Galicia, máis envellecida, perde 5.000 habitantes máis malia ter saldo migratorio positivo por sexto ano consecutivo

Gráfico cos principais indicadores demográficos de Galicia, sobre unha imaxe de mulleres de avanzada idade subindo escaleiras no casco histórico de Santiago CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Galicia volve perder poboación, segundo a estatística oficial publicada polo INE este martes. O ano 2021 rematou con cinco mil persoas menos, ata chegar ás 2.691.557, a cifra máis baixa dende 1972, como xa apuntaban os datos provisionais coñecidos hai dous meses. Dende o 2009 Galicia perdeu poboación todos os anos, coa única excepción do 2019. Porén, a diminución do saldo migratorio exterior positivo provocado pola pandemia de COVID devolveu o rexistrou xeral a cifras negativas.

Dende o 2009 Galicia perdeu poboación todos os anos, coa única excepción do 2019

No 2021 Galicia rexistrou un novo mínimo de nacementos, converténdose no territorio do Estado con peor saldo vexetativo.. Este saldo vexetativo negativo (-18.057) só foi compensado en parte por un saldo migratorio que volve ser positivo, tanto no que atinxe ás migracións internas co resto do Estado (+3.747) coma co estranxeiro (+9.116)

Galicia presenta un saldo migratorio positivo dende o ano 2016, pero insuficiente para compensar o saldo vexetativo negativo

O conxunto do Estado, en cambio, gañou poboación o pasado ano (unhas 34.110 persoas) ata chegar aos 47.432.805 habitantes, grazas a un saldo migratorio positivo (+148.677) que si compensou un saldo vexetativo negativo (-113.023). Nove comunidades autónomas gañaron poboación, encabezadas en termos relativos por Murcia, Comunidade Valenciana e Canarias, mentres que as oito restantes a perderon, lideradas por Aragón, Asturias e Estremadura.

Dende o 2020 o saldo migratorio de Galicia co resto do Estado mellorou

O saldo migratorio positivo que presentou Galicia un ano máis vén repetíndose dende o ano 2016, despois de que entre 2012 e 2015, no marco da crise económica, foran máis as persoas que marcharon de Galicia que as que chegaron ou regresaron. 

O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 e acadou o seu máximo no ano 2019 (+16.918), desdendendo posteriormente nos ano 2020 e 2021, debido á menor chegada de poboación inmigrante no marco da pandemia de COVID. 

En cambio, o saldo migratorio interior só comezou a ser positivo (e con cifras cativas) no ano 2018. Neste caso, semella que a pandemia si xerou un efecto positivo, mellorando este saldo a partir do ano 2020, precisamente. Nese ano 2020 chegaron a Galicia dende outras comunidades autónomas 4.482 persoas máis que as que marcharon, unhas cifras que case se repetiron no ano 2021 (+3.747).

Madrid é o principal punto de destino da emigración galega pero tamén da inmigración ou retorno

Nos dous gráficos seguintes poden observarse os fluxos migratorios de Galicia coas restantes comunidades autónomas durante o ano 2021. O saldo con todas elas é positivo e mantense en cifras semellantes ás do ano 2020. A Comunidade de Madrid é o principal punto de destino da emigración galega pero tamén da inmigración ou retorno, seguida de Catalunya.

Venezuela segue encabezando as chegadas de poboación inmigrante a Galicia, seguida de Colombia, Arxentina, Cuba, Marrocos e Portugal. O 30% das persoas que dende Galicia emigran a outros países naceron en Galicia

En canto ás migracións co estranxeiro, Galicia recibiu 16.824 persoas en 2021, por riba das 14.504 de 2020, pero moi por debaixo das 24.784 de 2019, previas á pandemia. Os fluxos na dirección contraria (de saída) seguiron unha evolución semellante, descendendo entre 2019 (7.866) e 2020 (6.985) e recuperándose no 2021 (7.708) chegando neste caso practicamente aos niveis anteriores á COVID.

Venezuela segue encabezando as chegadas de poboación inmigrante a Galicia, seguida de Colombia, Arxentina, Cuba, Marrocos e Portugal. En canto ás persoas que dende Galicia marchan ao estranxeiro, ao redor do 30% naceron en España, mentres que o resto naceron noutros países, encabezados por Portugal, Brasil e Venezuela.

Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación de 65 anos ou máis, un 26,1% do total

O que non cambia é o progresivo envellecemento da poboación galega. Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación de 65 anos ou máis, un 26,1% do total, só por detrás de Asturias. Ademais, Galicia é o segundo territorio cunha maior proporción de poboación por riba de 80 anos, un 8,8% do total, só por detrás de Castela-León.

A idade media supera os 48 anos por primeira vez na historia

No 2021 a idade media da poboación galega superou os 48 anos (48,01) por primeira vez na historia. O dato supera en case catro anos a media española (44,07 anos) e constitúe o terceiro máis elevado do Estado, só por detrás do de Asturias e Castela e León.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.