Son moitas as páxinas que se escriben ao redor do devalo demográfico en Galicia, da caída na taxa de natalidade ou do atraso na idade da maternidade, pero ata agora había poucas estatísticas que axudasen a valorar estes temas no seu conxunto. O Instituto Nacional de Estatística publicou este martes unha nova edición da súa Enquisa de Fecundidade, con datos de 2018, que lle dá continuidade á anterior, que databa do ano 1999.
Fálase moito da caída da natalidade pero poucas veces se afonda nas causas
A enquisa está construída coas entrevistas realizadas a case 15.000 mulleres entre 18 e 55 anos en todo o Estado español e achega abondosas informacións sobre as circunstancias en que as mulleres teñen fillos, as motivacións para ser nais ou non selo e os obstáculos que atopan ou atoparon nestes procesos.
O estudo permite coñecer, ademais, como é actualmente no reparto de tarefas no coidado de fillos e fillas entre as nais e as súas parellas en Galicia, amosando así a importancia da fenda de xénero que se mantén (nas parellas heterosexuais).
Segundo o INE, a porcentaxe de homes que se responsabiliza destas tarefas en exclusiva é moi minoritario
No 67% dos casos ocúpanse en exclusiva de mercarlles roupa, no 58% deciden elas soas cales serán as súas comidas e no 53% das veces son unicamente elas quen os leva ao médico ou queda ao seu carón cando están enfermos e enfermas. Segundo o INE, a porcentaxe de homes que se responsabiliza destas tarefas en exclusiva é moi minoritario. Axudar cos deberes (47%), levalos e recollelos da gardaría e do colexio (44%) ou vestilos (43%) son tamén coidados que a maior parte das nais realizan soas, aínda que nestes casos as porcentaxes das parellas que as levan a cabo de forma repartida é maior, unha proporción que crece á hora de deitalos ou bañalos.
Elixir as súas tarefas extraescolares é unha actividade que unha parte maioritaria das parellas realiza en conxunto (47%). E a única actividade que as parellas das nais realizan cunha frecuencia próxima á das nais é a de xogar cos fillos e fillas, aínda que mesmo aquí a diferenza segue a ser grande.
A baixa natalidade e as súas causas
Galicia é o territorio no que unha porcentaxe menor de mulleres de menos de 30 anos teñen fillos, case a metade da media española
A enquisa afonda nas razóns da baixa natalidade, un fenómeno que en Galicia é especialmente importante. A nosa autonomía é o territorio no que unha porcentaxe máis pequena de mulleres de menos de 30 anos teñen fillos, apenas o 6,5%, case a metade da media española. En cambio, no grupo de idade seguinte (de 30 a 39 anos), a porcentaxe de mulleres con fillos en Galicia mesmo supera a media estatal, situándose mesmo en sexo lugar entre as 17 comunidades autónomas.
Hai grandes diferenzas en canto á idade da maternidade en función do nivel de estudos acadados. Entre aquelas nais galegas que chegaron ata o ensino secundario ou un nivel menor, o 44% tivo o seu primeiro fillo ou filla antes dos 25 anos e outro 34% antes dos 30. Uns datos moi diferentes aos das nais galegas con estudos superiores: só o 41% tivo o seu primeiro fillo ou filla antes dos 30.
Cal é, polo tanto, o motivo para que as mulleres galegas non teñan fillos e fillas? A enquisa pregúntalles directamente a elas, e máis alá daquelas que din ser "demasiado novas" aínda (21%) ou as que non queren ser nais (16%), as razóns máis importantes son as económicas e laborais (o 13% por cuestións de conciliación e outro 10% directamente por falta de cartos).
O 48% das mulleres que teñen menos fillos dos desexados aducen motivos económicos ou de conciliación laboral
As respostas son semellantes cando se lles pregunta a mulleres que teñen ou tiveron menos fillos dos desexados cal foi o motivo. Un 21% di que son ou foron razóns económicas e un 27% refire cuestións de conciliación da vida laboral. De igual xeito, un 41% das galegas afirma que tivos os seus fillos e fillas máis tarde do que desexaba por estas mesmas razóns económicas e de conciliación. Porén, cando era conselleira de Benestar, Beatriz Mato afirmou que "a decisión da natalidade non está vinculada á situación económica ou ao desemprego de forma directa".
Reclaman aumentos nos permisos, incentivos económicos, flexibilidade de horarios no traballos ou melloras na rede de escolas infantís
Finalmente, o estudo pregúntalles ás mulleres galegas polos incentivos e iniciativas que o Estado debería poñer en marcha para favorecer un incremento da natalidade. Nas respostas póñense sobre a mesa moitas ideas, que varían en función da idade das entrevistada, pero nelas destacan as medidas para o aumento dos permisos de maternidade e paternidade, a flexibilidade de horarios no traballo, a mellora da rede de escolas infantís e gardarías e, igualmente, as compensacións económicas para aquelas parellas que decidan ter fillos ou fillas.
O 22% das mulleres galegas con fillos e fillas menores de 3 anos lévanos a escolas infantís. Unha porcentaxe semellante (24,7%) conta primordialmente co apoio dos avós ou avoas e un 25,6% fai uso deste dous apoios por igual. O 16% non conta con ningunha destas colaboracións.
A enquisa achega outros datos, como por exemplo que case 27 mil galegas sometéronse, segundo o INE, a algún tratamento de reproducción asistida: inseminación artificial, fecundación in vitro (FIV) ou inxección intracitoplasmática (ICSI).