Galicia leva décadas instalada nun intenso rápido proceso de envellecemento, que é común á maior partes dos territorios desenvolvidos, pero que no noso país está especialmente acentuado. Numerosos indicadores son útiles para seguir este fenómeno, dende o incremento da idade media ata o aumento da porcentaxe que representa a poboación maior de 65 anos ou a diminución da porcentaxe de poboación nova.
Grazas á chegada de inmigración procedente do estranxeiro, Galicia recupera o nivel dos 2,7 millóns de habitantes, que perdera hai uns meses
Un destes indicadores, o índice de envellecemento, combina e pon en relación estas dúas últimas estatísticas, pois directamente divide o número de persoas de 65 ou máis anos entre o número de persoas de 15 anos ou menos que viven nun territorio. O resultado, multiplicado por 100 é o índice de envellecemento, de xeito que cando o índice é igual a 100, significa que o número de habitantes de máis de 65 anos é igual ao de menos de 15. E, de igual maneira, cando é 50 representa que hai o dobre de menores de 15 que de maiores de 65.
O INE publicou este martes as estatísticas definitivas de poboación correspondentes ao ano 2019 (ata agora as cifras eras provisionais). Estas cifras confirman que, grazas á chegada de inmigración procedente do estranxeiro, Galicia recupera o nivel dos 2,7 millóns de habitantes, que perdera momentaneamente. Os datos constatan ademais que por primeira vez o índice de envellecemento de Galicia supera o nivel de 200. Ou o que é o mesmo: por primeira vez o número de persoas maiores de 65 anos duplica á dos menores de 15.
A estatística do INE, que se inicia do ano 1975 amosa como ata 1977 o número de menores de 15 duplicaba ao de maiores de 65. A relación foi inverténdose dende entón e en 1994 por primeira vez houbo máis máis maiores de 65 que nenos/as e mozos/as de menos de 15. O pasado ano 2019 o aumento da poboación maior e o descenso da poboación nova completaron a inversión das cifras de 1977.
O Índice de Envellecemento é só in indicador máis que amosa o proceso que vive Galicia de forma destacada. Outro é a media da idade da poboación, que vén experimentando un crecemento sostido dende o ano 1975, cando era de pouco máis de 35 anos. Na actualidade chega xa aos 47,48 anos, case catro anos máis que a media española.
Galicia é unha das tres comunidades autónomas do Estado máis envellecidas, con indicadores moi próximos aos de Asturias e Castela e León
Galicia é, de feito, unha das tres comunidades autónomas do Estado máis envellecidas, con indicadores moi próximos aos de Asturias e Castela e León. As dúas rexións teñen idades medias lixeiramente superiores ás de Galicia e tamén presentan unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos un chisco superior á galega (26,09% en Asturias, 25,44% en Galicia). En cambio, no que atinxe á poboación de máis de 80 anos é Castela-León o territorio unha maior proporción de habitantes (9,28%), por diante de Galicia (8,65%).
Euskadi, Cantabria e Aragón son os tres seguintes territorios máis envellecidos, mentres que Murcia, Canarias, Baleares e Andalucía son as catro comunidades máis novas.
Outro indicador empregado habitualmente para medir o envellecemento dun territorio e os seus efectos sociais e económicos é a taxa de dependencia, que compara a poboación en idade inactiva (menores de 15 e maiores de 65) coa poboación en idade activa (de 16 a 64). Na medida en que este índice aumenta o seu nivel, un territorio pode atopar máis dificultades para soster os seus sistemas de apoio e coidado.
En Ourense a proporción de poboación maior de 65 anos supera o 31% e triplica á de menores de 20
Galicia presenta nestes momento un dos índices de dependencia máis elevados do Estado (61,34%), o que quere dicir que hai máis de 6 persoas en idade 'inactiva' por cada 10 persoas en idade 'activa'. Nos últimos dez anos aumentou en case dez puntos, dende o 52,7%. Tan só Castela e León ten unha taxa de dependencia maior e Galicia sitúase case sete puntos por riba da media española.
Dende o ano 2002, as persoas maiores de 80 anos pasaron de ser 142.000 a 234.000, case o 9% da poboación
A estrutura demográfica de Galicia mudou moito nas últimas décadas. No ano 2002 as persoas menores de 35 anos aínda representaban máis do 40% da poboación e hoxe non chegan ao 30%. En cambio, aumentou a poboación entre 35 e 49 anos e, sobre todo, a de maior idade. O grupo de idade entre 50 e 64 anos pasou de representar o 17% da poboación a ser case o 22%. Ademais, a poboación de máis de 65 anos medrou en 120.000 persoas, especialmente as persoas maiores de 80 anos, que en menos de dúas décadas pasaron de ser 142.000 a ser 234.000, case o 9% da poboación.
En Ourense a proporción de poboación maior de 65 anos supera o 31% e triplica á de menores de 20. En Lugo a porcentaxe é do 29%. E mesmo na Coruña (24,6%) se achega a ese 25%. Tan só Pontevedra mantén unhas cifras de poboación maior notablemente inferiores (22,5%) pero por por riba do grupo de mozos de 20 anos ou menos (17,3%). Ourense é a provincia do Estado cunha maior proporción de poboación de máis de 65 anos. Lugo é a terceira e A Coruña é a décima provincia máis avellentada.
As razóns deste envellecemento son varias: por un lado cada vez nacen menos nenos e nenas en Galicia, nun proceso que continuará medrando, pois cada vez é menor a poboación en idade fértil que vive no país. E, por outra banda, a xente cada vez vive máis anos, unha lonxevidade que constitúe unha estupenda nova e que debe ser xestionada correctamente e aproveitada.
Cada ano morren en Galicia ao redor 15.000 persoas máis das que nacen, o saldo vexetativo máis negativo do Estado en termos absolutos
Nos últimos anos a poboación galega permanece practicamente estancada, cunha lenta tendencia de descenso, que o pasado ano 2019 se interrompeu, cunha pequena suba de pouco máis de dous mil habitantes. Esta estabilidade no número total de residentes, no entanto, prodúcese mentres cada ano morren en Galicia ao redor 15.000 persoas máis das que nacen, o saldo vexetativo máis negativo do Estado en termos absolutos.
Na última década o saldo vexetativo foi empeorando de forma continuada. O dato de -6.454 do ano 2008 converteuse en -15.859 e -15.550 en 2018 e 2019. E o ano 2019 confirmouse como o ano con menos nacementos en Galicia dende que hai rexistros (15.718), sete mil menos que no ano 2009.
A pesar de que A Coruña e Pontevedra son as provincias galegas cunha maior taxa de natalidade e cun maior número de nacementos, tamén son os territorios nos que o seu número está a descender máis rapidamente. Dende o ano 2015, a Coruña pasou de 8.386 a 6.611 nacementos e Pontevedra de 7.032 a 5.815.
O incremento nos últimos anos da chegada de poboación procedente doutros países consegue equilibrar este saldo negativo, cun saldo migratorio externo positivo que no ano 2019 roldou as 17.000 persoas
Porén, o incremento nos últimos anos da chegada de poboación procedente doutros países consegue equilibrar este saldo negativo, cun saldo migratorio externo positivo que no ano 2019 roldou as 17.000 persoas. Mentres, o saldo migratorio interno (diferenza entre as entradas e saídas dende outras comunidades autónomas do Estado) mantense próximo a cero, aínda que é lixeiramente positivos para Galicia dende hai dous anos.
O saldo migratorio experimentou primeiro unha tendencia negativa entre 2008 e 2013/14, nos peores anos da crise económica, que expulsaron á emigración a moitas persoas nacidas en Galicia e limitaron a chegada de inmigrantes. E nos últimos cinco anos tanto as migracións internas como sobre todo as externas comezaron a ofrecer un saldo positivo para Galicia.
No ano 2019 case 25.000 persoas (24.784) chegaron a Galicia dende o estranxeiro, practicamente todas (case 22 mil) nacidas fóra de España. E, en xeral, de idades novas: a maior parte (case 20 mil) tiñan menos de 50 anos e máis de 11 mil menos de 30 anos. Máis da metade proceden de Sudamérica (13.414), principalmente de Venezuela (5.887), pero tamén de Colombia (2.537) e Brasil (1.952) e tamén Arxentina e Perú roldan as mil persoas, o mesmo que Cuba. De África chegaron 1.553 e do resto de Europa ao redor de tres mil, encabezadas por Portugal (940). En canto ás migracións ao estranxeiro de persoas residentes en Galicia, dun total de 7.832 saídas, 2.841 corresponden a persoas nacidas en España. Do resto, Portugal, Romanía e Brasil, con ao redor de 500 persoas, encabezan a lista de emigrantes (case sempre en retorno aos seus países de orixe).
O saldo migratorio co resto do Estado permanece equilibrado (mesmas chegadas que saídas de persoas) dende hai tres anos
No ano 2019, do total de 13.331 saídas a outras comunidades autónomas unha parte importante (máis de tres mil) tiveron como destino Madrid, seguidas de Cataluña, Canarias, Andalucía e Castela-León, todas por riba de mil emigrantes. Á inversa, dun total de 14.222 novos e novas residentes en Galicia chegadas doutros lugares do Estado, de novo Madrid (con case tres mil) foi a rexión da que chegaron (ou regresaron) un maior número de persoas.