A mellora da meteoroloxía reduce o risco de novos lumes pero a chuvia xeneralizada non chegará ata a vindeira semana

Índices diarios de risco de incendios elaborados pola Xunta correspondentes a luns, martes e mércores desta semana CC-BY-SA Imaxe: @AT_Brif | Montaxe: Praza Pública

MeteoGalicia e AEMET coinciden en prognosticar maiores precipitacións e baixadas de temperaturas a partir do luns que as rexistradas estes martes e mércores

A meteoroloxía está a ser clave para a propagación dos grandes incendios que se están a rexistrar por todo o país, agravados polo cambio climático e a vaga de calor das dúas últimas semanas e que se van desprazando en función do vento, que nas últimas xornadas mudou de sur a norte e contribuíu a frear o avance que levaban as lapas. Unhas mudanzas que se reflicten xa no índice de risco diario de incendios que elabora a Xunta, que ofrece para este mércores unha notable melloría en toda Galicia tras a progresiva desaparición do risco extremo nas dúas últimas xornadas. 

Previsións de precipitacións e baixada de temperaturas da AEMET para a vindeira semana © AEMET

A melloría do índice de risco de incendios ofrece unha expectativa positiva no que ten que ver cunhas menores posibilidades de aparición de novos lumes, pero para os que xa están iniciados, especialmente para os de maior tamaño, a chuvia será fundamental. E esta non se espera de xeito xeneralizado ata a próxima semana.

Tanto MeteoGalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) coinciden en prognosticar maiores precipitacións e baixadas de temperaturas no noroeste peninsular a partir do luns que as rexistradas estes martes e mércores, concentradas no norte e o oeste de Galicia pero con limitado efecto na provincia de Ourense.

Previsión de MeteoGalicia deste martes para O Barco de Valdeorras na fin de semana e comezo da vindeira semana © MeteoGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.