Marga Tojo: “Reducir a maternidade a unha guerra entre malas nais e hipernais non axuda. Debilita, divide, quita a voz”

Encontro da autora con alumnado do CEIP Miguel Hernández de Orihuela © Paz Castro

A xornalista e escritora Marga Tojo gañou o premio Ciudad de Orihuela con Cara de velocidad (Kalandraka), un poemario no que unha nena lista, -unha superheroína que encara a vida co poder da súa imaxinación nunha contorna hostil- percorre a cidade procurando un tesouro. Sen saber que o tesouro verdadeiro o ten moi perto. Hai fíos que unen este libro e a última obra desta mesma autora,  Maternidade fóra de catálogo, (Xerais), que chegará ás librerías na primeira semana de maio. Un volume, a medio camiño entre o ensaio, a reportaxe xornalística e o relato en primeira persoa, que analiza as condicións económicas e sociopolíticas nas que se produce, na actualidade, o coidado dos fillos. Reivindicando o que poderiamos chamar unha ética dos coidados contra os tópicos. Sen caricaturas.

O teu libro foi escollido entre 113. Como recibiches a noticia?

Fíxome moita ilusión, claro. Non sei… cando mandas un libro a un premio non pensas en gañar nin en non gañar: simplemente envíalo… Unha amiga que é especialista en literatura infantil recomendoume presentarme. Tamén me decidín porque era Kalandraka, que é un luxo editar con eles, e polo poeta que homenaxea o premio, Miguel Hernández, que ten versos moi bonitos dedicados a un pequeno, o seu fillo, que case non coñeceu.

O xurado salientou as imaxes poéticas. A do xigante é un exemplo… Es consciente desa escrita na que están tan presentes as imaxes?

Non sei… Supoño que si, que o poema céntrase máis en crear imaxes que destaquen o poder da imaxinación que ten a nena protagonista para derrubar a constrición á que sometemos a vida dos pequenos. Porque os temos sometidos a unha vida rutinaria, chea de normas. Tratamos os nenos con bastante falta de respecto á súa entidade como individuos e como colectivo, como cidadáns e humanos cunha vida por desenvolver, explorando e experimentando. E diso quixen falar no poemario: da necesidade de dar poder aos pequenos. En calquera caso, escribino tamén pensando en que me gustaría a min ler cando era pequena, que me daría pracer ler cando era rapaza.

“Tratamos os nenos con bastante falta de respecto á súa entidade como individuos e como colectivo, como cidadáns e humanos cunha vida por desenvolver”

Por iso tamén a superheroína? O que parece dicir o poemario é que calquera nena, calquera neno, pode ser un superheroe.

Dáse a circunstancia de que esta nena, a protagonista, é unha superheroína, coma todos os cativos e todas as persoas, en xeral, que se enfrontan ás adversidades da vida. Mais o da superheroína tamén é porque no imaxinario infantil dos superheroes hai poucas superheroínas.

“A nena, a protagonista, é unha superheroína, coma todos os cativos e todas as persoas, en xeral, que se enfrontan ás adversidades da vida”

Cando nós eramos pequenas a tele víase igual unha hora ao día e ías ao cine unha ou dúas veces ao ano, pero as superheroínas non estaban no imaxinario creado polo audiovisual. Agora, eses referentes culturais creados pola industria audiovisual están en todos os lados: até nas tazas do almorzo. Penso que aí tamén ten que haber referentes femininos e, non sei, pareceume chulo que a protagonista fose unha nena. Ademais, é unha superheroína antiheroína. E que hai máis heroico que un antiheroe? Tamén quixen subliñar iso: que os pequenos e pequenas son antiheroes e antiheroínas, sendo heroicos. A idea da superheroína vese reforzada ademais polas ilustracións de María Hergueta, cunha estética cercana ao do comic.

O libro é como un percorrido da nena pola cidade, vista desde os seus ollos, coa súa imaxinación: hai animais, unha selva… E tamén é hostil...

A cidade é o escenario porque na cidade viven moitos nenos e porque a cidade está feita para os adultos. Entón, como poden atopar os nenos a liberdade nun territorio tan hostil e vedado para eles? Esta nena busca romper con todo iso, explorándoo coas súas capacidades. E a cidade vólvese unha selva, un bosque, con animais, no que a nena busca un tesouro.

Pero o tesouro é ela…

O tesouro que todos andamos buscando, que ás veces, cando medramos, se nos esquece, e incluso tamén hai nenos que non o ven, tan metidos como están na rutina e no consumo. Eles viven nunha contorna de hiperconsumo. Pero o tesouro non está nas cousas que podemos comprar, o tesouro está en nós mesmos e na paixón coa que saibamos extraer as cousas boa da vida, na nosa capacidade para saír do tedio sistemático ao que estamos sometidos e obrigados.

“O tesouro non está nas cousas que podemos comprar, está na nosa capacidade para saír do tedio sistemático ao que estamos sometidos e obrigados”

O libro reflicte a diversidade: un neno en cadeira de rodas…

Reflicte a diversidade real coa que vivimos. Non todos temos a pel da mesma cor, nin a mesma estruturar física… Hai persoas que se moven en cadeira de rodas, persoas que non poden ver… Nos libros de texto dos pequeniños non aparece nada disto. Non se contempla a diversidade.

Se o material se limita ao discurso hexemónico, que é racista e clasista, se só retrata un tipo de poboación medio, branco e sen problemas económicos, está a quedar fóra boa parte da sociedade, ademais do estar a causar un efecto moi negativo no desenvolvemento dos pequenos como persoas. Tamén me apetecía que aparecese, en relación con iso, a precariedade laboral. Por iso a nai pregunta, que fago? E a nena di: vivir sobre as cordas. Coma a equilibrista. Hai moitas nais que están no paro. moitas familias que non chegan a fin de mes.

Volumes de 'Cara de Velocidade' / Kalandraka

“Nos libros de texto dos pequeniños non aparece nada disto. Non se contempla a diversidade”

Nese sentido, é unha nena lista que pensa sobre a vida… Facíame ás veces pensar en Mafalda, aínda que supoño que é máis pequena ca Mafalda… O libro ten, niso, un punto existencial.

Pode ter uns 8 ou 9 anos. Cando aprende a poñer o abrigo e voa, é como o relato iniciático de calquera superheroína: cando comezou o seu superpoder. Cando comezou a decatarse do superpoder que ten para vivir a súa vida da forma máis autónoma posible. Si hai un punto existencial, como dis, salvando as distancias co personaxe de Mafalda, un clásico inigualable. Pero si, si quixen que fose unha nena que lle dá ao coco, que pensa. Moitas veces os adultos tratan os nenos como se fosen parvos. E non, un respecto, que son xente que sente e comprende coma todo o mundo.

“Moitas veces os adultos tratan os nenos como se fosen parvos”

Falabas antes da autonomía dos nenos. No libro aparecen poucos adultos. Aparece pouco a nai… Supoño que é buscado. Ben, a nai si aparece nun poema que parece autobiográfico: cando cae un vaso no ordenador e hai un naufraxio.

É buscado por ese motivo, si. E, cando aparecen, están por un motivo. A nai, porque quería constatar que hai nais, e pais, que o pasan mal, que teñen problemas económicos… E o avó, tamén porque era unha maneira de traer ao libro a Gene Kelly, que é da idade do avó, e a Patti Smith, que unha rockeira de agora. Ela coñece a Patti a través do avó. Ademais, porque eu observo que hai avós que, seguramente, non tiveron un papel de coidados cos seus propios fillos, pero agora están a asumir un rol que antes non tiveron. E paréceme interesante ver como se enfrontan aos coidados.

“Eu observo que hai avós que, seguramente, non tiveron un papel de coidados cos seus propios fillos, pero agora están a asumir un rol que antes non tiveron”

Xa que falas de Patti Smith, hai máis referencias no libro…

Hai moita música. É un ingrediente fundamental na miña vida, que penso case que me salvou. Foi un elemento fundamental, para min e para a miña filla, para superar malos momentos debidos á súa enfermidade. Non imaxino a miña vida, nin a crianza, sen música. Pero non son eu quen fala no libro: é a nena protagonista. E non concibo a súa vida sen música. A música pode xurdir de calquera cousa. Fas unha canción cando fas unha tortilla, como no poema do avó…

Mudamos de libro agora. Coidar é unha oportunidade para analizar en profundidade o funcionamento social, di Maternidade fóra de catálogo. Cal é o obxectivo deste outro libro?

O libro non aspira a ser guía de nada, nin a dar conclusións pechadas. Foi froito da necesidade, do interese por relatar unha cousa que estaba a vivir. Ata entón vivira de costas a esa realidade, a miña vida pasara sen o tipo de compromiso que supón criar un fillo. Ademais, ao principio da maternidade, vivín unhas circunstancias peculiares, que non eran as máis convenientes, pero acepteinas e atrevinme a vivilas. Tentar criar sen ter perto ningún tipo de contorna afectiva e coas peculiaridades dunha familia reconstituída é bastante complicado.

“Tentar criar sen ningún tipo de contorna afectiva e coas peculiaridades dunha familia reconstituída é bastante complicado”

Nunha cidade tan cara como Madrid, tendo eu unhas circunstancias laborais moi difíciles, ás que se engadiu a enfermidade da pequena… Pois con ese tipo de condicións desfavorables, nese tipo de situacións, é nas que mellor se pode analizar a carencia de mecanismos sociais para suplir esas realidades. E digo todo isto sabendo que, con todo, pertenzo ao sector privilexiado de ser muller branca, etc...

Non se trata, di tamén o primeiro capítulo, de mudar o mito da sempiterna abnegación materna polo da desafección permanente. Por que o dis?

Porque se reduce a maternidade a dúas caricaturas moi superficiais, a das malas nais e a das hipernais.

Estivill versus Carlos González?

Si, pero aínda máis. Cada unha ten que ser nai como queira e como poida, claro, podes sentirte nai por enriba de todas as cousas ou podes sentirte profesional ou o que sexa por enriba de todas as cousas, pero non hai que esquecer que temos fillos nun contexto sociopolítico.

A ver, se criticas que se desligue a maternidade da ñoñería, da culpa e de todo o que arrastra, de todo o que todos coñecemos tan ben porque fomos educados dun xeito semellante; se queres desenmascarar toda esa historia e ao mesmo tempo derrubar o mito de que temos que ser nais á forza, iso non implica que non poidas querer ser nai e implicarte na vida do teu fillo e darlle o mellor de ti, adaptando a túa vida á nova situación.

Non se pode esmagar un mito con outro mito. Despois, cadaquén fará o que queira ou o que poida: haberá quen recorra a axuda externa para criar, haberá quen non teña máis remedio que criar sen axuda… Pero reducir todo a caricaturas, a unha guerra binarista entre nais, non axuda en absoluto, ao contrario: é debilitar, dividir, quitar a voz. Ao ser nai non deixas de ser quen es, non pasas a pertencer a outro colectivo, non deixas de ser a compañeira de sempre aínda que vivas circunstancias novas.

“Ao ser nai non deixas de ser quen es, non pasas a pertencer a outro colectivo, non deixas de ser a compañeira de sempre”

Outra reflexión bastante presente no libro é, por que prescribir con condescendencia moralizante a “volta ao traballo”, convertido en símbolo identitario nunha sociedade na que cadaquén é marca de si mesmo, cando se sabe que se está a receitar, na maior parte dos casos, puro precariado? O laboral, dis, só pode ser emancipador en condicións dignas, xusto como o exercicio dos coidados.

Es nai, ou pai, tes un fillo de menos de tres anos que aínda non pode ir á escola, e se te queixas de que é duro, de que estás canso, de que non podes máis, o que che prescriben é volver traballar, sabendo o difícil que che vai ser atopar un traballo que xa non só che permita compatibilizar, senón no que vaias cobrar abondo para pagar pouco máis que a gardería do pequeno, e iso se tes a sorte de ter praza na gardería pública…

Nunha entrevista con Carolina del Olmo, da que recolles fragmentos no libro, preguntábaslle como criar en tribo na contorna urbana, -tendo en conta que a crianza sen tribo é unha novidade histórica-, mais a través de estruturas comunitarias que non leven aparelladas formas de dominación como as tradicionais.

Claro, é que é moi difícil criar sen ter lazos familiares. Na nosa sociedade a familia ocupa o papel de soporte principal, ou iso ou as posibilidades económicas que che permitan contratar axuda externa. Se non tes ningunha das dúas, e iso pasa moito nas cidades, é realmente duro. Pero claro, como facer para romper co ditado da xeración anterior, como convivir dunha maneira colaborativa interxeracional sen as relacións de dominación, as xerarquías, de antes… É difícil.

Xa que falas da cidade, o libro analízaa moito como escenario da crianza. Como espazo concibido para producir e non para vivir. Pensado para homes que non van criar.

Porque as cidades tornáronse niso, en espazos de produción e consumo nos que todo está encamiñado a iso, e o centro especialmente. Non hai sitio para os nenos fóra dos parques, non hai espazos para o relacionamento fóra dos centros comerciais. Non hai espazo para nenos, para vellos, para ninguén que non estea a consumir ou producir. O dominio dos coches é moi elevado, e non existen alternativas ou non acaban de desenvolverse.

“Non hai na cidade espazo para nenos, para vellos, para ninguén que non estea a consumir ou producir”

Nun lugar con tanta polución como Madrid, calquera proposta de cortar o tráfico puntualmente produce moitas reaccións en contra… Eu podo entender as peculiaridades individuais, a xente que por exemplo ten problemas de mobilidade, pero pódese vivir en Madrid sen coche. Nós facemos desprazamentos diarios de moitos quilómetros en transporte público. Pódese facer.

Non hai nada máis revolucionario, dis, que o compromiso de manter a humanidade en pé sen necesidade de verquer sangue ou destruír o planeta. Ademais, salientas, as mulleres nais son suxeitos, e non obxectos pasivos, da Historia, que tamén se esforzaron e esforzan por mellorar o escenario político e social.

Si, é importante salientar iso. Para erradicar a imaxe da nai como ser pasivo que fica na casa, alicerzada desde a construción da familia burguesa e a industrialización e moldeada polo capitalismo. Penso que é necesario recuperar a autoestima das mulleres con fillos, recoñecer a súa importancia histórica, a súa relevancia sociopolítica ao longo da historia, o seu protagonismo en tantos movementos sociais…

“É necesario recuperar a autoestima das mulleres con fillos, recoñecer a súa importancia histórica, a súa relevancia sociopolítica ao longo da historia”

A nai como suxeito sometido a vixilancia, ao control social, sempre baixo sospeita. O aleccionamento constante. É outra das cousas que denuncia o libro. Hai un capítulo que recolle a experiencia de varias nais con isto. Por que cres que pasa?

Foi algo que comecei a notar moito xa cando estaba embarazada. Na infancia e na adolescencia somos constantemente aleccionados, vixiados: na casa, na escola… A min custoume moito desfacerme diso, poder vivir a miña vida de forma autónoma, como puiden. Pois foi quedar embarazada e volver sentir esa presión social sobre min. Todo o mundo tentando dirixir a túa vida. E aínda é peor na condición de madrasta. A maneira na que te apuntan como nai de segunda, como se a túa familia fose de segunda categoría con respecto á “primeira”. Penso que é o lastre dunha tradición que se conserva incólume, un modelo único de familia que se considera o bo. Todos os modelos diferentes de familia son considerados patolóxicos, disfuncionais…

“Todos os modelos diferentes de familia son considerados patolóxicos, disfuncionais…”

O libro é como unha mestura de reportaxe xornalística -con entrevistas e datos-, relato en primeira persoa e ensaio. Cos distintos elementos ben equilibrados… Falan nais, especialistas en distintos temas...

Fala xente de todo tipo, expertos, mulleres con fillos e sen fillos, homes con fillos… Persoas que non sabía, a priori, o que pensaban sobre o tema, e que me deron respostas moi enriquecedoras.

Falabamos ao principio das circunstancias sociopolíticas da crianza. Tamén analizas as económicas. O Estado español é o quinto máis desigual de Europa. O terceiro con máis pobreza infantil. As taxas de pobreza son especialmente elevadas en familias con fillos. As taxas de temporalidade laboral son moito maiores nas mulleres. Entón, como perderse en caricaturas cando a realidade estrutural é esa? Ou como falar de corresponsabilidade se a situación de partida é moi desigual para as mulleres?

Claro, é que cando falamos da maternidade en termos de pelexas binaristas, o que facemos é contribuír a agochar a realidade. Esa realidade da pobreza de moita xente que está a criar fillos, de moitos nenos, de moitas parellas e de moitas nais soas, que evidencia que o Estado español nunca tivo políticas efectivas de erradicación da pobreza, e que continúa a non telas. Que o goberno actual o fai moi mal. Esa é a realidade.

"O Estado español nunca tivo políticas efectivas de erradicación da pobreza"

E ademais é, segundo di unha das expertas, o traballo de coidados suporía a metade do PIB… Entón, se cadra, en vez de tanto presentar dicotomías entre a muller-nai-metida-na-casa, e a muller-profesional, sería mellor comezar, por exemplo, por esixir os dereitos laborais que nos corresponden, segundo dis.

O traballo doméstico e non remunerado alicerza o noso sistema produtivo. E mudar terían que mudar moitas cousas. Precisaríase unha reforma profunda, porque o problema é multifactorial. Pero o primeiro, si, que habería que cambiar, é o mercado laboral, porque ademais hoxe é a única forma de vida que temos. Resúltanme moi banais, por exemplo, esas lecturas desde situacións vitais privilexiadas, nas que te tratan con condescendencia dando por suposto que o que debes, e podes facer, é externalizar os coidados nunha muller que che veña de luns a sábado…

"O primeiro, si, que habería que cambiar, é o mercado laboral, porque ademais hoxe é a única forma de vida que temos"

Non só o capitalismo está montado sobre ese traballo gratuíto das mulleres, comentas. Tamén o Estado de Benestar. Tendo en conta que o patriarcado non é eterno e, como a familia nuclear, ten unha Historia determinada.

Si, non só o sistema capitalista está edificado sobre o traballo de coidados, tamén o Estado de Benestar. Foi Silvia Federici a primeira que investigou isto. E nos Estados do Sur, especialmente, aínda máis, porque está o Estado montado sobre o alicerce da familia.

"Non só o sistema capitalista está edificado sobre o traballo de coidados, tamén o Estado de Benestar"

Fala tamén o libro de temas que están en Cara de velocidade: o consumismo ao que se quere levar a pais e nenos… Se os pais están sobrepasados, é porque non consumen abondo.

Si, a mercadotecnia alcánzao todo. Se o teu bebé non dorme, é porque non usas xabón Dulces Sueños. Se os pais están cansos, é porque son uns desorganizados ou non consumen os produtos correctos…

Marga Tojo, nunha presentación do seu poemario 'Últimos bruídos' © Gonzalo Cortizo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.