O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración. No segundo capítulo, os trámites para integrar un bebé na cidadanía.
O bebé que na primeira entrega desta serie de reportaxes chegou ao mundo con 35 cueiros e 50 toalliñas baixo o brazo só existe para a súa familia e o hospital no que naceu. Agora hai que integralo na cidadanía, outro paso máis da serie de trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer nun país que di apostar pola natalidade e que imos contando cada fin de semana de agosto.
Non todo o que un bebé e a súa familia recibe das administracións ten por que ser unha axuda. Pero sería de agradecer que polo menos non fose unha molestia. E iso é o que é toda burocracia tamén no século XXI, sexa maior ou menor, dixital ou analóxica.
O Rexistro Civil
O bebé desta historia naceu na madrugada dun venres laborable, pero polo que sexa ese día non estaba aberta a oficina do hospital na que o propio Sergas se encarga de facilitar a inscrición dos novos nacementos no Rexistro Civil, o primeiro paso para que o bebé pase a formar parte da cidadanía. Esa inscrición no hospital non exime de pasar máis adiante polo Rexistro Civil a actualizar o Libro de Familia, ao igual que hai que ir ao Concello para anotar o bebé no padrón municipal (libro e padrón serán pedidos posteriormente en multitude de trámites), pero axuda bastante que nas primeiras horas de vida do bebé o primeiro trámite só requira desprazarse unhas plantas no mesmo edificio. Pero neste caso non houbo sorte cos supostos horarios laborais da oficina do Sergas e, ao igual que cando o nacemento se produce en fin de semana e a alta hospitalaria se recibe antes dun día laborable, ao pai non lle quedou máis remedio que desprazarse persoalmente ata a oficina do Rexistro Civil nos xulgados, na outra punta da cidade.
No hospital facilitan o impreso para o Rexistro Civil asinado pola médica que certifica o nacemento, pero nada din de que ao cubrilo haxa que poñer nel algo máis que os datos que alí se piden de xeito expreso (nomes, apelidos, datas, etc.). E aínda que o impreso o asinen pai e nai, os dous teñen que manifestar expresamente que están de acordo na orde dos apelidos que queren para o bebé. Así que ao chegar ao Rexistro Civil o primeiro que lle din ao pai é que non pode facer o trámite el só (a nai acaba de dar a luz e ten un lactante colgado do peito, así que a familia pensou que o mellor sería que da burocracia se encargase o pai). Ou vai tamén a nai ao Rexistro Civil, ou ten que engadir ao impreso, nun lugar destinado para observacións xenéricas no que nada se indica de que sirva para iso, unha autorización expresa novamente asinada de que está de acordo coa orde dos apelidos. Na segunda visita ao Rexistro Civil, xa coa observación engadida e asinada pola nai, á fin se obtén a inscrición do bebé o Libro de Familia actualizado cos seus datos.
Inscrición no Rexistro Civil, Libro de Familia, prestación da Seguridade Social, certificado de dereito a asistencia sanitaria, tarxeta sanitaria ou padrón son trámites sucesivos a realizar en oficinas distintas nos primeiros días de vida
Se a inscrición do bebé non se realiza no hospital, os proxenitores teñen 10 días para facelo no Rexistro Civil, ou un mes en casos excepcionais acreditados. Non hai unha excesiva urxencia, pero o trámite é necesario para todo o demais: Sen inscrición non se expide ou actualiza o Libro de Familia, e non se poden solicitar as prestacións ou baixas por maternidade ou paternidade ante a Seguridade Social, organismo que á súa vez emite un certificado de que o novo cidadán ten dereito a recibir asistencia sanitaria como fillo dun proxenitor cotizante, documento que á súa vez permite solicitar a tarxeta sanitaria do bebé nun Centro de Saúde.
A Seguridade Social
Co Libro de Familia actualizado, ou no seu defecto co certificado da inscrición no Rexistro Civil, a petición das prestacións de paternidade ou maternidade pode facerse por internet só no caso de contar con DNI ou certificado electrónico. Se non se dispón del, ou un ten medo a que non se tramite correctamente, facelo en persoa require pedir cita previa na oficina máis próxima da Seguridade Social. Alí, mala sorte, o día en cuestión da cita non lles funciona o sistema informático e non poden ver o certificado de empresa co que os empregadores do pai comunican telemáticamente á administración a súa baixa e o soldo que viña cobrando este. A boa sorte foi que si puideron ver o da nai, que xa non tivo que volver co bebé que arrastra con ela. Si tivo que regresar o pai, ao día seguinte, por se acaso equipado cun certificado en papel facilitado pola súa empresa con selo e sinatura. Xa funcionaba o sistema informático.
Como no caso do Rexistro Civil, non hai présa para pedir a prestación, cuxo recoñecemento mesmo se pode obter a posteriori, pero quen quere arriscarse a non cobrar no seu primeiro mes unha vez que á saída do paritorio xa avisou á súa empresa de que é pai, ou nai, e non vai volver por alí nun tempo? Ademais, como se sinalaba antes, o trámite na Seguridade Social é requisito para poder obter a tarxeta sanitaria do bebé.
A comisaría
O Libro de Familia actualizado facilita moitos trámites, pero para obter DNI e Pasaporte non basta o Libro de Familia senón que o Rexistro Civil ten que expedir un certificado específico
Malia que para varios deses trámites chega con contar cun certificado da inscrición do bebé no Rexistro Civil, o Libro de Familia actualizado cos datos do novo cidadán facilita as cousas. Pero o Libro de Familia non basta para darlle ao bebé un DNI, á súa vez requisito para que teña un Pasaporte. O Rexistro Civil ten que expedir un certificado específico para o DNI, certificado que ten seis meses de validez pero do que nada din cando se fai a inscrición inicial do bebé, non vaia ser que os pais poidan arranxar os trámites nesa oficina dos xulgados cunha soa visita en lugar de tres cun bebé ás costas.
O sistema informático de cita previa non permite pedilas conxuntamente para DNI e Pasaporte, pero un amable funcionario fixo ver que unha comisaría non era lugar para que un bebé pasase a mañá e facilitou que lle fixesen os dous documentos á vez
E o mesmo pode pasar nas oficinas da Policía Nacional nas que hai que facer o DNI ou o Pasaporte. Por internet, para o caso dos menores, só se pode pedir cita para un ou outro documento, non para os dous á vez, e non sempre é posible conseguir no sistema informático dúas citas próximas no tempo nas que a do DNI vaia antes que a do Pasaporte. Así que, con dúas citas para o mesmo día pero separadas por unha hora e pico de diferencia, a visita á comisaría cun bebé provocou que as persoas, e non os sistemas informáticos, facilitasen as cousas. Un amable funcionario fixo ver que aquel non era lugar para que un bebé pasase a mañá e facilitou que, sen agardar á segunda, na primeira das citas se lle fixesen xa os dous documentos cos que rematou, de momento, a burocrática e por veces analóxica presentación ás autoridades dun novo cidadán postmillenial.