O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración. No primeiro capítulo, as axudas ao nacemento.
36 horas despois de nacer, o bebé entraba pola porta da casa. Aí comezou todo.
O devalo demográfico é un dos principais problemas do país, o territorio do Estado no que máis diminúen os nacementos, que veñen de acadar un novo mínimo histórico, e as administracións estatal, galega e local publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contaremos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa burocracia. Unha en concreto, a deste xornalista, que puido ter boa ou mala sorte nun ou noutro trámite, e polo tanto non é representativa da totalidade, pero si pode dar pistas de por onde van as cousas.
Din que é habitual que as nais e pais, especialmente os primeirizos, se decaten só tras o parto de que é nese momento cando cambia a súa vida e non durante a longa preparación que é o embarazo. Porén, xa durante a espera se poden ir dando pasos para que o bebé teña un recibimento o máis cómodo posible. Unha das principais novidades dos últimos anos é a denominada Tarxeta Benvida, unha axuda económica directa da Xunta de 100 euros ao mes durante o primeiro ano, ampliable en determinados casos, creada en 2016 e que desde este 2019 se pode ir pedindo desde antes de que naza o neno. Supostamente.
A Tarxeta Benvida
A Tarxeta Benvida, limitada a familias con rendas inferiores a 45.000 euros, pode empregarse para mercar produtos para bebés que a Xunta non concreta
A Tarxeta Benvida comezou a funcionar en 2016 despois de que o PP criticase unha figura similar anterior, o coñecido como chequé bebé, unha axuda directa non contributiva implantada polo Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero de 2.500 euros por cada nacemento ou adopción, que estivo en vigor desde xullo de 2007 ata que a crise o levou por diante en decembro de 2010.
A diferenza do cheque bebé, a Tarxeta Benvida da Xunta ten en conta a renda familiar, tanto para a súa concesión (á que non poden acceder as familias con máis de 45.000 euros brutos de renda anual, ou 13.500 por membro da familia), como para posibles aumentos en tempo ou cartos, pero a súa modalidade básica e máis estendida é de 100 euros ao mes durante o primeiro ano. Son cartos que se poden gastar en calquera establecemento, a través dunha tarxeta precargada, para mercar cueiros, berces, carriños, roupa ou comida para bebés, di a Xunta, pero sen quedar claro ata onde chega ese límite de produtos incluídos nin os establecementos habilitados. Hai ata grupos en Facebook de pais e nais que discuten sobre o que se pode ou non mercar, ou se indignan porque a Xunta lles pediu que devolvesen tal ou cal cousa por non estar incluída.
En anos anteriores había que agardar a que o bebé nacese para solicitala, pero este ano pode iniciarse a tramitación antes. Así que como o parto se estimaba que ocorrese a comezos de marzo, un mes antes formulouse a petición. Xa bastante teremos despois do parto como para andar con estes trámites, mellor deixalos xa feitos antes.
A Xunta pide que as solicitudes da Tarxeta Benvida se fagan "preferiblemente por vía electrónica", pero como teñen que asinalas os dous proxenitores e o sistema non o permite facer dixitalmente, hai que imprimir, rubricar manualmente e escanear o documento
A orde que establece estas axudas di que as solicitudes deben presentarse “preferiblemente por vía electrónica”, malia que aínda son poucas as persoas que contan cos certificados dixitais instalados nos seus ordenadores que permitan empregar a por outra banda complexa sede electrónica da Xunta, na que os procedementos ás veces tornan analóxicos. No caso da Tarxeta Benvida, como no caso do resto de axudas destinadas a menores, ademais do proxenitor que presente a solicitude, que pode rexistrala dixitalmente co seu propio DNI electrónico, o formulario tamén debe contar coa sinatura do outro proxenitor. E para iso a única opción é imprimir a solicitude, asinala físicamente e escaneala. Non hai opción de que o segundo proxenitor, aínda que conte tamén con DNI e certificado electrónico propio, os empregue na mesma solicitude. O sistema non o permite e así o confirman no teléfono 012 de atención á cidadanía da Xunta.
Así que perdido certo tempo neses preliminares, e postos a ter que imprimir os documentos, optamos por presentalos xa fisicamente nun rexistro oficial da Xunta. Si, non cumprimos co de “preferiblemente por vía electrónica”, pero é que, como se verá nunha posterior entrega desta serie de reportaxes, sobre outro tipo de axudas, hai funcionariado que che di que mellor que non, que por vía electrónica transpapélanse os arquivos e poden denegarcho, que mellor en papel por rexistro como toda a vida. Se a cousa é antes do parto, o paseo pode mesmo virlle ben á nai, pero se é co bebé xa na casa, non sempre hai un momento adecuado para que un dos dous proxenitores se achegue ata un rexistro da Xunta.
No rexistro de San Caetano quedou presentada finalmente a solicitude xunto cun certificado médico da xestación en marcha e unha copia “completa” do Libro de Familia, isto é, das súas 36 páxinas, porque en ningún sitio da Orde no DOG, da sede electrónica da Xunta ou verbalmente no rexistro físico se di que teñan que ser só determinadas páxinas. Non vaia ser.
Pedir a Tarxeta Benvida un mes antes do nacemento previsto acabou supoñendo que chegase á casa cinco meses despois, un mes máis tarde do prazo que se dá a Xunta a si mesma e co bebé xa con catro meses de vida
O bebé naceu segundo estaba previsto, un mes máis tarde, a comezos de marzo. Pero aínda pasaría outro mes máis ata que a comezos de abril o proxenitor solicitante da axuda recibise unha chamada telefónica da Xunta preguntándolle se xa se producira o parto. Se así era, tiña que enviar por correo electrónico escaneado o Libro de Familia, agora coa páxina na que se rexistrara o nacemento. Nada na Orde que regula a axuda nin na sede da Xunta advirte aos proxenitores de que ese trámite queda pendente se pide a axuda antes do nacemento. Non tería que ser a propia Xunta a que averiguase se o neno naceu ou non? De feito, o formulario indica que o solicitante autoriza á Xunta a comprobar a “acreditación do nacemento do/da neno/a no caso de solicitudes presentadas durante o período de xestación”. Por que agarda un mes para preguntarllo aos pais? Atrasou iso a tramitación da axuda?
A última pregunta, sobre o posible atraso da axuda por pedila antes do parto, é importante e retórica ao mesmo tempo. A propia Xunta admite que a concesión das tarxetas benvidas está a tardar máis dos catro meses que como máximo se fixou a si mesma na Orde que as regula. Pero se pasa ese tempo sen ter resposta, o que di esa Orde é que o silencio administrativo é negativo. Isto é, que non che dan a Tarxeta Benvida. E é aí cando á súa vez podes reclamar, pero só se sabes desde cando comezou a contar o tempo para ese silencio administrativo.
“A nós o novo sistema de solicitude antes do nacemento deunos moito máis traballo, agora temos que facer barridos chamando aos pais a ver se o neno xa naceu ou non”, di unha traballadora da Xunta
Pasados catro meses desde a solicitude, e tras moitas chamadas telefónicas, a maioría non atendidas, no servizo de tramitación da Tarxeta Benvida contestan que a solicitude está concedida pero que aínda tardará en chegar á casa, que confiemos no que nos din verbalmente malia non ter ningún documento que o acredite e que non formulemos ningún recurso malia superarse xa o prazo. E engaden unha queixa. “A nós o novo sistema de solicitude antes do nacemento deunos moito máis traballo, agora temos que facer barridos chamando aos pais a ver se o neno xa naceu ou non”.
A tarxeta acabou chegando á casa, nunha carta certificada, case cinco meses despois de pedila, un mes máis tarde do prazo que a propia Xunta se fixou a si mesma e cando os proxenitores xa estaban pensando en como tramitar un recurso de reposición contra o suposto silencio administrativo. A propia resolución de concesión da axuda que a acompañaba ratificaba ese incumprimento ao estar asinada máis de catro meses despois da data de inicio do procedemento.
A Tarxeta Benvida é unha tarxeta bancaria precargada que chega inicialmente con 100 euros, como se indica na resolución que a outorga, e que posteriormente a Xunta vai recargando ata completar os 1.200 euros ao remate do primeiro ano de vida do bebé. Neste caso, aos catro días chegou unha mensaxe SMS informando de que se engadían á mesma outros 900 euros, ata completar os 1.000 euros outorgados no primeiro ano natural por nacer o neno a comezos de marzo. Quedarían, polo tanto, outros 200 euros pendentes de ingresar en 2020. A resolución do seu outorgamento sinala que a tarxeta “terá un período máximo de vixencia de 12 meses desde o mes de nacemento”. Pero o propio plástico reflicte como prazo de validez decembro de 2020. Quedarán cartos sen gastar cando o bebé cumpra un ano?
A caixa finlandesa
En Finlandia as caixas irán cheas de ouro, pero en Galicia o máis útil é un paquete de cueiros e outro de toalliñas desbotables, unha parte ínfima dos 200 cueiros e 400 toalliñas gastadas só no primeiro mes por uns proxenitores primeirizos
Como a Tarxeta Benvida pode tardar varios meses en chegar á casa, non podes contar con eses cartos para mercar as primeiras necesidades do bebé. Así que xa vas facendo gasto en cousas inmediatas confiando en que eses 1.200 euros pendentes poidan valer máis adiante para mercar cueiros de nenos que xa camiñen, vacinas das non incluídas no sistema público pero que si que che recomendan os pediatras públicos ou roupa da seguinte temporada. Confías en que parte dos gastos inmediatamente posteriores ao nacemento sexan compensados cos produtos de primeira necesidade que entrega a Xunta no hospital tras o parto, no que o Goberno galego publicitou en varios medios como semellante á denominada caixa finlandesa. Confías?
En Finlandia esas caixas irán cheas de ouro, pero en Galicia o máis útil delas é un paquete de cueiros e outro de toalliñas desbotables. Hai tamén un peite, uns libriños, unhas mostras de cremas para o cu unha toalliña realizada por unha entidade de inserción social... e unha carta asinada polo presidente Feijóo que enumera algunhas das axudas da Xunta que iremos debullando nesta serie de reportaxes.
Pero volvamos aos cueiros e as toalliñas. En total, entre os que veñen nesa “cesta benvida” da Xunta e outras mostras comerciais que xa che van dando as matronas en consultas ou clases preparto, fixémonos cun total de 35 cueiros e 50 toalliñas de regalo. Ollo, cueiros e toalliñas, non paquetes de. Pero só no primeiro mes do bebé, o gasto foi duns 200 cueiros e unhas 400 toalliñas. Si, posiblemente os proxenitores primeirizos gastan máis, e no segundo mes o gasto reduciuse a uns 150 cueiros e unhas 300 toalliñas. Pero xa non houbo máis unidades de regalo.
A principal axuda económica que recibe a familia tras un parto ou adopción é a prestación polos permisos de maternidade e paternidade, as coñecidas como baixas da Seguridade Social, que che permiten seguir cobrando o teu soldo pero dedicar o tempo a coidar dun novo ser indefenso
Nunca están mal 100 euros ao mes e uns poucos cueiros, ou a prestación económica que ofrece o Goberno central para as rendas máis baixas (341 euros anuais para ingresos inferiores a 12.000 euros ou 588 euros anuais para casos de pobreza severa), pero a principal axuda económica que recibe a familia tras un parto ou adopción é a prestación polos permisos de maternidade e paternidade, as coñecidas como baixas da Seguridade Social. Basicamente o que che permiten é seguir cobrando o teu soldo mensual pero dedicar o teu tempo a coidar dun novo ser indefenso.
O beneficio económico, neste caso, é nulo, limítase a darche tempo, 16 semanas (non catro meses) no caso das nais, e agora 8 semanas para o segundo proxenitor, tras aumentarse das anteriores 5 semanas o pasado abril e estar prevista unha progresiva igualación futura. Semanas que a Xunta aumenta para o seu funcionariado, non para o resto dos galegos e galegas, e que son máis en determinadas circunstancias, pero que quedan moi lonxe en todos os casos da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) de que durante os seis primeiros meses o bebé se alimente en exclusiva de leite materno con lactancia á demanda. Isto é, cando queira o bebé, non cando queiran os horarios laborais.
As semanas de prestación, malia o aumento, quedan lonxe da recomendación da Organización Mundial da Saúde de que durante os seis primeiros meses o bebé aleite cando el queira, non cando queiran os horarios laborais
O que hai, de momento, son esas semanas de prestación por parte da Seguridade Social insuficientes para cumprir coa recomendación sanitaria da OMS e cuxa tramitación, xunto co resto de documentos necesarios para que o bebé forme parte da cidadanía, xa son outra historia a contar na...