O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración
As administracións axúdanche a ter un bebé con cartos e tempo, facilitando trámites, con recursos de conciliación e con atención sanitaria. Así se encargan elas mesmas de publicitalo, non sempre indicando os matices que fomos debullando nesta serie de reportaxes que agora chega á súa fin. Pero hai algunha axuda máis? Si, algunha hai, pero tes que buscala no BOE e no DOG, máis alá da propaganda oficial.
A principal axuda para as primeiras semanas de vida do bebé é o tempo, que a Seguridade Social dáche en forma de prestación para que sigas cobrando e cotizando igual que se seguises a traballar mentres atendes dun ser que non se vale por si mesmo. Ese tempo remata máis cedo ou máis tarde, pero contémplase unha especie de prórroga: a posibilidade de que pidas unha redución de xornada ou unha excedencia e que a Seguridade Social siga a cotizar por ti.
Esa denominada prestación familiar, que se pide simplemente comunicándolle á túa empresa que queres traballar menos e ela tense que encargar dos trámites, contempla que a Seguridade Social siga cotizando polo 100% do soldo orixinal durante os dous primeiros anos de redución de xornada para coidado de menores de 12 anos ou durante os tres primeiros anos de excedencia que poida solicitar calquera proxenitor. Cotiza por ti, cos efectos que iso ten para o futuro cobro da xubilación ou da prestación de desemprego, pero ti deixas de ingresar cada mes o teu soldo en proporción ao número de horas que reduzas a túa xornada (ou deixas de ingresar por completo se o que colles é unha excedencia). Para os casos de redución de xornada, a Xunta ten axudas coas que complementa parte do soldo que deixas de percibir. Pero agora veñen os peros.
Axudas á conciliación con trámites que dificultan conciliar
As axudas da Xunta para a redución da xornada laboral son para homes porque din que así os incentivan a axudar ás mulleres
As axudas da Xunta para a redución da xornada laboral (as que están na man dos traballadores, porque as que hai para as empresas, das empresas depende implicarse ou non na conciliación) son na práctica unha subvención, coa complexa tramitación que iso implica, e están dirixidas aos homes, non ás mulleres, que só as poden pedir no caso de familias monoparentáis. O argumento da Xunta é que así incentivan aos homes a que compartan as cargas coas mulleres...
As axudas á redución de xornada son unha subvención por concorrencia competitiva que poden non darche porque xa non queden cartos
A subvención só se convoca unha vez ao ano, en maio. É por concorrencia competitiva, así que pode que, unha vez pedida a redución de xornada, quedes sen ela porque haxa outros solicitantes con máis méritos ca ti e esgoten os cartos dispoñibles. Subvenciona un máximo de 8 dos 12 meses do ano en que reduzas a xornada, e con cifras que oscilan entre un máximo de 3.700 euros ao ano para os pais con tres ou máis fillos que reduzan a xornada ata un 50% e un mínimo de 1.700 euros ao ano para pais cun só fillo que reduzan menos dun 25% a súa xornada.
Por exemplo, cun só bebé e reducindo a xornada á metade, a Xunta dáche, cobrases o que cobrases antes, un total de 3.100 euros por 8 meses, que dividido entre os 12 meses dun ano real, non dun ano subvencionable, sae a 258 euros cos que compensar o que deixaches de ingresar. Iso si, non o vas cobrar ata que remate o ano. E antes tes pedilo exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta, e debes achegar despois indicadores da túa produtividade laboral coa redución de xornadas, e someterte, se así é requirido, a unha fiscalización por parte da Intervención xeral da Xunta, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas “e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control”, conservando toda a documentación xustificativa ata tres anos despois para o que considere ao respecto a Comisión Europea.
Cumpridos todos eses requisitos, pode pasar, como sucedeu o ano pasado, que a Xunta che dea unha única data concreta para que xustifiques todo e poder cobrar. Malia que pode que todo isto che quite horas de sono e de atención ao bebé, a Xunta chama oficialmente a esta subvención “axudas á conciliación da vida familiar e laboral”.
Coidado coa tramitación do Bono Coidado
Co Bono Coidado primeiro tes que conseguir que a Xunta che recoñeza o dereito a recibilo e despois, cando teñas un gasto subvencionable, xustificalo con facturas e certificados médicos ou laborais e pedir que che paguen unha parte
Tamén ten prazos concretos de solicitude outra axuda autonómica, o denominado Bono coidado, pensado para contribuír aos custes imprevistos cando un neno menor de 12 anos, un proxenitor ou un familiar que o teña ao cargo estean enfermos ou cando os últimos por cuestións laborais sobrevidas non poidan, para que poidas contratar unha persoa que o coide a domicilio ou deixalo puntualmente nun centro de atención autorizado e a Xunta te devolva posteriormente parte do gastado.
O Bono Coidado pídese a comezos de cada ano, cando no DOG se abra a súa convocatoria, e o dereito que che recoñecen está vixente só durante ese ano. Porque primeiro tes que conseguir que che recoñezan o dereito e despois, cando teñas un gasto subvencionable, xustificalo con facturas e certificados médicos ou laborais e pedir á Xunta que che pague unha parte.
A convocatoria do Bono Coidado, ao igual que a da Tarxeta Benvida, indica que as solicitudes “presentaranse preferiblemente por vía electrónica”, deixando a vía física nun rexistro da Xunta como opción secundaria. Pero pode pasar que o pidas por esa vía electrónica preferente e que un tempo despois unha funcionaria che diga por teléfono que os datos que remitiches son os da túa “outra familia”, non da familia para a que pides a axuda.
Conseguir convencer á funcionaria de que debe ser erro seu, que ti só tes unha familia, pode ser máis ou menos dificultoso. Pero que a continuación a traballadora pública che diga que en dixital os arquivos se transpapelan e que é mellor presentar esas cousas en papel, en persoa e vía rexistro, fai que calquera recee dos procedementos electrónicos que a Xunta establece como preferibles.
Cando consegues que a funcionaria che certifique formalmente que si, que ti enviaches ben os papeis, suspiras pensando na sorte de ter só unha familia e non ver multiplicada a espiral de burocracia na que entraches cando o teu bebé, só 36 horas despois de nacer, saíu do hospital e entrou pola porta da casa. Aí comezou todo.
- Podes reler aquí a serie de cinco reportaxes Nacer en Galicia que fomos publicando ao longo das fins de semana de agoso