A Xunta presume de apoios á conciliación mentres a oposición cualifica as medidas de "parche"

Intervención de José Manuel Rey Varela, este martes no Palamento © Parlamento de Galicia

Este martes falouse de conciliación no Parlamento e das medidas que as administracións públicas poden poñer en marcha para facilitar a vida laboral e a crianza de nenos e nenas. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu a petición propia para dar conta das actuacións realizadas ou previstas. E fíxoo cun ton exultante (“as familias galegas teñen hoxe máis apoios que nunca para facilitar o seu pleno desenvolvemento e a crianza dos seus fillos e fillas”), destacando algunhas das medidas adoptadas dende a aprobación do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) en 2015.

A oposición reclamou a posta en marcha dunha verdadeira rede de escolas infantís de 0 a 3 anos pública e gratuíta e a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade

Con todo, os grupos da oposición criticaron con dureza a exposición do conselleiro, cualificando o actual catálogo de medidas de "parche" ou "maquillaxe" e reclamando a posta en marcha dunha verdadeira rede de escolas infantís de 0 a 3 anos pública e gratuíta e a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade. A realidade é que o número de nacementos segue descendendo en Galicia dende a posta en parcha do Programa da Xunta en 2015. En 2016 foron 19.062, fronte aos 19.427 de 2015 e aos 19.630 de 2014. As últimas estatísticas oficiais dispoñibles amosan, ademais, que o 2017 vai camiño de ser o ano con menos nacementos dende que hai datos; nos tres primeiros trimestres naceron 13.649 nenos e nenas, fronte aos 14.353 dos nove primeiros meses de 2016 ou os 13.771 de 1998, o ano con menos nacementos na historia recente (18.538). Ademais, as insuficientes axudas á conciliación seguen a provocar unha moi importante fenda salarial de xénero que en boa medida está provocada polo coidado dos fillos e fillas por parte das nais de forma preferente.

A natalidade segue a descender en Galicia, a pesar das medidas postas en marcha pola Xunta hai dous anos

Rey Varela destacou "o reforzamento da rede de atención e coidado" para nenos e nenas de 0 a 3 anos, subliñando que o vindeiro curso 2018/2019 a ratio de atención en escolas infantís de 0 a 3 anos "será do 41% en Galicia", cun total de 24.081 prazas, 1.642 máis que o ano anterior. O conselleiro destacou igualmente o apoio da Xunta á conciliación no rural a través da posta en marcha de novas Casas Niño, que acadan a cifra total de 46, coa previsión de incorporar 15 máis nos vindeiros anos. O Goberno galego quere facer fincapé na apertura de novas escolas infantís en polígonos industriais, pois na actualidade só existen tres financiadas pola Xunta: unha xa en marcha no polígono Río do Pozo de Narón e outras dúas pendentes de construción nas contornas industriais da Pobra do Caramiñal e Mos. Rey Varela prometeu a construción doutras catro. O responsable de Política Social da Xunta salientou na súa intervención, igualmente, a Tarxeta Benvida, que recibiron uns 30.000 nenos e nenas nos dous últimos anos, e o Bono Coidado, ao que accederon unhas 400 familias.

 

Críticas da oposición

O 2017 vai camiño de ser o ano con menos nacementos dende que hai datos, empeorando as cifras de 1998, que foran as máis baixas da historia

Polo grupo de En Marea, Paula Verao reclamou o establecemento dunha rede de escolas infantís publicas para a etapa de 0 a 3 anos e apostar pola ampliación dos permisos de maternidade e paternidade cada vez máis alongados e iguais. "Combinar estes dous elementos é fundamental para a conciliación e para posibilitar ás distintas unidades de convivencia ter as crianzas que desexen", dixo. Verao destacou que "entre os factores que condicionan a baixa natalidade está a desigualdade das mulleres, no plano do traballo remunerado e no traballo de coidados" e que "para eliminar esta desigualdade hai que adoptar políticas transformadoras en ambos os dous planos". A deputada de En Marea lembrou igualmente que a oferta de escolas infantís "non é homoxénea no territorio, habendo zonas con prazas libres e outras cun acusado déficit de prazas en escolas infantís, como as cidades de Lugo ou Vigo" e criticou que a Xunta está "apostando por consolidar o modelo de concerto e privatización, a través do bono concilia e nin sequera o bono concilia cobre a demanda".

Na súa réplica o PSdeG cualificou de “maquillaxe” as políticas de conciliación do Goberno galego. Noela Blanco acusou a Xunta de aplicar unhas políticas sociais "insuficientes" que levan a “debilitar a rede pública de atención aos nenos e nenas, aos nosos maiores e ás persoas con discapacidade”. Blanco denunciou que o Goberno galego converte a conciliación nun “xogo de malabares para as mulleres e unha misión imposible para as monomarentais” e lembrou que o peso dos coidados na casa “segue recaendo nas mulleres”. A deputada socialista subliñou que as escolas infantís públicas “seguen sendo completamente insuficientes”, como demostra o feito -dixo- de que aínda que hai menos nenos e nenas, "hai unha lista de agarda provisional de 3.800, que acabarán como todos os anos derivándoos a centros privados”. O PSdeG-PSOE tamén acusa a Xunta de "deixar sen executar o 70 por cento do orzamento para facer escolas públicas nos polígonos industriais e o 54 por cento das partidas para casas-niño”.

Aínda que hai menos nenos e nenas, "hai unha lista de agarda provisional de 3.800, que acabarán como todos os anos derivándoos a centros privados”, denuncia Noela Blanco (PSdeG)

Finalmente, polo BNG Montse Prado cualificou a intervención de Rey Varela de "catálogo recompilatorio" de medidas xa coñecidas que só buscaba -dixo- "un titular nos medios baixo o epígrafe de Galicia, o mellor lugar para atención  ás familias”. Para Prado, o conselleiro "perdeu a oportunidade de presentar medidas destinadas a solucionar os graves problemas que afectan ás familias en Galiza, entre os que destacou  a atención e conciliación". O BNG acusa a Xunta de limitarse a poñer "parches" de ter aproveitado a crise "para desmantelar e non desenvolver unha rede pública de servizos sociais, secundarizando as prioridades para beneficiar a empresas privadas". Finalmente, Prado acusou a Rey Varela de "non cumprir a lei en materia de conciliación" na propia consellería que dirixe: “As traballadoras do Consorcio están a denunciar  nos xulgados a vulneración dos seus dereitos para lactancia, adaptación de postos de traballo ou riscos laborais durante o embarazo”.

Intervención de José Manuel Rey Varela, este martes no Palamento © Parlamento de Galicia
Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.