2018 comezou co menor número de nacementos en Galicia dende que hai rexistros

Evolución do número de nacementos no primeiro trimestre do ano en Galicia Dominio Público Praza Pública
Publicidade
Publicidade

O ano 2017 foi o ano con menos nacementos en Galiciia dende que hai rexistros. Foron un total de 18.413, case 600 menos que en 2016 (19.062) e situáronse por debaixo do dato de 1998, o anterior mínimo histórico (18.538). Os primeiros datos deste ano 2018, correspodentes ao primeiro trimestre apuntan a que a tendencia negativa se consolida, cun novo descenso con respecto ao ano pasado. Así, nos tres primeiros meses naceron 4.052 nenos e nenas, un 8% menos que no mesmo período de 2017 e moi lonxe dos rexistros de hai unha década (5.414).

Estes datos confirman ademais os escasos efectos sobre a nataldade das medidas postas en marcha pola Xunta a finais de 2015: o cheque bebé e a tarxeta benvida. Dende o Goberno galego sempre se argumentou que os efectos destas medidas só se poderían ver no medio e longo prazo. A crise demográfica galega está cada vez máis presente do debate político, o mesmo que a demanda de medidas máis ambiciosas para favorecer a conciliación. O último Eurobarómetro amosa que os españois e as españolas están entre os europeos e europeas máis descontentas coa conciliación da vida laboral e familiar.

O cativo número de nacementos fai, igualmente, que se incremente a fenda co crecente número de defuncións, elevando o saldo vexetativo negativo. No primeiro trimestre faleceron 9.718 persoas en Galicia, duplicando amplamente o número de nacementos.

Chama a atención, igualmente, o continuado incremento da idade media da maternidade. Dende hai anos, o treito de idade entre os 35 e os 39 anos é xa o máis habitual para que as mulleres galegas teñan fillos. No primeiro trimestre de 2018 case a metade dos nacementos foron de nais por riba dos 35 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.