A conciliación da vida laboral e familiar segue a ser, sobre todo, cousa de mulleres. Cando menos no que se refire á realización dos maiores esforzos en canto á interrupción da actividade laboral ou á redución de horarios. Así o confirma o INE este xoves coa publicación dos datos correspondentes a 2018 do módulo da EPA sobre Conciliación entre a vida laboral e a familiar.
O 45,4% das mulleres interromperon os seus traballos cando menos un mes para coidar fillos/as, fronte ao 7,9% dos homes
A enquisa ofrece datos por comunidades autónomas en canto ás facilidades ou dificultades que as empresas ofrecen para a conciliación, pero unicamente a nivel estatal para os datos segmentados por sexo. Así, para o conxunto de España o 20,63% das mulleres sinalan ter reducido o seu horario laboral para coidar fillos ou fillas menores. Pola contra, a porcentaxe de homes que tiveron que facer o mesmo foi de pouco máis do 3%.
Tamén hai unha gran diferenza entre os homes e mulleres que sinalan que nalgún momento das súas vidas deixaron de traballar cando menos un mes para levar a cabo estes labores de crianza. Así o fixeron o 45,43% das mulleres, pero só o 7,87% dos homes. A incorporación dos permisos por nacemento iguais e intransferibles pode facer variar este indicador nos vindeiros anos.
Ademais, as interrupcións foron de moita maior duración no caso das traballadoras; un 25% das que abandonaron temporalmente os seus empregos fixérono por máis dun ano e outro 25% fíxoo entre 6 meses e un ano; mentres, no caso dos homes a gran maioría destes paróns foi de menos de seis meses.
Os datos son semellantes aos resultados da Enquisa de Fecundidade publicada polo INE hai uns meses, que sinalaba que a porcentaxe de homes que se responsabiliza das tarefas de coidado dos fillos en exclusiva é moi pequena. En cambio, unha gran proporción de nais si realizaban en solitario moitas destas tarefas: mercarlles roupa, decidir as comidas, levalos/as ao médico ou axudalos/as cos deberes.
O 54% dos galegos e galegas non poden flexibilizar a súa xornada para ocuparse dos seus fillos e fillas
A enquisa pregunta tamén polas facilidades que os traballadores e traballadoras galegos e galegas atopan (ou non) nos seus empregos para poder conciliar. A maior parte (un 54%) sinala que non lles é posible flexibilizar o inicio ou o remate da súa xornada laboral para poder ocuparse dos seus fillos e fillas, fronte a un 41% que di que si pode facelo.
Nesta cuestión non hai grandes diferenzas entre homes e mulleres, pero si as hai en función do tipo de traballo ou do nivel ocupado nunha empresa. Así, o 67% dos directores/as e xerentes/as si poden organizar as súas xornadas para conciliar mellor e tamén o poden facer máis do 50% dos técnicos/as, administrativos/as e comerciantes. En cambio, as porcentaxes nos traballadores e traballadoras do sector primario (36%) ou na industria e construción (entre 32% e 37%) son moi inferiores, así como no apartados de 'ocupacións elementais' (39%).
Si hai máis facilidades para organizar a xornada laboral para poder ter algún día libre que permita levar a cabo labores de coidado. Así o poden facer o 49% dos traballadores e traballadoras galegas, fronte a un 37% que sinala que "nunca" ou "case nunca" ten esa posibilidade.
A enquisa tamén pregunta pola utilización de "servizos profesionais" de coidado dos fillos e fillas menores de 15 anos. O 17% dos galegos e galegas empréganos "habitualmente", unha porcentaxe idéntica á media do conxunto de España e que non varía excesivamente dunhas comunidades autónomas a outras.
O 27% dos galegos e galegas non recorren a coidadores/as profesionais porque contan coa axuda de familliares e amigos/as, sete puntos máis que no conxunto de España
Si varían, en cambio, as razóns polas que os pais e nais renuncian a contratar estes servizos. Por exemplo, nalgúns lugares o seu elevado prezo é un factor máis importante (Baleares, Cantabria, Cataluña, Madrid...). En Galicia este factor non é tan determinante e si o é a existencia de persoas na contorna familiar, veciñal ou de amizade das nais e pais que poden ocuparse dos nenos e nenas nun momento dado.
Esta tribo (como a denomina Carolina del Olmo) semella ser máis importante no noso país que noutros territorios do Estado. Así, o 27% dos galegos e galegas din que non necesitan contratar servizos profesionais porque contan coa axuda de avós/avoas, irmáns/irmás, amigos/amigas..., unha porcentaxe que só é superada en Cantabria e que se sitúa moi por riba da media española (19,8%).