Despois de 13 anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, Galicia é un territorio máis envellecido, cunha taxa de natalidade máis baixa e unha maior idade media. Por suposto, non se trata dun fenómeno exclusivo de Galicia e non é un proceso que se iniciara no ano 2009, pero en todo caso a xestión realizada polo Goberno galego nos últimos 13 anos non foi quen de reverter estas dinámicas.
Despois de 13 anos de goberno de Núñez Feijóo á fronte da Xunta, Galicia é un territorio máis envellecido, cunha taxa de natalidade máis baixa e unha maior idade media
Os datos son claros, dende o ano 2009 Galicia perdeu case cen mil habitantes e, ademais, a poboación residente na actualidade é de maior idade e está máis concentrada nas áreas urbanas. Todos os indicadores demográficos e de envellecemento empeoraron durante os 13 anos de goberno de Núñez Feijóo. Así o acreditou tamén esta mesma semana a actualización de cifras dos padróns municipais. A idade media da poboación aumentou en tres anos, a porcentaxe de habitantes maiores de 65 anos medrou en case catro puntos e xa se achega ao 26% do total e, de feito, o número de concellos nos que os menores de 20 anos son máis numerosos que os maiores de 65 pasaron de 37 a 11.
Hoxe nacen en Galicia sete mil nenos e nenas ao ano menos que no momento en que Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta
Hoxe nacen en Galicia sete mil nenos e nenas ao ano menos que no momento en que Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta. En consecuencia, a taxa bruta de natalidade caeu de forma clara (de 8,14 nacementos por cada mil habitantes a 5,65) e Galicia pasou de ser a antepenúltima comunidade autónoma neste indicador a ser a penúltima, empeorando unha posición. De igual xeito, os fillos e fillas cada vez se teñen cunha idade máis avanzada (a media medrou en máis dun ano).
En conxunto, a poboación descendeu case cen mil persoas nos últimos 13 anos
Ao tempo, incrementouse lixeiramente o número de defuncións, o que contribuíu a consolidar un saldo vexetativo moi negativo. Mentres que no ano 2009 aínda había 37 concellos nos que nacían máis persoas das que morrían, hoxe son tan só 5.
O único indicador que rexistra unha evolución positiva nestes 13 anos é o do saldo migratorio, tanto co resto do Estado coma co estranxeiro. Hoxe son moitas máis as persoas que veñen (ou retornan) a Galicia que as que marchan.
O primeiro semestre de 2021 rexistrou a cifra de nacementos máis baixa dende que hai rexistros
Os indicadores relativos ao movemento natural da poboación son os máis claramente negativos. O primeiro semestre de 2021 rexistrou a cifra de nacementos máis baixa dende que hai rexistros. A poboación de Galicia cae ata os 2.691.213 habitantes, a máis reducida dende 1972. Ademais, as mortes duplicaron os nacementos en Galicia en 2020 por primeira vez dende que hai datos comparables.
As medidas aplicadas polo Goberno galego foron incapaces de frear a tendencia negativa da natalidade
A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 a Xunta puxo en marcha un conxunto de medidas que buscaban fomentar a natalidade (tarxeta-benvida). Nese momento o número anual de nacementos era de 19.427 (dato de 2015), nunha tendencia descendente que comenzara en 2008, cando aínda se rexistraran 23.175 novas inscricións. Foron medidas anunciadas a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego que buscaban reverter a tendencia ou, cando menos, reducir o ritmo de descensos.
Seis anos máis as cifras amosan que as medidas aplicadas polo Goberno galego foron incapaces de frear esa tendencia negativa, que mesmo se está a acelerar: o pasado ano naceron en Galicia pouco máis de 15.000 nenos e nenas.
A taxa de natalidade descendeu en todas as comunidades autónomas. Galicia, que no ano 2009 era a terceira con menos nacementos en función da súa poboación, por riba de Castela e León e Asturias, hoxe só mellora o dato de Asturias.
Galicia, que no ano 2009 era a terceira con menos nacementos en función da súa poboación, por riba de Castela e León e Asturias, hoxe só mellora o dato de Asturias
A realidade é que a idade media da maternidade cada vez se adía máis. Se comparamos os datos dos nacementos que se produciron en 2020 cos rexistrados en 2009, vemos como a pesar do descenso xeral nas cifras de natalidade, o número de partos de mulleres por riba de 35 anos non deixou de aumentar. Pola contra, os partos de mulleres entre 20 e 30 anos reducíronse a máis da metade. As dificultades para conciliar a vida laboral e os coidados familiares, a penalización que a crianza supón para as mulleres na súa carreira profesional (moi diferente á sufrida polos varóns) e a propia precariedade laboral supoñen na actualidade o maior obstáculo á hora de decidirse a ter un fillo ou filla.
Nos últimos anos a chegada de inmigración doutros países serviu para equilibrar a diferenza cada vez maior entre nacementos e mortes en Galicia
Nos últimos anos a chegada de inmigración doutros países serviu para equilibrar a diferenza cada vez maior entre nacementos e mortes en Galicia. O saldo migratorio co estranxeiro foi sempre positivo (agás no 2013) e o número de chegadas, sobre todo procedentes de Venezuela e outros países americanos, disparouse nos últimos anos. Iso si, no 2020 a pandemia empeorou o saldo migratorio de Galicia, ao reducir moito a chegada de poboación estranxeira. Porén, incrementou as entradas (ou o retorno) de persoas anteriormente empadroadas noutras comunidades autónomas.
Hoxe hai en Galicia 257.000 habitantes menos entre os 20 e os 40 anos que antes da chegada de Núñez Feijóo ao poder
A poboación total descendeu en máis de 100.000 persoas durante os gobernos de Núñez Feijóo, pero non evolucionou da mesma maneira en todos os grupos de idade. Hoxe a media etaria é máis elevada porque hai moita máis poboación de máis de 80 anos (+52.783), entre os 65 e os 80 anos (+29.536) e entre os 50 e os 64 anos (+64.264). O número de nenos/as e mozos/as non diminíu de forma importante (uns 20 mil menos) pero si caeu de forma espectacular a cifra de habitantes entre 20 e 40 anos: 257.000 persoas menos.
A Galicia rural mantivo a súa tendencia ao despoboamento e só gañan residentes as áreas urbanas, especialmente nos arredores da Coruña, Compostela e o litoral da provincia de Pontevedra.
Ese descenso de 100.000 habitantes tampouco se distribúe de xeito uniforme en todo o territorio. A Galicia rural mantivo a súa tendencia ao despoboamento e só gañan residentes as áreas urbanas, especialmente nos arredores da Coruña, Compostela e o litoral da provincia de Pontevedra.
Mentres que no ano 2009 aínda había 37 concellos nos que nacían máis persoas das que morrían, hoxe son tan só 5. De igual xeito, o número de concellos nos que os menores de 20 anos son máis numerosos que os maiores de 65 pasaron de 37 a 11.