O devalo demográfico é un dos principais problemas do país e as administracións publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coas administracións.
O bebé protagonista desta serie que naceu con 35 cueiros baixo o brazo e que peregrinou de administración en administración para formar parte da cidadanía e atopar unha gardería que lle permitise conciliar cos seus proxenitores chegou ao mundo nun país que se debate entre o “malo será” e o “non pases fame, fágoche un bisté?”. Pero se os profesionais da pediatría che aconsellan vacinar o teu bebé fronte a algunha enfermidade concreta, que fas? Asumes o “malo será”? Ou o “que ao meu bebé non lle falte de nada”? Un debate que chega ás familias ben cedo, aos dous meses do parto.
As vacinas en España non son obrigatorias, pero o sistema público de saúde ofrece boa parte delas de xeito gratuíto e iso vén facilitando o progresivo retroceso de todo tipo de enfermidades. O recente paso dado pola Xunta de restrinxir as garderías públicas só a bebés vacinados supón outro respiro ás familias amantes do método científico fronte ás do “malo será”.
A Asociación Española de Pediatría e o persoal Sergas recomendan e receitan vacinas que non inclúe o sistema público no seu calendario gratuíto
O problema aparece cando, ao ir a poñerlle ao neno as primeiras vacinas, aos dous meses de nacer, atopas que a Asociación Española de Pediatría recomenda que, ademais das que ofrece gratuitamente o Sergas, deberas poñerlle tamén outra, pagándoa ti, contra o rotavirus, que prevén de gastroenterites agudas. E que un mes máis tarde, aos tres meses, tamén sería recomendable poñerlle outra contra a meninxite B, que pode ser mortal. E que esas vacinas hai que poñelas en varias doses que se deben repetir meses máis tarde e que en total suman máis de 500 euros.
A familia concienciada con que o bebé non pase fame de vacinas consulta co profesional concreto que atende o seu neno e está de acordo, é recomendable vacinalo tamén contra esas dúas enfermidades non incluídas no calendario oficial gratuíto. Así que, a petición da familia, expide, nun papel con encabezamento do Sergas, unha receita non cuberta pola Seguridade Social pero necesaria para que nunha farmacia che poidan vender as doses necesarias. Porque así como o resto de vacinas ofrecidas polo Sergas xa as teñen nos centros de saúde, onde as administran, esas outras debes mercalas ti nunha farmacia e levalas ao pediatra, con coidado de que non pase moito tempo porque precisan manterse frías (as farmacias adoitan telas reservadas nas súas neveiras para facilitarchas no mesmo momento en que te dirixas ao centro de saúde).
É ese un dos momentos en que pensas que os 1.200 euros da Tarxeta Benvida tampouco é tanto se máis de 500 xa se poden quedar nunha farmacia para pagar esas vacinas que a Xunta non lle pon ao teu bebé pero que os e as pediatras do Sergas che recomendan poñerlle.
Tamén podería pasar que, como foi neste caso, xusto o día antes da cita para esa vacinación de pago no centro de saúde público recibas unha chamada do hospital no que naceu o teu bebé propoñéndote que non o fagas, que non vacines ao día seguinte ao teu neno para que así pase a formar parte dunha proba de mellora desa vacina que estuda cambiar as súas pautas para, en vez de aplicar a primeira dose aos tres meses, pasar a administrala aos 13 meses.
Os tempos da administración, da ciencia, da conciliación e dos medos familiares non sempre casan entre si
Dinche que non hai problema, que é seguro, que nese caso asumen eles no hospital o custo das doses. Pero dincho o día antes de que ti xa previras vacinar o teu neno, coa vacina xa encargada na farmacia e por teléfono. Sen marxe de manobra. Así que a familia concienciada coa vacinación ten que decidir se fai caso a un médico que por teléfono che recomenda que agardes case un ano antes de poñer esa vacina que ti estabas convencido de poñer ao día seguinte porque queres ter o bebé o máis protexido posible canto antes. Novamente, os tempos da administración, da ciencia, da conciliación e dos medos familiares non casan entre si.
A aldea dos bistés
Todas estas preocupacións sobre a vacinación do bebé auméntanse no rural, onde hai que engadir ao proceso as dificultades para atopar un pediatra. Porque o bebé desta historia é urbanita, pero como moitos en Galicia tamén ten unha aldea e uns proxenitores que nalgún momento especularon co feito de que fose a última persoa nacida nela.
A aldea en cuestión está en Abadín e o bebé visitaraa cada certo tempo, pero coa esperanza dos pais de que non lle pase nada leve (para o grave sempre están as urxencias hospitalarias) porque alí só hai pediatra os xoves durante dúas horas. E os obstáculos que conta a pouca veciñanza con pícaros para seren atendidos na veciña Vilalba tampouco animan precisamente a un urbanita a axudar coa demografía rural do país. O bebé desta historia acabará indo á aldea nas fins de semana e en vacacións a que a avoa o encha de bistés mentres os pais pensan: “Malo será”.