O grupo de Maternidades Feministas en Compostela (Materfem) presentou este mércores o 'Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan á maternidade e ás súas crianzas', unha iniciativa que busca visibilizar e denunciar a discriminación laboral que sofren as mulleres que son nais, así como as dificultades para conciliar. Igualmente, pon o foco na violencia obstétrica, nos limitados permisos de maternidade, nas eivas para cobrar as pensións de manutención, ou nos Puntos de Encontro Familiar que vulneran os dereitos de mulleres. Pero tamén sinala aspectos máis cotiáns, coma os obstáculos no uso do transporte público ou as barreiras de acceso a edificios oficiais.
Un primeiro informe de resultados será presentado o vindeiro 8 de marzo e a partir del o grupo de Maternidades Feministas elaborará un diagnóstico que posteriormente presentará ás institucións
Para iso, o Observatorio vén de poñer en marcha un cuestionario online anónimo que recolle preguntas cuantitativas así como a posibilidade de describir experiencias concretas en profundidade. Un primeiro informe de resultados será presentado o vindeiro 8 de marzo e a partir del o grupo de Maternidades Feministas elaborará un diagnóstico que posteriormente presentará ás institucións competentes en cada materia xunto coas propostas recollidas "para que se adopten as medidas oportunas e se lexisle en consecuencia". Ademais, o cuestionario seguirá aberto coa intención de seguir presentando informes de periodicidade anual.
O cuestionario ten en conta, ademais, "as dificultades engadidas que padecen as mulleres non heterosexuais, racializadas, con algún tipo de discapacidade e/ou monomarentais, entre outros parámetros", sinala o colectivo. Ademais, Materfem tamén anunciou que levará a cabo un acto público no mes de decembro co que se pretende difundir este cuestionario e denunciar as situacións obxecto de estudo. Falamos con Sabela Losada, unha das integrantes de Materfem.
Cal é o obxectivo do Observatorio?
"O obxectivo primeiro é ter un estado da cuestión, un diagnóstico sobre cal é a realidade que enfrontamos a distintos niveis. Sobre todo porque sen datos é difícil facer políticas adecuadas"
O pasado ano lanzamos o grupo de Maternidades Feministas a partir dunha necesidade que eu percibía en moitas mulleres nais coas que me ía cruzando: a falta de espazos para charlar, para reflexionar, para expresar as nosas demandas, inquedanzas e problemas. Durante un ano tivemos un gran número de reunións, nas que agromaron varias ideas. E unha delas era a conclusión de que necesitabamos un estudo no que aparecese reflectida a realidade que vivimos e as violencias que enfrontamos as mulleres nais e as nosas crianzas. Este é un estudo pioneiro e está feito directamente por nós, por mulleres nais. O obxectivo primeiro é ter un estado da cuestión, un diagnóstico sobre cal é a realidade que enfrontamos a distintos niveis. Sobre todo porque sen datos é difícil facer políticas adecuadas.
Poñedes o foco en moitas cuestións: dende discriminacións e obstáculos máis sutís e cotiáns ata outros aspectos que son constitutivos de delito. É importante entender o problema na súa integridade?
Tentamos abranguer distintos niveis. Evidentemente, é moi distinto que eu non poida subir co meu carriño as escaleiras da Comisaría de Policía de Santiago para poder renovar o DNI que sufrir unha violencia máis visible. Pero todas son violencias, precisamente porque algunhas son cotiás: moitas destas violencias son invisibles ou están normalizadas. O mesmo pasa na violencia obstétrica, que abrangue dende intervencións innecesarias a comentarios ofensivos ou o trato ás mulleres como se fosen un obxecto ou unha nena pequena.
"Moitas destas violencias son invisibles ou están normalizadas"
Outra das violencias que está invisibilizada é a institucional: a que recibimos por parte de institucións que teoricamente deberían protexer e garantir os nosos dereitos. Por iso tamén incluímos cuestións sobre a realidade dos puntos de encontro familiar ou a realidade dos avogados e avogadas de oficio, que moitas veces non contan con formación específica en xénero, o mesmo que sucede con persoal médico e con outro funcionariado. Está tamén a cuestión da discriminación laboral que sufrimos as mulleres nais, unha discriminación exercida polo sistema contra as mulleres que teñen crianzas e mesmo con aquelas que non son nais pero que están en idade de ter fillos e fillas.
Chama a atención a contradición que se dá entre os discursos que gobernos e partidos sobre o "problema" da baixa natalidade, que practicamente acaban por culpabilizar as mulleres de non teren fillos e fillas, e a falta de medidas reais para apoiar as mulleres que teñen crianzas. Máis aló dos discursos cómpre poñer en práctica medidas reais?
"Hai unha violencia que as mulleres recibimos por non ser nais, que nos fai responsables da baixa natalidade. Pero despois non se nos escoita cando temos unhas demandas claras"
Hai unha violencia cultural que as mulleres recibimos socialmente e nos medios de comunicación por non ser nais, que nos fai responsables da baixa natalidade, do non sostemento das pensións, etcétera. Pero despois non se nos escoita cando temos unhas demandas claras. A partir das respostas que obteñamos no cuestionario, queremos elaborar un informe, cuxa primeira versión presentaremos o vindeiro 8 de marzo e que despois faremos chegar ás institucións. Queremos amosar a realidade que teñen quen enfrontar as mulleres nais e as súas crianzas, pero tamén as propostas que nós facemos. Algunhas serán máis sinxelas de aplicar e outras necesitarán o apoio de varias administración. Queremos ir máis aló do laio e adoptar unha actitude activa para acadar estes cambios.
O ano pasado botastes a andar o grupo de Maternidades Feministas. Como foi a vosa actividade ata agora?
O que máis estivemos facendo ata agora foi traballo de reflexión, de diagnóstico e de autoformación. No 8 de marzo deste ano saímos á rúa coa idea de visibilizar o traballo dos coidados. Estamos colaborando con outros colectivos que tamén traballan nesta liña de pór en valor o labor de coidar doutras persoas, un labor que é invisibilizado pola sociedade e que non é valorado. Valórase máis calquera traballo fóra da casa que o de encargarse de que unha vida saia adiante. O próximo ano queremos organizar unhas xornadas que traten todos estes temas
O feminismo deixou de lado ata agora o debate sobre os coidados e a maternidade? Pódese entender que a prioridade lóxica era dar a batalla pola igualdade no espazo público e no mundo laboral. Pero isto tivo como resultado que os disrcusos sobre a familia e maternidade fosen hexemonizados pola dereita?
"É certo que ás veces falar de maternidade é complicado dentro dos propios espazos feministas, porque parece que cando se fala da crianza o que se quere é volver atrás"
A maternidade ten sido un tema polémico dentro do feminismo e entendo os motivos, hai unhas décadas o feminismo tiña outras prioridades, foi un camiño que fomos percorrendo. O máis importante na maternidade, para que sexa feminista, é que ten que poder ser elixida. Si que é certo que ás veces falar de maternidade é complicado dentro dos propios espazos feministas, porque parece que cando se fala da crianza o que se quere é volver atrás. Pero é un desafío e temos que seguir traballando neste sentido.
As mulleres somos as que parimos, pero sobre todo somos as que nos encargamos maioritariamente da crianza dos fillos e das fillas, e é necesario ter en conta esta realidade e que a poñamos ao noso favor. Debemos reapropiarnos da maternidade. As mulleres podemos ou non ser nais, pero se decidimos selo, temos que ter unha serie de dereitos. O que non pode ser é que o patriarcado se apropie dos nosos fillos e fillas, dende o apelido ata a maneira de parir. E tamén en sentenzas que seguen insistindo no chamado síndrome de alienación parental.
" As mulleres podemos ou non ser nais, pero se decidimos selo, temos que ter unha serie de dereitos. O que non pode ser é que o patriarcado se apropie dos nosos fillos e fillas"
Todo isto son razóns de peso para que sexa necesario reapropiarnos da maternidade, porque doutro xeito van seguir sendo outros os que teñan o discurso dominante sobre a maternidade, aqueles que precisamente nos queren dentro da casa, abnegadas e sometidas. Ninguén ten que decidir sobre nós, porque somos nós as que estamos levando adiante ese traballo e queremos que se recoñeza.
Cambiando a maneira en que a maternidade se leva a cabo pódese cambiar o mundo. As crianzas poden medrar nun ambiente non patriarcal, non autoritario, non sexista, un ambiente de coidado e non violento. Por iso a feminismo ten que estar aí, na primeira liña, pelexando por ese modelo de crianza, no que se valore o coidado e non a competitividade.
Cal é o papel que deben cumprir os homes na crianza feminista?
"É importante que os homes deades un paso atrás e escoitedes, porque iso si que é necesario para o feminismo: que os homes paren a escoitar"
Nós non temos que dicirlles aos homes cal é o seu papel, porque esa é unha reflexión que teñen que facer os propios homes. Pero creo que con isto hai unha certa confusión: ás veces parece que un home feminista ten que facer todo o que facemos as mulleres para ser feminista. Os homes que se queren aliar co feminismo o que teñen que facer é tomar os espazos que xa teñen polo feito de ser homes e convertelos en feministas. É importante que os homes deades un paso atrás e escoitedes, porque iso si que é necesario para o feminismo: que os homes paren a escoitar.
E é importante que as crianzas teñan outros referentes masculinos: homes que non resolven todo coa violencia, que non necesariamente queren ter a razón, que non lles explican ás mulleres as propias vivencias das mulleres... Non se trata só de que encargarse de forma igualitaria das tarefas da casa, senón tamén do traballo mental de facelo, unha carga mental que sempre cae sobre as mulleres e que os homes non teñen porque sempre hai detrás unha muller.