Cada ano morren en Galicia dez mil persoas máis das que nacen, froito dunha baixísima taxa de natalidade (7,6 nacemento por cada mil habitantes), á cola de España e de Europa. De feito, só 30 concellos galegos presentan saldos vexetativos positivos, encabezados por Ames, con 264 nacementos máis que mortes, e entre esas trinta localidades só se atopan dúas das sete cidades: Vigo (156) e Pontevedra (116). Que facer ante esta realidade, só paliada pola chegadas de poboación migrante procedente doutras partes do mundo. Falamos con Alberto Saco Álvarez, profesor de Socioloxía na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, que ten realizado numerosas investigacións sobre demografía, natalidade e despoboamento.
Como se frea a caída demográfica que se dá en moitas zonas de Galicia e o envellecemento xeral da poboación?
En realidade é moi difícil inverter unha tendencia que ten una inercia de moitos anos. E tampouco reviste gravidade en si mesma. O avellentamento é en termos relativos, pero non porque aumente a poboación de maiores senón porque hai un descenso da natalidade moi acusado e estes representan una porcentaxe maior. E o descenso demográfico ou una poboación estable non é un drama tampouco. O problema está nos desequilibrios e no despoboamento de extensas zonas do territorio susceptíbeis de seren poboadas e con recursos para acadar un bo nivel de vida.
"Hai que poñer a terra a producir, pero tamén hai que modificar a estrutura da propiedade, tema pendente dende hai moito"
Como se ataca este problema, en concreto, nas zonas rurais, que teñen circunstancias específicas? A clave é poñer a terra a producir?
Pois efectivamente, aínda que nos movamos na sociedade da información, nestes momentos os espazos rurais ofrecen a vantaxe comparativa de contar co factor de produción terra en abundancia. E nas zonas despoboadas estas terras están abandonadas e fóra do mercado polo absentismo dos donos, a estrutura da propiedade e una total falta de ordenación dos cultivos e usos do solo. Basicamente hai que crear as condicións para mobilizar este factor de produción para poder ter una base produtiva que permita a supervivencia dos outros sectores (de transformación e servizos para a poboación). Hai que poñer a terra a producir, pero tamén hai que modificar a estrutura da propiedade, tema pendente dende hai moito. Esto non quere dicir que sexa a única baza, xa que as novas tecnoloxías permiten quebrar o illamento xeográfico e mellorar as posibilidades de poboadores e produtores de acceder a información e a os mercados. Tamén a forma na que se leva organizando a produción, en pequenas unidades familiares, ten que dar paso a fórmulas de traballo asociado coma o cooperativismo. Por outra banda, nestas áreas despoboadas está presente un inmenso parque de vivendas abandonadas que, ademais, constitúen una parte moi importante do noso patrimonio cultural. Pero pasa o mesmo que coas terras. Este tipo de cousas require dunha intervención decidida por parte dos poderes públicos para que a sociedade faga un mellor aproveitamento destes recursos específicos.
"As políticas demográficas en sentido estrito non acadan grandes resultados se non veñen acompañadas por medidas integrais de apoio as familias, de protección da infancia, de mellora da condición social da muller, de xeración de postos de traballo"
Incides en que a clave está en levar a cabo políticas globais, no fortalecemento do Estado do Benestar, e non só en medidas puntuais de fomento á natalidade. É así?
Exactamente. As políticas demográficas en sentido estrito non acadan grandes resultados se non veñen acompañadas por medidas integrais de apoio ás familias (non necesariamente en cartos, senón en tempo), de protección da infancia, de mellora da condición social da muller, de xeración de postos de traballo e de expectativas da viabilidade económica das novas familias. Os servizos educativos, sanitarios e sociais por outra banda requiren (para seren máis eficientes) un umbral de poboación para poderse levar a cabo en mellores condicións. Se a poboación diminúe, os servizos tamén, e viceversa, xerando un círculo vicioso do que é moi difícil saír sen una intervención decidida para reverter a situación, non xa demográfica senón de calidade de vida (material, pero non só material), que é o que anima a poboación a facer proxectos de familia e de futuro.
En canto ao Estado de Benestar, non sei se é posible resucitar os mortos (coido que non), pero sería moi necesario chegar a un consenso sobre as prioridades que temos como sociedade para colaborar todos os axentes sociais influíntes cos problemas reais da xente (e non cos intereses das elites). Téñense gastado os cartos públicos en moitas parvadas (algunhas moi visibles) coa aquiescencia da poboación e descoidando cuestións máis básicas. Hai que reformular o Estado de Benestar para non volver a cometer os vicios do pasado e concibilo como algo en que todos e todas debemos estar implicados nunha dinámica de cooperación e non de competencia individualista polos recursos. Isto esixe un dobre compromiso: a corresponsabilidade da poboación co público e o respecto dos poderes públicos ás demandas sociais, deixando de impoñer criterios as máis das veces de moi difícil xustificación.
"Que a poboación diminúa pode ser un problema para aquelas persoas que pensan nos individuos como gando ou como consumidores potenciais (ou cativos) do mercado económico ou político"
Fálase moito desta cuestión e moitas veces é situada como "o primeiro problema de Galicia", pero realmente estase actuando para solucionalo?
Sinceramente, o verdadeiro problema de Galicia non é a cuestión demográfica precisamente. E ten máis que ver co que non se ten feito en todos este anos de goberno autónomo que coas cousas ás que nos teñen acostumados a estar pendentes. Que a poboación diminúa pode ser un problema para aquelas persoas que pensan nos individuos como gando ou como consumidores potenciais (ou cativos) do mercado económico ou político. Polo demais non ten excesiva importancia. Para min (e supoño que para a xente en xeral) o problema é non poder desenvolver un proxecto de vida na súa terra (ou noutra que elixa). Como aquí non se ve claro, a xente marcha, ou queda baixo a premisa de rebaixar moito as súas expectativas de calidade de vida.
"Esa mentalidade do aquí e agora no que nos teñen socializados como consumidores, casa moi mal con proxectos a longo prazo. E os fillos son para toda a vida e as gratificacións que dan son imprevisíbeis"
Lin que nunha publicación defendías que unha clave moi importante estaba en cambiar as 'prioridades' da sociedade, aquilo onde radica a felicidade, poñendo outros elementos por riba do que hoxe é considerado o máis importante: o inmediato, o consumo... Como afecta isto á natalidade?
Dun xeito tremendo. Os demógrafos analizamos isto friamente, pero ten que ver cos sentimentos da xente, cos seus medos, desexos e expectativas. En definitiva, coa súa visión do mundo. Polo que non é un problema meramente económico. Efectivamente, hoxe en día ter fillos supón una redución tremenda da capacidade de consumo de bens para goce propio. E o cálculo racional aplicado á decisión de ter fillos ou non case que sempre cae do lado de non telos. Por pór un exemplo: se nos plantexásemos friamente se ter un fillo ou comprar un coche novo, o máis racional en termos económicos xa sabemos o que sería. Ademais do que sempre supuxo en responsabilidade (e compartir o tempo dun e os seus recursos), ter fillos hoxe en día supón estar dispostos a acadar una calidade na crianza moi alta (co seu correspondente prezo económico e en tempo non remunerados). E é case imposible acadalo sen un apoio externo (xa sexa familiar, comunitario, privado ou público).
Tamén temos o caso contrario, xente na que a mentalidade consumista tamén se reflicte na decisión de ter (ou adoptar) fillos, como un complemento máis do fogar, pero, sinceramente, como marca de estatus sae moi cara e non é una decisión racional para a meirande parte da poboación, ademais de non chegar a ser una motivación moi responsable para ter fillos. Non son xoguetes. E por último, esa mentalidade do aquí e agora no que nos teñen socializados como consumidores, casa moi mal con proxectos a longo prazo. E os fillos son para toda a vida e as gratificacións que dan son imprevisíbeis e xeralmente teñen lugar despois de moitos anos (se iso sucede). E, na miña opinión, esta pauta cultural de busca de gratificación inmediata está a afectar a todos os ámbitos da sociedade dun xeito moi negativo.
"Daquela tratábase de emigración de aluvión, moi importante en efectivos pero de moi baixa cualificación. E ademais había un proxecto de retornar co capital, coñecementos e contactos necesarios para retomar a vida no lugar de orixe en condicións dignas"
Os movementos migratorios que tiveron lugar hai un século ou nos anos 50 e 60 tiveron un impacto sobre a demografía diferentes ao que pode ter a actual emigración de Galicia a outros territorios?
Por suposto. Daquela tratábase de emigración de aluvión, moi importante en efectivos pero de moi baixa cualificación. E ademais había un proxecto de retornar co capital, coñecementos e contactos necesarios para retomar a vida no lugar de orixe en condicións dignas. Isto era especialmente certo na emigración a Europa, e menos na emigración de facer as Américas, pero tamén. Hoxe en día trátase máis ben dun proceso de mobilidade xeográfica en que os efectivos que emigran son moito menores, pero con altas cualificacións porque non hai mercado para elas no territorio de orixe. Isto leva pasando durante os últimos vinte anos, pero pasou máis desapercibido. Agora é una pauta que se reforza e que supón (nun mundo globalizado e onde xa poucos lugares están lonxe de ningures), na maioría dos casos, no asentamento noutros territorios, países ou continentes.
A inmigración (agora freada e con milleiros de persoas que retornaron aos seus países de orixe) pode ser a solución ao problema demográfico galego e ao envellecemento?
Pois en parte si. E sería o xeito de fixar poboación autóctona con altas cualificacións, porque se non hai quen faga certo tipo de traballos a pirámide social perde pé. A experiencia en países de inmigración é que os inmigrantes dinamizan a economía e danlle moitos máis beneficios ao país que gastos. Pero non só iso. O ingreso de efectivos na base da pirámide ocupacional permite xerar novos postos de traballo e máis cualificados e o ascenso social da poboación que acolle a eses inmigrantes. O milagre alemán está máis relacionado con estas dinámicas (que souberon aproveitar moi ben no seu día) e a clase media alemá débelle o seu ascenso a esa posición grazas os efectivos de inmigrantes que cubriron os ocos demográficos dos finados na Guerra Mundial e que facían perigar o proceso de despegue económico, aínda contando cos inxentes recursos do Plan Marshall. Pero só hai que mirar o devir doutras zonas de inmigración para darse conta de que os efectos non son precisamente negativos, nin para a demografía nin para a economía.
Pero independentemente do orixe xeográfica ou cultural da xente (xa que os inmigrantes adoptan o comportamento demográfico do país de acollida na segunda xeración e non teñen máis fillos que o resto) a pregunta clave que deberíamos tratar de responder entre todos é: Por que a xente nova (inmigrante ou non) non ve atractivo ter fillos? E se é así, por que decide non telos? Esas serían, na miña opinión, as cuestión que temos que abordar se queremos ir á raíz do problema e non coller o ravo polas follas.