A idade media da maternidade incrementouse cinco anos nas últimas tres décadas

Evolución da idade media da maternidade en Galicia Dominio Público Praza Pública

O INE publicou este xoves os últimos datos demográficos, correspondentes ao ano 2016. Neles, ademais da cada vez maior diferenza entre defuncións e nacmentos en Galicia, publicouse o indicador da idade media da maternidade, que o pasado ano seguiu a crecer, situándose xa nos 32,6 anos. Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maternidade máis tardía, só superada polo País Vasco (32,86) e moi por riba da media española (32).

Galicia é a segunda comunidade cunha maternidade máis tardía, só superada polo País Vasco (32,86) e moi por riba da media española (32)

Nas últimas tres décadas a idade media da maternidade incrementouse en 5 anos en Galicia (dende os 27,6 anos de 1987) e a idade media na que as mulleres galegas teñen o seu primeiro fillo ou filla creceu en case seis (dende os 25,38 ata os 31,53). 

Con todo, 2016 foi o primeiro ano dende 1996 no que descendeu a idade desta primeira maternidade, que agora se sitúa nos 31,53 anos. Neste indicador Galicia atópase tamén por riba da media española (30,79 anos), aínda que de novo por debaixo de Euskadi (31,85) e tamén de Castela-León (31,55).

Hoxe o 10% dos partos teñen como protagonistas a mulleres de máis de 40 anos (2% en 1996) e o 44% a mulleres de 35 anos ou máis (14% en 1996)

O tempo da maternidade atrasouse significativamente nas últimas décadas. En 1996 o 22% dos nenos e nenas galegas nacían con nais por debaixo de 25 anos, unha porcentaxe que hoxe se reduciu ata o 6%. Ata un 55% das nais non chegaban aos 30 anos, mentres que no 2015 os partos por debaixo des idade non chegaron ao 21%.

Pola contra, cada vez son máis as mulleres que teñen fillos por riba dos 35 e mesmo dos 40 anos. Hoxe o 10% dos partos teñen como protagonistas a mulleres de máis de 40 anos (2% en 1996) e o 44% a mulleres de 35 anos ou máis (14% en 1996) 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.