O descenso térmico detén o avance do lume, sen controlar aínda nos grandes incendios

Incendio na Gudiña CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

O descenso térmico e o lixeiro aumento da humidade está a axudar na loita contra o lume, acougando o seu avance pero sen impedir aínda que sete incendios se manteñan aínda sen control, a maioría deles grandes fogos que xa son os máis grandes da historia. Entre a noite do luns e do martes arderon algo máis de 3.000 hectáreas, fronte ás máis de 10.000 da noite anterior. Nesta do mércores, e segundo os datos da Consellería do Medio Rural cos datos recollidos ata as 8:30 horas, a superficie ardida non tería avanzado. Unha pequena tregua que non é, nin moito menos, o final de nada. 

O descenso nas temperaturas acouga o avance do lume, que aínda están sen control nos grandes incendios

Con cautela, pola posibilidade de que o vento acabe por avivar ou facer avanzar máis rápido o lume, os datos da Xunta indican que o monte segue a arder con virulencia, pero cada vez máis acoutado e no perímetro controlado polos servizos de extinción. 

Segundo a información da Xunta, durante esta pasada noite quedou extinguido un incendio que se declarara en San Cibrao de Viñas, na parroquia de Rante, tras queimar 40 hectáreas. e estabilizado o que afecta Vilar de Cervos, en Vilardevós, que arrasou 900. No entanto, e malia que o parte da Consellería non aumenta a superficie afectada, continúan sen control os grandes incendios iniciados en Larouco, con máis de 20.000 hectáreas calcinadas, A Mezquita (10.000), Carballeda de Avia (4.000), Chandrexa de Queixa e Vilariño (18.000) ou o de Oímbra e Xinzo (15.000). Tamén outro en Vilardevós, con 500 hectáreas.

Imaxe do satélite cos incendios de Ourense, o 20 de agosto de 2025 CC-BY-SA EFFIS (Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais)

Son máis de 76.000 hectáreas ardidas no que vai de verán, nunha vaga que supera xa a que se deu no outono de 2017 e a de 2022, véndose só superada no que vai de século pola que en 2006 rozara as 100.000 en toda Galicia. Nesta ocasión, só desde que o pasado 8 de agosto se declarara o grande incendio de Chandrexa arderon máis de 73.000 hectáreas, a maioría delas en Ourense. 

O lume entrou en Trevinca e ameaza desde hai días o teixadal de Casaio, malia que o martes foi a primeira vez que a Xunta fixo referencia ao incendio e este mércores, a primeira que o situou nesa zona

A área de Pena Trevinca, na fronteira entre esta provincia e Zamora, está tamén afectada logo de que as lapas chegasen aos cumios e avanzasen ladeira abaixo ata ameazar o teixadal de Casaio, que aínda está a salvo e polo momento controlado tras o esforzo de veciñanza, voluntarios e brigadistas da Xunta. 

Malia que persoal da administración autonómica leva días loitando contra o lume na zona, a primeira alusión deste fogo por parte da Xunta nos seus partes diarios foi este pasado martes, advertindo dun incendio que entrou desde Zamora e que afecta en 20 hectáreas ao municipio da Veiga. 

Neste mércores, a Consellería alude especificamente ao cambio na denominación do incendio, ao que pasa a referirse como Valdeorras-Casaio, e que di afectar nas mesmas 20 hectáreas á parroquia do mesmo nome. Non é banal. 

Ata este mércores desde a Xunta non se fixera alusión ningunha ao espazo de Trevinca —co cumio máis alto de Galicia afectado polas lapas— nin ao Casaio, na mesma zona, pertencente ao lindeiro concello de Carballeda de Valdeorras, cuxo teixadal está considerado o bosque máis antigo de Galicia, un pequeno espazo de gran valor natural, único en Europa, cuns 400 teixos que chegan a superar os 500 anos e que o persoal implicado na loita contra o lume se afana en salvar. Conseguírono polo momento. 

O número de hectáreas afectadas das que advirte a Xunta, tendo en conta os testemuños na zona, semellan moi difíciles de crer. E desde varias contas en redes sociais levan días achegando vídeos e imaxes que alertaban da importancia do lume nos montes de Pena Trevinca, que alcanza máis de 2.100 metros sobre o nivel do mar. 

Ademais, e logo de duras xornadas con aldeas arrasadas e ducias de casas destruídas, a Xunta asegura que continúa activa a vixilancia sobre os núcleos de poboación, pero sen que se rexistrasen durante a noite novas evacuacións nin confinamentos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.