"Os permisos por nacemento intransferibles funcionan como acelerador dun cambio cultural"

Presentación do libro en Berbiriana, na Coruña, este mércores CC-BY-SA Praza Pública

Carmen Castro García vén de publicar Políticas para la igualdad. Permisos por nacimiento y transformación de los roles de género (Catarata), un libro no que analiza con detemento os efectos que a aplicación de permisos por nacemento individuais, intransferibles e correctamente remunerados terían para un reparto equilibrado das tarefas de coidados e para diluír a actual división sexual do traballo. Na obra, a autora incide na necesidade de facer fincapé no traballo por unha "democratización das familias", imprescindible para acadar unha democratización real da sociedade. 

Doutora en Economía e especializada en políticas europeas de xénero, en 2002 puxo en marcha SinGENEROdeDUDAS.com, portal que segue funcionando como comunidade de coñecemento sobre cuestións de xénero, democracia e economía feminista. Nos últimos 20 anos traballou como consultora de xénero para institucións de todo o Estado e tamén de fóra de España. Na actualidade é asesora de Políticas de Igualdade no Concello da Coruña e participa no Observatorio de Xénero, Economía, Políticas públicas e Desenvolvemento (GEP&DO) e na Plataforma por Permisos Iguais e Intransferibles de Nacemento e Adopción (PPiiNA)

O libro constitúe unha defensa dos efectos positivos que en varios niveis poden ter as políticas públicas de igualdade. Que transformacións poden provocar?

Si, considero que poden ter un papel potenciador da transformación social incidindo sobre todo na dilución da división social do traballo. E poden levar a mudanzas de comportamentos dentro das propias familias, o que para min é a base para despois establecer un marco de democratización real na sociedade. Pero non todas as políticas públicas teñen esa capacidade de facelo: para que sexan verdadeiramente transformadoras hai que deseñalas sendo conscientes do impacto que poden ter nas hoxe desiguais estruturas de relación de poder e nas asimetrías xerárquicas.

"[Os permisos por nacemento intransferibles] funcionan como acelerador de comportamento masculino de cara a asumir responsabilidades de coidado e de crianza dos seus fillos"

En concreto incides na importancia que podería ter a aplicación de permisos por nacemento individuais e intransferibles, cun deseño moi concreto para garantir o seu efecto positivo...

É unha pequena peza das políticas públicas e segundo a configuración dos diferentes elementos que a conforman poden ter un efecto multiplicador moi importante. A análise que fixen do estado desta cuestión nos 27 países da UE lévame a concluír que funcionan como acelerador de comportamento masculino de cara a asumir responsabilidades de coidado e de crianza dos seus fillos e fillas. Pero só cando os permisos son individuais, intransferibles e ben remunerados, isto é: cando non implican unha perda económica, co 100% do salario. Ademais, como os permisos por nacemento deberían existir para calquera persoa que sexa proxenitora -independentemente de como se forman as unidades de convivencia- o que eu propoño no libro é que sería mellor falar de permisos por nacemento e non de permisos de maternidade ou paternidade. Porque entre os e as proxenitoras pode non haber un pai ou unha nai e porque é o nacemento o que xera o feito impoñible, a necesidade deste dereito. Como toda prestación contributiva, debería estar baseada nun criterio de tratamento igualitario: o mesmo feito (ser pai ou nai) ten que concederche o mesmo dereito, independentemente do sexo e da tipoloxía de familia.

"Canto máis equitativa é a distribución de tempos dentro dunha parella para o coidado infantil, menor é o factor de penalización da maternidade sobre o emprego das mulleres"

Que efectos positivos terían estes permisos intransferibles, ademais dun obvio mellor reparto do tempo de coidados entre homes e mulleres e dunha maior implicacións dos homes na crianza dos seus fillos e fillas?

Si, en primeiro lugar leva a unha distribución máis equilibrada de responsabilidades entre mulleres e homes, o que mellor a autonomía das mulleres e a súa inclusión no mundo laboral. Canto máis equitativa é a distribución de tempos dentro dunha parella para o coidado infantil, menor é o factor de penalización da maternidade sobre o emprego das mulleres e, ademais, maior incidencia positiva hai sobre os índices de fecundidade. Nos países europeos que están co novo patrón de fecundidade, os valores máis altos de natalidade coinciden naqueles lugares que teñen unha distribución de tempos dedicados ao coidado dos fillos e fillas máis igualitaria. A medida que se van eliminando as penalizacións que supón a vixencia da división sexual do traballo, a decisión de ter unha criatura é unha carga menor, porque hai prestacións, servizos públicos para o coidado e hai corresponsabilidade entre os dous integrantes da parella. Por suposto, o efecto multiplicador da equiparación dos permisos por nacemento sería maior combinado con servizos públicos de coidados axeitados e con medidas coma o acceso universal á educación infantil pública de menores de 3 anos.

"Cantos máis homes hai participando no coidado infantil e máis tempo utilizan de permisos, tamén é maior o número de homes que adquiren responsabilidades de coidados a outras persoas: persoas maiores ou adultos enfermos"

Algún efecto máis?

Esta política ten efectos comprobados noutros ámbitos, é unha das cousas que a fai tan interesante. O que amosan os estudios que hai sobre este tema é que a vía de entrada dos homes ao coidado das persoas adultas empeza polos coidados infantís: cantos máis homes hai participando no coidado infantil e máis tempo utilizan de permisos, tamén é maior o número de homes que adquiren responsabilidades de coidados a outras persoas: persoas maiores ou adultos enfermos.

"Ás veces dise que para que haxa unha mudanza na división sexual do traballo ten que ocorrer primeiro unha gran mudanza cultural e iso leva tempo. Pero hai determinadas políticas que poden actuar como aceleradores, como neste caso"

Os efectos son inmediatos? Os homes aceptan dende o primeiro momento facer uso dos permisos cando se aplican?

Si, por iso digo que ten un efecto multiplicador moi potente. Ás veces dise que para que haxa unha mudanza na división sexual do traballo ten que ocorrer primeiro unha gran mudanza cultural e iso leva tempo. Pero hai determinadas políticas que poden actuar como aceleradores, como neste caso. Por exemplo, en España a Lei de Igualdade entrou en vigor en marzo de 2007; de marzo a decembro, sen tempo para que se producise esa mudanza cultural, máis dun 80% dos homes que foron pais utilizaron o novo permiso de paternidade intransferible e remunerado ao 100%. É unha experiencia máis que nos di que iso funciona, e que ten efectos inmediatos. O mesmo sucedeu nos outros países, como Portugal, Noruega, Suecia ou Islandia, que seguramente presenta a distribución máis equitativa dos permisos neste momento. Os permisos actúan acelerando ese cambio de código cultural.

"É unha reforma apoiada en datos contrastados, con efectos multiplicadores e viable economicamente"

Cres que é probable que esta medida se aprobe en España a curto prazo?

En España a proposta da equiparación plena dos permisos por nacemento, para que sexan iguais, intransferibles e ben remunerados está fundamentalmente artellada dende unha plataforma cívica que é a Plataforma polos Permisos iguais e intransferibles de Nacementos e Adopción (PPiiNA), da que formo parte. No 2014 elaboramos unha proposición de reforma lexislativa para levar a cabo esta equiparación. É unha reforma apoiada en datos contrastados, con efectos multiplicadores e viable economicamente, porque pode facerse de forma progresiva: aumentando o actual permiso en dúas semanas cada ano tería un custe de 210 millóns anuais, que é moi asumible. A partir desa proposición, Unidos Podemos rexistrou en 2016 unha proposición de lei para iniciar o proceso de equiparación plena dos permisos.

Porén, o pasado 8 de marzo o Goberno central vetou a tramitación desta iniciativa, a pesar de que todos os partidos aprobaran por unanimidade unha proposición non de lei que instaba o Executivo a poñer en marcha esta reforma no momento en que economicamente fose posible. Non hai ningunha escusa para acometer esta reforma, a única escusa é o peso da hexemonía cultural patriarcal que existe neste momento e que nos está gobernando no Estado. É o que está bloqueando que poidamos avanzar na división sexual do traballo cara a unha situación de corresponsabilidade. O Goberno do PP, aliado con Ciudadanos, non ten interese ningún en mudar esta situación, a pesar de que na proposición non de lei recoñeceron que era necesaria. É unha proposta moi viable que será posible no momento en que haxa unha mudanza política.

"A menor remuneración fai que menos xente poida cubrir externamente as necesidades de coidados. Iso acaba converténdose nunha nova sobrecarga de tempos de traballo non remunerado, fundamentalmente para as mulleres"

Escribes que historicamente as crises económicas sempre tiveron como efecto a perda de dereitos para as mulleres, e que esta última crise non foi unha excepción. A que se debe?

Hai unha perda de dereitos xeral, que afecta en maior medida ás mulleres. En primeiro lugar, prodúcese unha reprivatización dos coidados: servizos públicos para atender necesidades de coidados foron pechando ou reducindo as súas prestacións e prazas. E, ademais, prodúcese unha sobrecarga de tempos de traballo, acompañada de menores remuneracións e da perda de condicións dignas no emprego. Isto fai que menos xente poida cubrir externamente as necesidades de coidados, é dicir, contratar este servizo no mercado. En termos prácticos, iso acaba converténdose nunha nova sobrecarga de tempos de traballo non remunerado, fundamentalmente para as mulleres.

"Calquera discurso de emancipación política que non aborde explicitamente como imos facer social e colectivamente para reorganizar os tempos de vida, estará caendo na mesma falacia patriarcal da que tentamos escapar"

Dis que non hai democratización sen unha "democratización da familia" e realizas unha crítica a que algunhas propostas rexeneradoras caian na falacia de pensar que todo se resolve no público...

É unha chamada de atención aos compañeiros e compañeiras que están artellando discursos políticos de alternativa. Cando o plantexamento de restitución e profundización democrática obvia que todas as persoas temos necesidades de coidados e que se non abordamos de xeito explícito de que maneira imos asumilo colectivamente, estamos dando a entender que vai seguir existindo unha parte que se vai resolver dentro da invisibilidade. Ou estariamos xogando a partir do imaxinario dunha sociedade formada por persoas que xa teñen todas as súas necesidades resoltas -afectivas, de coidados...- e de que o único importante é como interactuamos no público para a cousa común.

Se seguimos xogando a que isto é un iceberg e só facemos propostas da democracia política institucional -que está na superficie, no visible-, entón estamos permitindo que o substrato, a base da sociedade, siga formando parte do invisible, da economía non oficial, non remunerada. De xeito implícito, na práctica, iso supón volver pretender que as mulleres asuman o papel de man invisible para resolver esa loxística e esa necesidade de coidados que ten a sociedade. Calquera discurso de emancipación política que non aborde explicitamente como imos facer social e colectivamente para reorganizar os tempos de vida, estará caendo na mesma falacia patriarcal da que tentamos escapar.

 

Portada do libro © Catarata
Carmen Castro © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.