorais susceptibles de seren impugnados.
O maior incremento porcentual é o de Castrelo de Miño, concello investigado pola Oficina do Censo. As reducións máis avultadas rexístranse en concellos ourensáns
O pequeno concello da montaña lucense de Negueira de Muñiz, cun aumento de case o 13% (gañou 24 persoas inscritas no censo), o municipio ourensán da Teixeira, cun 8% máis (outras 24) ou o concello de Miño, con 411 votantes máis que supoñen unha suba do 8%, inclúense tamén no rexistro de concellos que ven ampliado o seu censo para o 28M.
Na banda contraria están os concellos con maiores diminucións do seu censo a respecto das anteriores eleccións municipais. Encabézaos Castrelo do Val, con máis dun 31% de perda de votantes (391 menos). Carballeda de Avia, Calvos de Randín, As Nogais, Pontedeva, O Bolo, Gomesende e Muras están tamén por riba do 10% na redución do censo electoral para esta cita coas urnas.