Galicia tivo o pasado ano 4.000 nacementos menos que antes da posta en marcha do cheque-bebé da Xunta

© Sergas

A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 a Xunta puxo en marcha un conxunto de medidas que buscaban fomentar a natalidade (tarxeta-benvida). Nese momento o número anual de nacementos era de 19.427 (dato de 2015), nunha tendencia descendente que comenzara en 2008, cando aínda se rexistraran 23.175 novas inscricións. Foron medidas anunciadas a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego que buscaban reverter a tendencia ou, cando menos, reducir o ritmo de descensos.

O 2019 convértese así no ano con menos nacementos na historia de Galicia dende que existen rexistros comparables

Catro anos máis as cifras amosan que as medidas aplicadas polo Goberno galego foron incapaces de frear esa tendencia negativa, que mesmo se está a acelerar. No ano 2019 o número total de nacementos en Galicia foi de 15.601, case mil menos que o pasado ano (16.550) e case tres mil menos que os do 2017 (18.445), segundo as cifras provisionais que o INE fixo públicas este mércores. Dende a posta en marcha da tarxeta benvida e outras medidas de fomento da natalidade, o número de nacementos descendeu en case catro mil, case un 20%.

Por primeira vez dende que hai rexistros o número de mortes foi máis do dobre que o número de nacementos

O 2019 convértese así no ano con menos nacementos na historia de Galicia dende que existen rexistros comparables. Ao redor do 10% de nacementos (1.545) foron de nai estranxeira.

En consecuencia, o saldo vexetativo é cada vez máis negativo en Galicia, a pesar de que tamén descendeu en 2019 o número de defuncións, de 32.404 a 31.232. Aínda así, por primeira vez dende que hai rexistros o número de mortes foi máis do dobre que o número de nacementos.

Galicia foi, de feito, a comunidade autónoma cun saldo vexetativo máis negativo en 2019 (-15.631), por diante de Castela e León e de Asturias,

Nos últimos meses o Goberno galego seguiu presumindo das súas políticas de fomento da natalidade. O deputado do PP Alberto Pazos salientou no Parlamento que a Xunta “leva investidos nesta lexislatura máis de 355 millóns de euros na loita contra o declive demográfico” e afirmou que “para o PPdeG e para o Goberno galego o problema demográfico de Galicia é algo máis que unha prioridade, é a prioridade”. Ante as críticas dos grupos da oposicón, Pazos enumerou o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia, as Casas-Niño ou o anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia.

A pesar de que A Coruña e Pontevedra son as provincias galegas cunha maior taxa de natalidade e cun maior número de nacementos, tamén son os territorios nos que o seu número está a descender máis rapidamente. Dende o ano 2015, a Coruña pasou de 8.386 a 6.611 nacementos e Pontevedra de 7.032 a 5.815.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.